Oskar Schindler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Oskar Schindler
Nacemento28 de abril de 1908
Lugar de nacementoSvitavy
Falecemento9 de outubro de 1974
Lugar de falecementoHildesheim
Causainsuficiência hepática
SoterradoMonte Sión
NacionalidadeAlemaña nazi e Alemaña do Oeste
EtniaAlemães dos Sudetos
Relixióncatólico non practicante e Igrexa católica latina
Ocupaciónemprendedor, industrial, vendedor, empresario, membro da resistencia e fabricator
CónxuxeEmilie Schindler
PremiosJustos entre as nações, Ordem de São Silvestre Papa, Officer's Cross of the Order of Merit of the Federal Republic of Germany, Jan Karski Courage to Care Award e Ordem de São Gregório Magno
Na rede
http://www.oskarschindler.com
IMDB: nm0771861 WikiTree: Schindler-439 Find a Grave: 4724 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Oskar Schindler, nado o 28 de abril de 1908 e finado o 9 de outubro de 1974, foi un industrial e home de negocios alemán que salvou algo máis dun milleiro de xudeus[1] do Holocausto xudeu, contratándoos para a súa fábrica de artigos de cociña e munición para a Wehrmacht situada na actual Polonia.

O comezo[editar | editar a fonte]

Schindler naceu en Zwittau, Moravia (actual Svitavy), Bohemia (entón parte do Imperio Austrohúngaro, actualmente na República Checa), no seo dunha rica familia católica que se dedicaba ós negocios. Durante a súa nenez e mocidade tivo entre os seus mellores amigos a familias xudías. Interesado polos automóbiles e motocicletas desde novo, mercou unha Guzzi 250 cc coa que competiu como afeccionado en carreiras de montaña en 1928.[2] Tiña unha irmá á que era moi próximo, Elfriede, 7 anos menor que el.

Durante a Guerra[editar | editar a fonte]

Fábrica de Schindler en Brněnec

Foi un oportunista e hábil home de negocios e non ocultaba a súa afección polas mulleres, as festas e a vida bohemia. Estaba casado con Emilie quen, malia os seus devaneos, profesáballe unha profunda admiración e respecto. Schindler foi recrutado polas SS como informante por un tempo por ser coñecedor dos contactos de comerciantes polacos e xudeus adiñeirados, aproveitándose diso para gañarse a estímaa das altas esferas nazis. Os oficiais nazis vían en Schindler non só a un simpático e agradable donxoán, senón tamén a unha fonte para proverse ocultamente nas festas de damas da alta sociedade alemá, apreciadas pezas e trebellos do mercado negro. Schindler, grazas a estes contactos, viu unha oportunidade de lucrarse cun negocio durante a invasión de Polonia en 1939, que deu comezo á segunda guerra mundial.

Schindler adquiriu a un baixo prezo unha fábrica en Cracovia, á que nomeou Deutsche Emaillewaren-Fabrik. Esta fábrica coas súas instalacións intactas dedicábase á confección de olas e utensilios de cociña en tempos de paz, pero Schindler adaptou a produción para abastecer á Wehrmacht con utensilios de campaña. Como a man de obra xermana resultaba cara e ademais escasa, resolveu negociar co comandante do campo de labores de Plaszow, o coronel das SS Amon Goeth. Dende este campo enviábanse trens con xudeus seleccionados para os campos de exterminio de Auschwitz, Treblinka e Sobibor.

Schindler negociou con Goeth o arrendamento de man de obra en xudeus aptos para o seu negocio, seleccionando entre eles a un contable moi habilidoso chamado Itzhak Stern. Obtivo inicialmente uns 300 traballadores xudeus para traballar alí, coa axuda de Stern. Os xudeus seleccionados traballaban durante o día na fábrica e na noite volvían custodiados por gardas ao campo. Ademais do pago de arrendamento, Schindler debía render un tributo dos beneficios da produción ao coronel Goeth.

