Os fillos do mar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os fillos do mar
Bakhuizen, Battle of Vigo Bay.jpg
Imaxe da Batalla de Rande, protagonista da novela.
Autor/a Pedro Feijoo
Cuberta Fran Herbello Hermelo
Orixe Galiza
Lingua galego
Colección edición literaria > narrativa nº 317
Xénero(s) Novela, aventuras, policíaca, novela negra.
Editorial Xerais
Data de pub. Marzo de 2012
Formato rústica cosida a fío
Páxinas 432
ISBN ISBN 978-84-9914-346-0
Seguido por Os fillos do lume

Os fillos do mar é unha novela negra e de aventuras en galego escrita por Pedro Feijoo, finalista do Premio Xerais 2011, e publicada en 2012 pola Edicións Xerais de Galicia. Trátase da primeira novela escrita polo autor.

Argumento[editar | editar a fonte]

A trama desenvólvese en Vigo en novembro de 2010. Simón Varela é un mediocre arquitecto que logo de estudar en Barcelona instalou o seu estudio na cidade olívica. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Aos poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias.

Praia de Fuchiños, en Canido, onde se desenvolve parte da trama.

No sepelio da muller, no cemiterio de Pereiró, coñece a Mariña e Xulio, filla e o fillo da muller, e reencóntrase con Bruno, un home catalán que coñecera nos seus tempos de estudante en Barcelona e que agora é comisario en Vigo. Ao pouco, Simón é informado polo secretario da muller de que é un dos seus testamentarios. Recibe un sobre con datos inintelixibles, e ponse en contacto con Mariña para falar con ela e resolver o misterio. Mariña e Xulio recibiran, amais de bens inmobles e unha grande herdanza, unha pequena moeda de ouro do século XVII, un doblón de a oito español dunha ceca americana. Mariña e Simón queren saber máis sobre a moeda e van consultar o numismático e anticuario Jackob Neumann. Ao saír da tenda, uns matóns róubanlle a moeda.

Bruno, o comisario, está a investigar a Xulio por narcotráfico. Este á súa vez recibe unha chamada dun tal Zé Lucano para faceren negocios xuntos. Concertan unha cita na praia de Samil, no bar Jonathan de Karina Falagan, e acordan que un dos pilotos de planadora de Xulio colaborará con Lucano para unha descarga de gran valor.

Jackob ponse en contacto con Mariña e Simón e explícalles que de novo coñecera ao pai de Mariña. Eneas Dafonte foi o nome escollido por Daniel Beiroa para construírse unha nova personalidade logo da guerra civil española para evitar represalias. Como empresario, creou unha empresa de transportes que servía de tapadeira para axudar refuxiados a marcharen de Vigo. Ao tempo, Jackob Neumann (Neumann é "home novo" en alemán) é o novo nome de Hugo Brauner, e colaboraba con Eneas creando documentación falsa para os refuxiados.

Jackob e Eneas coñecéranse aínda como Hugo e Daniel en marzo de 1939, pouco antes da Segunda Guerra Mundial, cando os alemáns tiñan en Vigo unha base naval. Daniel é un pescador do Berbés, irmán de León e familiares de empresariados tralo Alzamento Nacional. Baixo a aparencia dunha investigación para o Instituto Alemán de Estudos Arqueolóxicos, os alemáns buscaban os restos do naufraxio do Santo Cristo de Maracaibo, buque afundido en 1702 trala batalla de Rande e que traía un gran cargamento de ouro procedente de América. Daniel sabe que o ouro fora escondido no Buraco do Inferno da illa de Ons, e vai ata alá cos alemáns no buque Meeresadler, pero no último momento négase a axudalos ao saber que o propósito da procura non é científico, senón que só é unha treta do Terceiro Reich para conseguir ouro con que financiar a invasión de Polonia. Daniel fai crer que morre nun accidente e comeza a súa nova vida. Entre as persoas que axuda a escapar está o seu irmán León, que marcha a Londres sen saber que a súa muller está embarazada.

Simón ata cabos e nunha anagnórise descobre que León era o seu avó, e que fora por iso polo que Isabel o contratara como arquitecto e lle deixara a el a documentación. Mariña e e Simón van ata a illa de Ons para rescatar o tesouro, e contactan en Bueu con Yago Ray, un mariñeiro da illa de Ons que os leva ata alá. Nun primeiro momento ven que é imposible entrar no buraco, pero Jackob cóntalles o modo en que entrara Daniel. Ao pouco, Jackob morre, e Mariña e Simón entenden que foi matado pola mesma persoa que matou a Isabel.

Sentíndose perseguidos regresan ao Buraco do Inferno e logran entrar, ao modo en que o fixera Daniel, e comproban que o tesouro xa non está alí. Cando están na cova descobren que foran perseguidos por Otto Wesler e o propio Xulio. Otto Wesler é o fillo de Fausto Wessler, director do Instituto Alemán de Estudos Arqueolóxicos que dirixira as investigacións en que participaran Hugo e Daniel. Quere vingar a morte do seu pai e recuperar o tesouro que este procurara. Tras un tiroteo entre Otto e Xulio, este morre, e Mariña e Simón logran escapar. Iníciase unha persecución en planadoras desde a illa de Ons bordeando a comarca do Morrazo por cabo Udra, cabo Home, Cangas e Moaña até a ponte de Rande, onde Yago Ray logra que os seus perseguidores (Otto e mais o piloto de Xulio) batan contra unha batea.

Xa na casa de Mariña, Simón descifra a mensaxe que Eneas lle deixara a Isabel, e descobren que o tesouro está soterrado na Casa Grande de Canido.

Narración[editar | editar a fonte]

É unha novela de aventuras e de intriga, escrita con ton humorístico. Ten un narrador múltiple, desde o narrador omnisciente en terceira persoa até a primeira persoa nas voces de Simón e Mariña. Hai varias analepses para contar sucesos acontecidos tempo atrás.

O tempo histórico abrangue desde comezos do século XVIII ao momento presente, pasando polo século XX. O tempo narrativo dura aproximadamente unha semana, a mediados de outono, o que se reflicte no tempo atmosférico.

A novela está estruturada en 45 capítulos, repartidos en cinco partes. Como prefacio inclúe citas de Voltaire, Mark Twain, Gabriel García Márquez, The Beatles e Suso de Toro.

Personaxes[editar | editar a fonte]

A illa de Ons aparece tamén na novela.
  • Simón Varela, arquitecto vigués
  • Isabel Llobet, muller da alta sociedade
  • Eneas Dafonte Maristany, empresario, marido da anterior (Daniel Beiroa Rodríguez; finado en 1976)
  • Mariña Dafonte, filla de Isabel e Eneas
  • Xulio Ascanio Dafonte, empresario, fillo de Isabel e Eneas
  • Ernest Rovira, avogado, secretario da familia Dafonte-Llobet
  • Jackob Hans Neumann, anticuario (Hugo Konrad Brauner)
  • Fausto Wessler, director do Instituto Alemán de Estudos Arqueolóxicos
  • Otto Wessler, fillo de Fausto
  • Yago Ray, percebeiro de Ons (Jason Ryan)
  • Antón Berasategui Rodríguez, irmán de Daniel e avó de Simón (León Bas Arcai)
  • Elisa, dona de León e avoa de Simón
  • Zé Lucano, contrabandista

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Ficha na web da editorial.