Saltar ao contido

Pato branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pato branco

Macho en plumaxe reprodutor.

Femia adulta.
Femia adulta.

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Tadorninae
Xénero: Tadorna
Especie: T. tadorna
Nome binomial
Tadorna tadorna
(Linnaeus, 1758)
Distribución do pato branco       Área de cría.       Presente todo o ano.       Área de invernada.
Distribución do pato branco       Área de cría.       Presente todo o ano.       Área de invernada.

Distribución do pato branco

      Área de cría.       Presente todo o ano.

      Área de invernada.

O pato branco[2][3] (Tadorna tadorna) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae. É un pato común e amplamente estendido en Eurasia e o norte de África. En Galicia é un invernante escaso.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Tres patos brancos nun zoo de Polonia.

O pato branco é unha ave rechamante con aspecto intermedio entre pato e ganso. A súa plumaxe é principalmente branca con zonas negras e de cor castaña avermellada. Ten a cabeza e a parte superior do pescozo negras con irisacións verdes. Presenta unha ancha banda pectoral de cor castaña avermellada que tamén rodea o manto. Presenta zonas de plumaxe negra na liña do ventre, a punta da cola, dúas franxas escapulares e as rémixes (agás as secundarias interiores que tamén son castañas). Tamén presenta unha mancha de cor canela enferruxada na zona infracaudal de beiras difusas. O bico é vermello e as patas rosadas. Ambos os sexos son similares, pero o macho presenta unha protuberancia na base do bico a modo de escudo frontal que xunto co bico incrementa a intensidade da súa cor na época reprodutora. As femias teñen a franxa pectoral máis estreita e presentan algunhas manchas faciais brancas. Os xuvenís carecen da franxa pectoral e o rostro manchado de branco.

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]
Macho en voo.

O pato branco foi descrito cientificamente por Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome de Anas tadorna,[4] que significa 'pato manchado', en referencia á coloración da súa plumaxe. En 1822 Heinrich Boie trasladouno como especie tipo ao xénero Tadorna que creara.[5] É unha especie monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies diferenciadas.[6]

O nome do seu xénero e especie, Tadorna, é unha palabra que procede do nome francés tadorne da ave, que á súa vez procede do termo celta tadorne que significa 'pato manchado'.[7]

Certos ósos fósiles de Dorkovo (Bulgaria) descritos como Balcanas pliocaenica poden en realidade pertencer a esta especie. Máis probablemente é unha especie extinta de Tadorna (se non a un xénero distinto) debido á súa idade do Plioceno temperán; a especie presente non está inequivocamente testemuñada polo rexistro fósil ata uns 2 ou 3 millóns de anos despois (Plioceno tardío/Plistoceno temperán).[8]

Distribución

[editar | editar a fonte]

O pato branco cría na zona temperada de Eurasia. A maioría das poboacións emigran a zonas subtropicais en inverno, pero reside permanentemente en amplas zonas costeiras do oeste de Europa, á parte de movementos cara a zonas máis seguras na época de muda, como o mar de Frisia na costa do norte de Alemaña e os Países Baixos.

Prefiren as augas salobres e salgadas.

Na Península Ibérica, o pato branco é invernante, pero aniña esporadicamente nalgunhas zonas. Ocupa zonas costeiras e tamén lagoas e encoros do interior.

Ovos de Tadorna tadorna no MHNT
Tadorna tadorna.

Comportamento e hábitat

[editar | editar a fonte]

A maioría das parellas abandonan as súas crías antes de que alcancen o seu completo desenvolvemento e marchan a lugares seguros e tranquilos xunto ao mar na época de muda. En dita época, os patos brancos (igual que outros patos) perden as plumas rémixes, o que os fai moi vulnerables aos seus depredadores, porque lles impide voar ata que lles saen as novas. Os polos quedan agrupados en "garderías", ao coidado dunhas poucas femias.

O pato branco habita estuarios, costas pouco profundas e ribeiras de lagos interiores salinos en terreos abertos. Aliméntase de moluscos, pequenos crustáceos, insectos e pequenas cantidades de materia vexetal.

  1. BirdLife International (2012). "Tadorna tadorna". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 4 de marzo de 2015. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 122.
  5. Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Anseriformes
  6. Frank Gill y David Donsker. Screamers, ducks, geese & swans. IOC World Bird List versión 5.1.
  7. Kear, Janet (2005). Ducks, Geese, and Swans. Oxford University Press. p. 420. ISBN 0-19-861008-4. 
  8. Zlatozar Boev. Geologia Balcanica. [www.geologica-balcanica.eu/journal/28/1-2/pp.-53-60 Fossil birds of Dorkovo - an Early Pliocene site in the Rhodope Mts. (Southern Bulgaria)]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]