Saturno devorando un fillo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Saturno devorando un fillo
Francisco de Goya, Saturno devorando a su hijo (1819-1823).jpg
ArtistaFrancisco de Goya
Data1819 - 1823
Técnicaóleo sobre lenzo
Dimensións146 cm × 83 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

Saturno devorando un fillo é unha das pinturas que o pintor español Francisco de Goya realizou directamente, nalgún momento entre 1819 e 1823, sobre os muros da casa onde viviu en Madrid, denominada a Quinta del Sordo. Está realizada ao óleo e pertence á serie denominada Pinturas Negras. Trala morte do pintor, foi trasladada do muro a lenzo e dende entón está exposta no Museo do Prado.

A obra é unha das 14 pinturas negras que Goya pintou directamente sobre as paredes da súa casa nalgún momento entre 1819 e 1823. Foi trasladada ao lenzo despois da morte de Goya e desde entón levouse a cabo no Museo do Prado de Madrid.

Historia[editar | editar a fonte]

Pintada oririnalmente en óleo sobre o revoco dos muros da Quinta del Sordo, xunto co resto das outras Pinturas negra, foi trasladada a lenzo a partir de 1874 por Salvador Martínez Cubells, como encargara o barón Émile d’Erlanger,[1] un banqueiro francés, de orixe alemá, que tiña intención de vendelas na Exposición Universal de París de 1878. En 1881, d’Erlanger cedeullas ó Estado español, que as destinou ó Museo do Prado, onde se expuxeron dende 1889.

Contexto[editar | editar a fonte]

En 1819, Goya mercou unha casa á beira de Manzanares preto de Madrid chamada Quinta del Sordo. Era unha casa de dúas plantas que levaba o nome dun ocupante anterior que fora xordo, aínda que o nome tamén lle acaía a Goya, que quedara xordo despois de contraer febre en 1792.

Entre 1819 e 1823, cando abandonou a casa para se trasladar a Bordeos, Goya produciu unha serie de 14 obras, que pintou con óleo directamente sobre as paredes da casa. Á idade de 73 anos, despois de sobrevivr a dúas enfermidades que ameazaran a súa vida, probablemente, o tema da morte era algo que lle preocupaba e, a maiores, estaba tamén cada vez máis amargado polas liortas civís ocorridas en España. Aínda que inicialmente decorou as habitacións da casa con imaxes máis inspiradoras, co paso do tempo foron converténdose nas desacougantes imaxes coñecidas hoxe como as Pinturas Negras. Estas imaxes, que non estaban destinadas a ser exhibidas publicamente, reflicten o seu estado de ánimo pesimista e escuro con algunhas tensas escenas de malevolencia e conflito.

Comentario da obra[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Saturno era unha das seis que estaban no comedor, á esquerda da fiestra, no muro do lado leste, oposto á entrada do comedor do piso baixo da Quinta del Sordo. Segundo a interpretación tradicional, representa o mito grego do titán Cronos (no título, romanizado como Saturno), quen, temendo que un dos seus fillos o derrocase, comíaos segundo ían nacendo de Ops (Rea na mitoloxía grega), a súa muller.[2]

Goya representa a Saturno devorando a un dos seus fillos, cuxa cabeza e parte do brazo esquerdo xa foron devorados. O brazo dereito, tamén falta, quizais devorado ou doblado cara adiante e oculto ao espectador. A imaxe de Saturno recúrtase contra a escuridade do fondo, coa boca aberta. Unha fonte de luz provén da carne branca, do sangue vermello do cadáver e das articulacións abrancuxadas do propio Saturno, especialmente dos dedos, que prenden fortemente a parte posterior do corpo.

Parece establecido que Saturno foi representado, orixinalmente, cun pene parcialmente erecto,[3] mais, de ser así, este detalle perdeuse ben pola deterioración do fresco co paso do tempo ben pola transposición da pintura ao lenzo levada a cabo por Salvador Martínez Cubells, ben porque, intencionadamente, esta parte do lenzo foi repintada antes da súa exhibición. de calquera xeito, está claro que, hoxen día, a área preto da ingua é difusa e escura.[4]

Análise[editar | editar a fonte]

Saturno, pai de xúpiter, devorando a un dos seus fillos (1636), obra de Peter Paul Rubens.

Téñense proposto moitas interpretacións osbre o significado desta pintura: o conflito entre a mocidade e a vellez, o tempo que devora tódalas cousas, a ira de Deus etc., mais tamén unha alegoría á situación española do momento, cando as guerras e as revoltas consomen a seus fillos. Outras explicacións, baseáronse na relación de Goya co seu propio fillo, Javier, o único dos seus fillos que sobreviviu até chegar á idade adulta, ou sobre a relación coa súa axudanta, e posible amante, Leocadia Weiss,[5] ou sobre a violencia e superstición da Inquisición.[6] Se ben resulta complicada a interpretación do significado da obra, algúns críticos de arte considérana "esencial para a nosa comprensión da condición humana dos tempos modernos do mesmo xeito que os frescos do teito da Capela Sixtina de Michelangelo son esenciais para entende-lo significado do século XVI".[7]