A reconversión[editar | editar a fonte]

Ó pouco, grazas a esta convivencia diaria foronse abrindo paso na conciencia de Schindler os relatos das brutalidades e o destino que os nazis daban ós xudeus baixo o nome de "reinstalación xudía". Schindler comezou a tomar gradualmente conciencia que detrás da explotación sistemática e escrava dos xudeus estaba propiciando unha ideoloxía irracional cara ó xudeu. A súa fábrica era unha fiestra cara a unha maquinaría de exterminio masivo. Logo da represión do Gueto de Cracovia da cal Schindler foi testemuña, comezou a mudar a súa actitude cara aos xudeus.

Habilmente negociou co coronel Goeth xudeu por xudeu, pagándolle unha suma determinada de diñeiro para que cada un deles fose empregado na súa fábrica. Os xudeus eran inscritos nunha lista por Stern. Cando o negocio das olas xa non era satisfactorio coa Wehrmacht cambiou o rubro á produción de cápsulas de artillaría para poder manter en pé a fábrica e así ampliar a solicitude de maior man de obra e tamén manter a salvataxe de xudeus dende Plaszow.

Schindler deu instrucións para que unha parte das cápsulas tivesen defectos de fabricación, en especial as de 88 mm e 75 mm coidando de non caer en evidencia de sabotaxe. Ó principio poida que se sentíse moi motivado polo diñeiro (por exemplo, escondendo aos ricos investidores xudeus), pero logo comezou a protexer ós seus traballadores sen ter en conta o beneficio económico. Schindler, grazas á súa habilidade, puido protexer ós xudeus da súa fábrica e salvalos de morrer nos campos de exterminio. A finais de 1944 Schindler puido salvar máis dun milleiro de xudeus, quedando case na bancarrota.

Despois da guerra[editar | editar a fonte]

Tumba de Schindler en Xerusalén

Unha vez liberado o campo de Plaszow polos soviéticos, o coronel Goeth foi aforcado no mesmo campo despois dun xuízo sumario. Despois da guerra Schindler emigrou a Arxentina onde estaba a súa muller, xa que a pesar de axudar ós xudeus, foi buscado por pertencer ás SS. Dedicouse ó negocio da cría de galiñas e lontras.

O goberno de Israel liberouno da persecución en 1955. En 1958 separouse de Emilie e volveu fracasado a Alemaña, xa que os seus negocios en terras arxentinas non prosperaron.

En 1960, o goberno de Israel recoñeceu fondamente a súa iniciativa salvadora para cos prisioneiros de Plaszowr. Foi declarado “Xusto entre as Nacións” polo memorial de Yad Vashem o 1 de xullo de 1967, permitíndoselle plantar unha árbore na Avenida dos Xustos, en Xerusalén,[3] e intentou socorrelo economicamente unha vez que este retornou definitivamente a Alemaña, pero el amablemente rexeitouno e faleceu en Hildesheim á idade de 66 anos, na maior indixencia, en 1974. Foi sepultado no cemiterio católico de Xerusalén.[1]

Cinema[editar | editar a fonte]

A súa historia fíxose famosa a raíz da película A lista de Schindler dirixida por Steven Spielberg interpretada por Liam Neeson. A película mostra a súa vida dende a época de negociante, o desenvolvemento da súa vida na guerra e como as súas axudas e negocios axudaron a salvar a vida de moitos xudeus.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A lista dos xudeus salvados por Schindler pode lerse e contarse Arquivado 30 de outubro de 2018 en Wayback Machine. e o seu número ascende exactamente a 1.098. Outras fontes, como esta carta de Isaak Stern parecen indicar que o número podería ser lixeiramente maior
  2. Crowe, David M. (2004). Oskar Schindler: The Untold Account of His Life, Wartime Activities, and the True Story Behind the List. Cambridge, MA: Westview Press. ISBN 978-0-465-00253-5.
  3. Oskar Schindler - Yad Vashem - official website (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]