Paraneópteros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Paraneoptera")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Paraneópteros
Magicicada septendecim, unha cigarra (Hemiptera)
Magicicada septendecim, unha cigarra (Hemiptera)
Clasificación científica
Reino: Animalia
(sen clasif.) Euarthropoda (clado)
Clase: Insecta
(sen clasif.): Eumetabola
(sen clasif.): Paraneoptera
Ordes

Os paraneópteros (Paraneoptera) forman unha superorde monofilética de insectos, que inclúe catro ordes: os Psocoptera, Phthiraptera, Thysanoptera e Hemiptera.[1] As pezas bucais dos Paraneoptera reflicten diversos hábitos alimenticios. Os grupos basais son comedores de microbios en superficies, mentres que os grupos máis avanzados aliméntanse de plantas ou fluídos animais.[1] En xeral, caracterízanse polas seguintes características comúns:

  • ás xeralmente independentes ;
  • o campo xugal posúe unha soa nervadura ;
  • as pezas bucais máis habituais son de tipo picador, pero hai outras adaptacións ;
  • tarsos das patas con polo menos dous artellos ;
  • cercos rudimentarios ou inexistentes ;
  • desenvolvemento xeral de tipo paurometábolo, con algún holometábolo.

Hemiptera[editar | editar a fonte]

Os Hemiptera son unha orde de insectos na que están incluídos as chinchas, as cigarras e os pulgóns, con de 50 000 a 80 000 especies. Miden desde 1 mm a uns 15 cm, e teñen pezas bucais chuchadoras.

Psocoptera[editar | editar a fonte]

Os Psocoptera é a orde dos piollos dos libros, que comprende unhas 4 400 espeies descritas distribuídas en 3 subordes: Trogiomorpha, Troctomorpha e Psocomorpha. É o primeiro tipo de insectos no que se observa o inicio da transición a ter pezas bucais chuchadoras. É un grupo irmán dos Phthiraptera.

Na natureza encóntranse entre a follaxe, baixo codias ou entre follas caídas. A maioría das especies comen microbios de superficies, algunhas aliméntanse de insectos mortos e unhas poucas especies comen produtos de papel (de aí o seu nome de piollos dos libros). Moitas especies viven de forma gregaria.

Phthiraptera[editar | editar a fonte]

Os Phthiraptera, inclúen os piollos, en total unhas 5 000 especies descritas divididas en 4 ordes. Os Amblycera son o grupo máis basal e parasitan aves e mamíferos. Os Ischnocera son a suborde máis numerosa e parasitan principalmente aves e algúns grupos de mamíferos. Os Rhynchophthirina, son os piollos do elefante, dos que hai 3 especies que parasitan elefantes e suidos en África. Os Anoplura (piollos chuchadores) parasitan só mamíferos.

O corpo dun piollo está aplanado dorsoventralmente e frecuentemente carece de ollos. As patas son fortes para agarrarse aos pelos e plumas do hóspede. Os Amblycera teñen pezas bucais mastigadoras, e os Anoplura téñenas chuchadoras e con estiletes. Os piollos mastigadores aliméntanse de plumas, pelo e detritos da superficie da pel, mentres que os piollos chuchadores se alimentan exclusivamente de sangue. A maioría das especies de piollos son específicos dun hóspede, e os chuchadores son máis específicos que os mastigadores. Hai fortes probas da coevolución hóspede-parasito nalgúns grupos. Como os piollos non teñen ás, a transferencia entre individuos hóspedes xeralmente implica o contacto directo entre eles, por exemplo no apareamento, reprodución e crianza dos fillos, xa que adoitan compartir sitios niño comunais ou mesmo durante as interaccións predador-presa. Os piollos teñen o menor número de estadios vitais de todos os insectos (ovo, 3 ínstares larvarios e adulto).

Thysanoptera[editar | editar a fonte]

A orde dos Thysanoptera, na que están incluídos os trips, comprende unhas 5 500 especies clasificadas en dúas subordes distinguidas polo seu ovipositor. Os Terebrantia teñen un ovopositor cónico ben desenvolvido, mentres que os Tubulifera non. No seu lugar o seu abdome é alongado con forma de tubo.

A boca ten forma dun cono asimétrico, e consta de estiletes perforadores. Os trips teñen vexigas eversibles características nos seus tarsos que proporcionan adhesión ao substrato. Os trips encóntranse xeralmente nas flores. A maioría das especies son fitófagas, alimentándose de flores. Algunhas especies comen fungos e unhas poucas especies son predadoras. O desenvolvemento nos trips é moi exclusivo. Nos Terebrantia o estadio de ovo é seguido por 2 ínstares larvarios, 1 ínstar “prepupal”, un ínstar “pupal” e o estadio adulto. Os estadios prepupal e o pupal son quiescentes e teñen ás rudimentarias. Nos Tubulifera hai 2 ínstares “prepupais” e un “pupal”. Os rudimentos das ás non están presentes no primeiro estadio “prepupal”. O comportamento social vai desde as especies solitarias ás eusociais con división reprodutiva do traballo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 David A. Grimaldi & Michael S. Engel (2005). "The Paraneopteran Orders". Evolution of the Insects. Volume 1 of Cambridge Evolution Series. Cambridge University Press. pp. 261–330. ISBN 978-0-521-82149-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]