A figura do cego é metafórica da perda de valores en que quedou a sociedade e a cegueira na que os protagonistas daquela triste historia da loita civil se viron obrigados a vivir despois do alborexar galeguista dos últimos anos da República.
A xeración que fixo a guerra está representada simbolicamente polo protagonista, un home que quedou cego tras o estalido dunha granada: esa cegueira metaforiza a imposibilidade de dar unha visión integral e obxectiva do sucedido.
Durante a noite caeu unha grande bategada. Despois da bategada da noite, clarea gris, mollado, empozado, invernizo… Vén a mañá en ondas frescas, alagando a escuridade. As cousas non dan aínda sombra. As sombras son esleíntes, esborranchadas, coma luz batida, coma humidade de sal. Asubía, único, nunha árbore follosa, un paxariño invisíbel. Asubía con dozura de auga prateada. Vai crarexando mais. Na casa de Pumardedón, o patio cadrado durme aínda. Unha tella saídiza queda contando pingas azuis. As pingas brousan sobre unha pucharca que, embaixo, baila buxainas líquidas...
”
—Capítulo XXII, p. 139
I. Mauro, un home cego, esperta durante a noite en Pumardedón (Pumar de Don, lugar da parroquia de Santa María, no concello de Lourenzá) onde leva unha vida retirada, lonxe do mundo urbano. El criárase na cidade, entre libros, altas casas de pedra, automóbiles e asfalto. Sae da casa e coincide co vello caseiro.
II. Pasea polo xardín e lembra os faladoiros da cidade. Despois volve á casa, onde o saúdan a súa muller Laura (coa que casou despois da guerra) e o seu irmán. Alí senta no seu asento habitual.
III. Toma coñac. Escoita unhas campás fúnebres que lle espertan a evocación dun convoi ferroviario militar, ateigado de soldados, onde, entre outros, van el, Roxelio (compañeiro universitario de Mauro) e Lourezo (un rapaz imberbe). Noutra lembranza, Mauro chega como combatente de refresco ás trincheiras. Xunto a el ten a Lourenzo e a Roxelio.
↑Tradución de gl.wikipedia. Orixinal en castelán: La generación que hizo la guerra está representada simbólicamente por el protagonista, un hombre que quedó ciego tras el estallido de una granada: esa ceguera metaforiza la imposibilidad de dar una visión integral y objetiva de lo sucedido.