Cambrai, Francia
Coordenadas: 50°10′36″N 3°14′08″L / 50.17667, -3.23556
Cambrai Kamerijk (en neerlandés) | ||
---|---|---|
Catedral de Notre-Dame de Cambrai | ||
Localización | ||
![]() | ||
País | ![]() | |
Rexión | Hauts-de-France | |
Departamento | Norte | |
Arrondissement | Cambrai | |
Xeografía | ||
Altitude | Min. 41 Max. 101 msnm | |
Superficie | 18,12 km² | |
Demografía | ||
Poboación | 32 176 habitantes (2019) | |
Densidade | 1 776 hab./km2 | |
Xentilicio | cambrésiens/cambrésiennes | |
Outros datos | ||
Código postal | 59400 | |
Alcalde | François-Xavier Villain (UDI) 2020-2026 | |
Páxina web oficial |
Cambrai é unha comuna e cidade francesa do departamento de Norte (do cal é unha subprefectura), na rexión Hauts-de-France. É un centro industrial nas beiras do río Escalda.
Xeografía[editar | editar a fonte]
Situada a unha altitude entre os 41 e os 101 msnm, o municipio ocupa unha superficie de 18,12 km².[1]
Segundo o censo de 2019 tiña unha poboación de 32 176 habitantes,[1] cunha densidade de poboación nese ano de 1776 hab./km2.
A cidade de Cambrai está situada no sur do departamento do Norte. Pertence á densa rede de cidades do Norte separadas por unhas poucas decenas de quilómetros: Douai está a só 24 km, Valenciennes a 29 km, e Arras a 36 km. A capital rexional, Lille, está a 52 km.[2]
Cambrai non está lonxe de varias capitais europeas: Bruxelas está a 108 km, París a 160 km e Londres a 280 km.[2]
Demografía[editar | editar a fonte]
Ano | 1793 | 1896 | 1921 | 1946 | 1975 | 1982 | 1990 | 2007 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Poboación | 15 427 | 25 250 | 26 023 | 26 129 | 39 049 | 35 272 | 33 092 | 32 296 |
Historia[editar | editar a fonte]
As súas orixes están na cidade romana de Camaracum. Foi capital dun reino franco de 445 a 509. Durante a Idade Media foi sé dunha importante arquidiocese. O territorio de Cambrai case coincidía co territorio histórico de Flandres, incluíndo grandes partes dos Países Baixos.
Desde o ano 1543 pertenceu á Casa de Habsburgo. Despois do Edicto perpetuo de 1577 pasou a mans francesas e, de novo, foi recuperada por Filipe II de España o 9 de outubro de 1595.[3] Luís XIV incorporouna a Francia o 19 de abril de 1677, tras un asedio de 29 días na Guerra franco-neerlandesa.[4]
Gozou dun carácter simbólico, e nela asináronse diferentes convencións ou alianzas:
- Liga de Cambrai. Alianza de diferentes estados europeos contra Venecia, asinada o 10 de decembro de 1508.
- Paz de Cambrai, tamén chamada Paz das Damas, un tratado asinado entre Carlos I de España e Francisco I de Francia o 5 de agosto de 1529.
- Congreso de Cambrai. Negociacións a escala europea levadas a cabo entre 1721 e 1727.
Na primeira guerra mundial[editar | editar a fonte]
Do 20 de novembro ao 17 de decembro de 1917, a cidade de Cambrai foi escenario da batalla de Cambrai, dentro da primeira guerra mundial, quedando practicamente destruída. Esta batalla destaca porque os tanques foron utilizados por primeira vez de forma regular. Unha segunda batalla tivo lugar na localidade do 8 ao 10 de outubro de 1918, como parte da ofensiva dos Cen Días.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 EHESS (ed.). «Cambrai - Notice Communale».
- ↑ 2,0 2,1 Cambrai. Calcul de l'orthodromie.
- ↑ Ibáñez, José Javier Ruiz (1999). Felipe II y Cambrai: el consenso del pueblo: la soberanía entre la práctica y la teoría política (1595-1677). ISBN 978-84-9514-611-3. Consultado o 24 de novembro de 2022.
- ↑ MeisterDrucke. "La toma de Cambrai en 1677 por Luis XIV (1638-1715...". MeisterDrucke (en castelán). Consultado o 24 de novembro de 2022.