Patulate
Patulate | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Liocarcinus depurator adulto
| |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Liocarcinus depurator (Linnaeus, 1758) [1] | |||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||
|
O patulate[2] ou cangrexo de patas azuis[2] (Liocarcinus depurator) é un crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos moi abundante nas rías galegas.[3]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita por primeira vez por Linneo en 1758, na 10ª edición da súa obra Systema Naturae, adxudicándolle o nome de Cancer depurator.[4]
En 1816 foi redescrita por Antoine Risso, que a incluíu no xénero Portunus e a denominou Portunus plicatus.[1]
Ao longo do tempo foi reclasificada noutros xéneros, antes de que a especie fora incluída en Liocarcinus, polo que se lle recoñecen os seguintes sinónimos:[4]
- Cancer depurator Linnaeus, 1758
- Macropipus depurator (Linnaeus, 1758)
- Polybius (Polybius) depurator (Linnaeus, 1758)
- Portunus depurator (Linnaeus, 1758)
- Portunus plicatus Risso, 1816
Características
[editar | editar a fonte]Ten un cacho case oval, moderadamente aplanado, e co dorso con pequenas quillas ou ringleiras transverdsais de granulacións, provistas dalgunhas serdas.[3] O tamaño da casca pode chegar até 50 mm de largo e 40 mm de longo,[5] e pode ser distinguido doutros cangrexos, como o cangrexo común (Carcinus maenas, polas fileiras de manchas brancas na casca.[6]
O primeiro par de patas acaba nunha robusta pinza. Os tres seguintes son longos e rematan nun dáctilo agudo. O quinto par presenta o propodio e o dáctilo aplanados a arredondados, adaptados á natación.[7]
O abdome dos machos, de forma treiangular, vai estreitándose gradulamente da base ao ápice, e presenta os segmentols terceiro a quinto fusionados. O da femia ten a forma máis ancha e arredondada, e non ten fusionados ningún dos segmentos.[3][7]
A superficie do cacho e das patas é de cor castaña tirando a rubia , sendo máis clara pola parte ventral.[7]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Este cangrexo habita nas augas costeiras do mar do Norte, o océano Atlántico, o mar Mediterráneo e o mar Negro.[8]
No Atlántico esténdese desde o norte de Noruega e Suecia até o oeste de África,[4][9] até as costas do Sáhara Occidental.[3][7]
En Galicia
[editar | editar a fonte]Liocarcinus depurator é unha especie moi frecuente nas augas de toda Galicia, tanto nas rías como na plataforma continental, desde augas pouco profundas até os 300 m, sendo máis abundante a menos dos 100 m, e en zonas de maior influencia oceánica. É frecuente, así mesmo, en deteeminadas zonas de area e pedras dispersas. Chega a densidades de 0,44 individuos/m2. Captúrase adoito en arrastres realizados dentro das rías galegas, en fondos lamacentos e areoso-lamacentos.[3]
Hai que destacar que as poboacións de Liocarcinus depurator, xunto coas do seu conxénere Liocracinus navigator, aumentaron considerabelmente a pariir de mediados do século XX, á raíz da instalación das bateas mexilloeiras, debido á modificación dos ecosistemas bentónicos e, a dicir de Gurriarán e outros, constitúén dous dos principais braquiúros nas nosas augas.[10]
De certo interese comercial noutras zonas da península, por exemplo, na rexión pesqueira tramontana (costas de Cataluña e a Comunidade Valenciana), en Galicia péscase ao arrastre para empregar como engado para a pesca da piarda (Atherina presbyter) con mediomundo.[3]
Nomes galegos
[editar | editar a fonte]Non existe aínda un nome vernáculo oficial para a especie Liocarcinus depurator. Na bibliografía consultada encontramos as denominacións de:
- patulate, en Ramonell,[7] nome que Ríos Panisse, na súa monumental Nomenclatura, di que foi recollida por Aníbal Otero na Pobra do Caramiñal para a especie Polybius henslowii.[11] Así mesmo, Lahuerta e Váquez, no seu Vocabulario,[12] dan patulate como sinónimo de cangrexo de patas azuis, evidente tradución do inglés blue-leg swimming crab, ou do francés étrille pattes bleues, que estes autores tamén dan (aínda que os nomes ingleses máis citados son harbour crab,[6] ou sandy swimming crab.[13])
- jaiba, en González Gurriarán,[3] que Ríos Panisse rexistra para o cangrexo común (Carcinus maenas),[14] e para Eriphia spinifrons (hoxe clasificada como Eriphia verrucosa), un cangrexo da familia dos erifíidos coñecido maioritariamente en Galicia como peludo.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 P. K. L. Ng, D. Guinot & P. J. F. Davie (2008). "Systema Brachyurorum: Part I. An annotated checklist of extant Brachyuran crabs of the world" (PDF). Raffles Bulletin of Zoology 17: 1–286. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xuño de 2011. Consultado o 27 de agosto de 2014.
- ↑ 2,0 2,1 VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 186. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985), pp. 90-91.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Liocarcinus depurator (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
- ↑ J. M. Hill (2008). "Liocarcinus depurator. Harbour crab". Marine Life Information Network. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2009. Consultado o 27 de agosto de 2014.
- ↑ 6,0 6,1 Kåre Telnes. "Harbour crab Liocarcinus depurator". The Marine Fauna Gallery of Norway. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2007. Consultado o 27 de agosto de 2014.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Ramonell, R. (1985), pp. 254-255.
- ↑ A. Suat Ateş. "Liocarcinus depurator (Linnaeus, 1758) and Brachynotus sexdentatus (Risso, 1827) (Decapoda, Brachyura): two new records for the Turkish Black Sea fauna" (PDF). Turkish Journal of Zoology 23 (1999): 115–118. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16-02-2012. Consultado o 27-08-2014.
- ↑ Hayward, P. J. & Ryland, J. S. eds. (1990): The marine fauna of the British Isles and North-West Europe: 1. Introduction and protozoans to arthropods. Oxford, UK: Clarendon Press, ISBN 0-19-857356-1.
- ↑ Muíño Boedo, Ramón (1977): Estudio de las poblaciones de Liocarcinus arcuatus y Liocarcinus depurator en relación con el cultivo de mejillón en la Ría de Arosa]. Memoria presentada para aspirar al Grado de Doutor en Bioloxía. Universidade da Coruña.
- ↑ Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 45.
- ↑ Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 210.
- ↑ Andy Horton & Jane Lilley. "Crabs of the seashore of the British Isles". British Marine Life Study Society.
- ↑ Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 28.
- ↑ Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 30.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Patulate |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Patulate |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
- Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- McLaughlin, P. A.; Lemaitre, R. & Sorhannus, U. (2007): "Hermit crab phylogeny: a reappraisal and its “fall-out”". Journal of Crustacean Biology, 27 (1): 97-115. Resumo
- Türkay, M. (2001): "Decapoda" en: Costello, M. J. et al. eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-292. ISBN 2-85653-538-0.
- Ramonell, R. (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
- Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.