O fillo devorado, cun corpo adulto, ocupa o centro da composición. Como na pintura de Judith e Holofernes, un dos temas centrais é o do corpo humano mutilado. Non só o corpo atroz do neno, senón que, a través do encadramento escollido e a iluminación de clarescuro extraordinariamente contrastada, as pernas do deus mergulláronse desde o xeonllo na negrura, nun baleiro sentimental. Emprega unha gama de branco e negro, aplicada en manchas grosas de cor, só rota polo ocre da carne e a brillante chama branca e vermella da carne crúa do fillo. Francisco Javier Sánchez Cantón comparouno co Saturno que Rubens pintou en 1636 para a Torre da Parada do Palacio do Pardo en Madrid, aínda que no seu estudo sinala como a violencia de Goya é moi superior, desposuída do seu pretexto mitolóxico, prefigurando con el o expresionismo.

Segundo Freud, o tema de Saturno está relacionado coa melancolía e a destrución, e estas características están presentes nas Pinturas negras. Cunha expresión terrible, Goya sitúanos ante o horror caníbal das mandíbulas abertas, os ollos en branco, o xigante envellecido e a masa sen forma do sanguento corpo do suposto fillo. A pintura non só fai alusión ao titán Cronos, que inmutable goberna o curso do tempo, senón que tamén foi o reitor do sétimo ceo e patrón dos septuaxenarios, como xa era Goya. O acto de comer ao seu fillo foi visto, desde o punto de vista da psicanálise, como unha figuración de impotencia sexual, especialmente se a poñemos en relación con outro cadro de paredes que decoraba a sala, Judit matando a Holofernes, un tema bíblico no que a fermosa viúva xudía Judith invita ao vello rei asirio Holofernes, daquela en guerra contra Israel, a un banquete lascivo e, despois de emborrachalo, decapítao.

Influencias[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, tense mencionado que esta obra está inspirada no Saturno de Peter Paul Rubens, de 1636. A pintura de Rubens, que tamén se atopa no Museo do Prado, ten un tratamente máis diáfano e convencional do mito, colocando a gadaña, as nubes, e as estrelas que aluden á súa condición planetaria, sen existir a a ferocidade da que fai gala a obra de Goya. Porén, hai críticos que consideraron máis horripilante a versión de Rubens no sentido de presentar a un asasino calculador se remordementos que, temendo a profecía, asasina ao seu fillo inocente mentres que, na de Goya, represéntase a un home cuxa tolemia o leva a matar o fillo. Tamén son diferentes as figuras dos rapaces: en Rubens é un bebé indefenso e, en Goya, é un adolescente.[8][9]

Por outra banda, hai autores como Bozal, que defenden que o corpo representado por Goya ten unha formas femininas -nas nalgas, cadeiras e pernas- máis ca masculinas.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cfr.Bozal 2005, vol. 2, páx. 247:
    Salvador Martínez Cubells (1842 - 1914), restaurador do Museo do Prado e académico de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, trasladou as pinturas a lenzo por encarga do que naquel momento, 1873, era propietario da quinta, o barón Fréderic Emile d'Erlanger (1832 - 1911) Martínez Cubells realizou este traballo axudado polos seus irmáns Enrique e Francisco (...)
  2. "Hesíodo. Teogonía" (PDF). campus.usal.es (en castelán). p. 6. Consultado o 29 de marzo de 2021. 
  3. Morden & Pulimood 2006, p. 375.
  4. Connell 2004, p. 209.
  5. Hagen & Hagen 2007, p. 76.
  6. Eisenman 2001, p. 94
  7. Licht 1983, p. 71.
  8. Licht 1983, p. 168.
  9. Connell 2004, p. 210.
  10. Bozal 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bozal, Valeriano (2005). Francisco Goya, vida y obra (en castelán). 2 vols. Madrid: Tf Editores. ISBN 84-96209-39-3. 
  • Bozal, Valeriano (2009). Pinturas negras de Goya (ebook) (en castelán). Madrid: Machado Grupo de distribución. ISBN 978-84-9114-038-2. 
  • Connell, Evan S. (2004). Francisco Goya: A Life (en inglés). Nova York: Counterpoint. ISBN 978-1-58243-307-3. 
  • D'Ors Führer, Carlos; Morales Martín, Carlos (1990). Francisco de Goya. Colección: Los genios de la pintura (en castelán). Madrid: Sarpe. ISBN 84-7291-543-3. 
  • Eisenman, Stephen F. et allii (2001). Historia crítica del arte del siglo XIX. Colección: Arte y Estética (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 8446010550. 
  • Glendinning, Nigel (1993). Francisco de Goya. Colección: El arte y sus creadores», nº 30 (en castelán). Madrid: Cuadernos de Historia 16. 
  • Hagen, Rose-Marie; Hagen, Rainer (2003). Goya (en castelán). Colonia: Taschen. ISBN 3-8228-2296-5. 
  • Licht, Fred (1983). Goya: The Origins of the Modern Temper in Art (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 978-0064301237. 
  • Morden, Karen; Pulimood, Stephen (2006). 1001 Paintings You Must See Before You Die (en inglés). Londres: Quintet Publishing. ISBN 1-84403-563-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]