Partido Agrario Radical Gallego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Regulamento do Comité Agrario Radical de Lóuzara.

O Partido Agrario Radical Gallego (PARG) foi un partido galego de carácter republicano, agrarista e autonomista fundado en xullo de 1931, dirixido por Amador Rodríguez Guerra. A súa zona de implantación limitábase a Pontedeume e comarca e a zona de influencia de Monforte de Lemos. Presentouse ás eleccións de sen conseguir obter representación parlamentaria.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Programa[editar | editar a fonte]

Os obxectivos do partido consistían en: "levantar el espíritu agrario y ciudadano, fomentar la cultura general y crear el amor al trabajo de la tierra y el sano y levantado amor a Galicia". As bases ideolóxicas beben das fontes do rexionalismo agrarista de Solidaridad Gallega e inspíranse nas conclusións das Asembleas Agrarias, especialmente as medidas de apoio ao sector agropecuario, como a creación dun plan de estradas comarcais, a libre importación de millo, a repoboación forestal, o melloramento gandeiro –mediante establecemento de paradas de sementais e matadoiros comunais– e a desaparición dos impostos indirectos. En relación coa cuestión foral –teoricamente resolta en 1926 coa Lei de Redención de Foros– o partido decantábase pola redención a cargo do Estado.

A preocupación polo desenvolvemento educativo levouno a apostar polo establecemento de novas escolas, o apoio ao ensino público coa reforma do plan de estudos, a mellora salarial dos mestres e a galeguización do ensino superior. Propuña tamén a cooficialidade das linguas, o recoñecemento administrativo da parroquia, a institución de tribunais parroquiais e a separación Igrexa-Estado.

O eixo central do programa constituirao a defensa da autonomía rexional para Galicia e a proposta de representación política dos emigrados nos órganos autonómicos.

Dirixentes[editar | editar a fonte]

Entre os membros do comité organizador figuraban Pascual Zaera Rojo, que presidía en 1931 a Sociedad Agraria Republicana de Castro, Leiro y Carantoña; Juan Nodar Martínez, secretario da mesma entidade; Juan González Carballeira, Antonio Grueiro, Víctor del Río Amado, mestre e secretario a mediados dos anos trinta do Grupo Galeguista de Callobre; José Martínez, Ramón Gómez e Pedro Río. O secretario do partido é Amador Rodríguez, radicado en Campolongo.

Implantación[editar | editar a fonte]

As zonas de implantación do partido foron o norte da provincia da Coruña (Pontedeume, Monfero) e o sueste de Lugo, onde se concentran trece das catorce sociedades afiliadas na provincia, nos concellos de A Pobra do Brollón, Sarria, Monforte de Lemos, Samos, O Incio, Folgoso do Courel e Bóveda. En localidades como Lóuzara o partido chegou a contar con 400 afiliados e na Pobra do Brollón, o concello onde o PARG contou cunha maior presenza, varios agrarios acadaron acta de concelleiro nas eleccións de 1931.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O órgano de expresión do partido foi o periódico La Voz del Agro, aparecido en novembro de 1932.

Na campaña electoral do PARG para as eleccións de xuño de 1931 participaron membros do partido, entre eles o Víctor del Río Amado e Amador Rodríguez, e tamén significados republicanos coruñeses, como César Alvajar. Os mitins principais tiveron como escenario a Praza de María Pita na Coruña e Narón.

Ás eleccións o PARG concorreu cunha lista composta por republicanos pertencentes a diversas formacións, encabezada por Santiago Casares Quiroga, presidente da ORGA, e a quen acompañaban o Subsecretario de Comunicacións Gerardo Abad Conde, o reitor da Universidade de Santiago Alejandro Rodríguez Cadarso, César Alvajar, presidente do Casino Republicano e candidato por Alianza Republicana, o agrario ortegano Leandro Pita Romero, integrado na ORGA, e o propio Amador Rodríguez. Algúns nomes que aparecen na candidatura tamén formaban parte da Conxunción Republicano-Socialista, como Ramón Beade Méndez, secretario da Federación Agraria de Betanzos.

A principios de xullo reúnese a Asemblea Xeral do Partido Agrario, disolveuse o Comité organizador e noméase un Comité Rexional. Entre os membros que o compuñan a presenza do elemento campesiño é claramente maioritaria: Emilio Alba Lamas (presidente), Antonio Antelo García (vicepresidente), Amador Rodríguez Guerra (secretario xeral), Juan González (vogal), Antonio Grueiro (tesoureiro), Víctor del Río Amado (vogal), Ramón Gómez Pico (vogal), Juan Nodar (vogal), Manuel Blanco (vocal).

As eleccións de 1933 e o declive do PARG[editar | editar a fonte]

A pesar do gran número de sociedades agrarias adheridas ao PARG, o seu avance electoral amosou un feble crecemento. O resultado acadado nas eleccións de novembro de 1933, moi lonxe do esperado, orixinou a protesta do seu secretario xeral. Segundo o Estudo da situación política da provincia, elaborado polo Ministerio de Gobernación un mes antes das eleccións, o PARG tiña unha previsión de voto do 13,29%. A diferenza das eleccións de 1931, nesta ocasión o PARG presentou unha candidatura propia na que figuraban Amador Rodríguez, Pascual Zaera, David Pérez de Castro, José Andión Estévez e José Méndez García. O cambio político operado a raíz das elección entrañou unha dereitización do réxime e a conseguinte reacción por parte das autoridades contra os sectores máis radicalizados do movemento societario.

Desde mediados de 1935, a consecuencia do avance de forzas como o Partido Agrario Español –significativo en varias áreas da provincia de Lugo-, da defección dalgunhas sociedades ata entón vinculadas ao PARG e das secuelas derivadas da súa estadía no cárcere, debeu producirse un certo afastamento por parte de Amador Rodríguez da actividade política. O PARG non concorreu ás eleccións de febreiro de 1936.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]