O dous de maio de 1808 en Madrid

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O dous de maio de 1808
A carga dos mamelucos
ArtistaFrancisco de Goya
Data1814
TécnicaÓleo sobre lenzo
MovementoRomanticismo
Dimensións268 cm × 347 cm
LocalizaciónEspaña Museo do Prado (Madrid)

O dous de maio de 1808 en Madrid, tamén chamado A carga dos mamelucos na Porta do Sol, A loita cos mamelucos,[1] ou simplemente A carga dos mamelucos, é, xunto con O 3 de maio en Madrid, un dos cadros máis soados de Francisco de Goya, pintor español. O cadro, pintado en 1814 en óleo sobre tea, atópase no Museo do Prado, en Madrid.

Historia[editar | editar a fonte]

O 24 de febreiro de 1814, Goya dirixe unha carta á rexencia de España, informando da súa pretensión de

... perpetuar por medio do pincel as máis notables e heroicas escenas da nosa gloriosa insurrección contra o tirano de Europa.[2]

O 9 de marzo respondeulle o goberno aceptando pagarlle o importe de lenzos, aparellos e cores. Como resultado, no ano 1814, seis anos despois dos feitos, pintou este lenzo, e Os fusilamentos do 3 de maio na montaña do Príncipe Pío, que plasma os acontecementos do día seguinte ao representado neste cadro.

Hai que resaltar que Goya non asistiu a unha escena similar: pintouna de acordo aos relatos que ouviu sobre o acontecemento. Co cadro quixo, por unha banda, render homenaxe á resistencia española e, por outra, espera conseguir o apoio do novo monarca, Fernando VII, e poder conservar a súa pensión e seguir vivindo en Madrid.[3]

Guerra civil[editar | editar a fonte]

Durante a Guerra civil este cadro, xunto con outros do Museo do Prado, foi sometido a sucesivos traslados e finalmente foi sacado de España e trasladado a Xenebra. Nese traslado deterioráronse algúns fragmentos, como pode observarse nas faltas cubertas de marrón á esquerda do cadro. Cóntase que o camión que transportaba o lenzo rozou un balcón que caía baixo o ataque da artillaría nacional no paso do convoi por Benicarló no seu traslado entre Valencia a Barcelona. Dado que a pintura trasladábase no seu bastidor (non enrolada), sufriu o impacto e desgarrouse.

A pintura antes da restauración de 2008.

Restauración[editar | editar a fonte]

En 1941, cando as pinturas regresaron a Madrid, levouse a cabo unha primeira restauración. Posteriormente, fíxose outra restauración adicional en 2008, na que se amañaron as zonas afectadas, e tamén se reintergraron as figuras desaparecidas con pigmentos á acuarela, tomando como modelo fotografías previas ás perdas.[4] Nos estudos publicados trala restauración, confirmouse que antigamente a obra mostrara a inscrición «2 de maio» no ceo, engadida posiblemente cando permanecía almacenada no século XIX e que foi eliminada con disolventes antes de 1890.[5]

Análise do cadro[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Representa unha escena do levantamento do 2 de maio contra os franceses, comezo da Guerra de independencia española contra Napoleón, que ocupara España en 1808 e puxera como rei ao seu irmán, Xosé Bonaparte. No cadro, os insurxentes españois, atacan os mamelucos, mercenarios exipcios que combaten á beira do exército francés e se produce un violento choque corpo a corpo. Esta revolta foi esmagada de forma sanguenta polo exército de ocupación dirixido por Joachim Murat. Non tódolos autores están de acordo sobre se o fondo da obra se corresponde coa Porta do Sol preto do Palacio Real (esta é a opinión de Charles)[6] ou se esa localización é errónea (esta é a posición de Andioc).[7]

Composición[editar | editar a fonte]

Goya, decidiu representar os cidadáns de Madrid como unha masa anónima, como heroes descoñecidos que empregan as armas máis básicas e crúas coma coitelos no enfrontamento contra un exército de ocupación profesional. Porén, esta idea non agradou ao rei cando regresou, polo que as pinturas non se colgaron publicamente até moitos anos (e gobernos), máis tarde.

Características[editar | editar a fonte]

Os movementos dos cabalos e dos distintos personaxes dotan o cadro dun gran dinamismo. Reflicte a escena con gran realismo, como pode verse a representación dos corpos caídos e os ríos de sangue. No último termo, vese o perfil arquitectónico de Madrid, aínda que tratado de tal xeito que non distrae a atención do acontecemento principal, que domina o primeiro plano.

Goya usa unha pincelada solta. Utiliza un rico cromatismo.

Henrique IV na batalla de Ivry, de Rubens (1627), na Galería dos Uffizi

Influencias[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo se debateu até que punto hai unha clara influencia de obras de Rubens sobre a obra. Mentres semella evidente a influencia do Saturno devorando seu fillo (1636) de Rubens na obra homónima de Goya, algúns autores como Clark, consideraban que "O dous de Maio" era un "fracaso artístico... que non conseguía librarse da influencia de obras semellantes de Rubens".[8] Hoxe considérase que, polo menos unha obra de Rubens, Henrique IV na batalla de Ivry, tivo que estar presente no itinerario italiano de Goya.

Por outrabanda, o seu estilo influirá nalgúns cadros do romanticismo francés, coma nas obras de Géricault ou en "A Liberdade guiando ao pobo" de Delacroix.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El 2 de mayo de 1808 en Madrid o "La lucha con los mamelucos"". museodelprado.es (en castelán). Consultado o 23-3-2020. 
  2. Cirlot (2007), pp. 86-87
  3. Rainer & Rainer (2007), p. 62
  4. Fraguas, Rafael (27-2-2008). "Las viejas heridas de guerra de Goya cicatrizan en el Prado". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-03-23. 
  5. Boletín do Museo do Prado, 2009.
  6. Charles, p. 60
  7. Andioc (2008), p. 15
  8. Clark (1968), p. 127

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]