Narco (banda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Narco (banda)
Na rede
Twitter: LosNarco MySpace: narcosevilla Spotify: 1LtOyg9h0sJidHIFXLaICB Musicbrainz: f544ae82-bb7d-4790-a7df-ac3aa58a5266 Songkick: 75263 Discogs: 675007 Allmusic: mn0001831056 Editar o valor em Wikidata

Narco é un grupo de música rap metal procedente de Sevilla (España), do distrito obreiro de La Macarena. As súas letras falan de experiencias psicotrópicas, noites de desenfreo, o negocio do narcotráfico, o rexeitamento á autoridade, a hipocrisía relixiosa ou historias de crimes macabros.

Historia[editar | editar a fonte]

O grupo naceu en 1996 como Lumpen, e posteriormente cambiou o seu nome a Narco. Tras un primeiro sinxelo titulado «Narco» e unha xira con Def Con Dos gravaron o seu primeiro disco, Satán vive (Bruto/Dro/Warner), co que empezaron a dar multitude de concertos por toda España. O disco inclúe 11 temas, e o grupo compúñano Chato Chungo (voz), Vikingo M.D. (voz), DJ Muerte (DJ, samples), Amnésico (baixo), Diablero Díaz (guitarra) e Manipulador (batería). Producido por Jesús Arispont (baixista e produtor de Def Con Dos), foi gravado e mesturado nos estudios Box (Madrid) e masterizado en Metrópolis (Londres) por Ian Cooper.

En abril de 1999 publicaron o seu segundo traballo, Talego pon pon. Foi gravado nos estudos Box, mesturado en Red Led (Madrid) e masterizado outra vez en Metrópolis por Ian Cooper. Tras varios anos na estrada, finalmente o grupo conseguiu situarse na primeira liña do rock nacional. Aínda fieis á liña sónica iniciada co seu primeiro disco, a nova obra evidenciou unha maior profesionalidade e uns medios que lles permitiron achegar novos matices á súa particular visión do thrash e o hip hop. Amais, seguiron contando con Jesús Arispont (Def Con Dos, Freak XXI).

Unha xira con certo éxito deulles confianza e beneficios suficientes para editaren o terceiro disco da súa carreira, Chaparrón de plomo. Inclúe máis electrónica, máis samplese máis scratches, sen deixar de lado a distorsión das súas riffs. Con Jesús Arispont de novo na produción, gravouse unha vez máis en Box, mesturouse en Sincronía (Madrid) e masterizouse en Sonoland (Madrid).

Dous anos despois o grupo decidiu sacar un DVD do seu concerto na Sala Caracol de Madrid en febreiro de 2001. En 2002 editaron Registro de penados y rebeldes no que Chato Chungo xa non figura na formación, con Vikingo M.D. a cargo das voces. Este disco, con máis rock e máis electrónica, foi gravado nos estudos Sound Farm (Dos Hermanas, Sevilla), mesturado en Q-studios (Madrid) e masterizado por Jesús Arispont en Masterispont (Madrid). O disco trouxo bastante polémica, xa que incluía unha pista interactiva co videoxogo Matanza cofrade.

Algunhas irmandades católicas de Sevilla interpuxeron unha denuncia contra o grupo aducindo que o videoxogo atentaba contra a liberdade de conciencia e os sentimentos relixiosos. Tras a denuncia retiráronse do mercado 5.000 discos de Registro de penados y rebeldes e a Garda Civil clausurou a súa páxina web. Os membros do grupo foron chamados a declarar ante a Garda Civil e resultaron todos eles absoltos, non así o informático que deseñou o videoxogo. Este pediulles que non removesen máis o tema porque podía terminar no cárcere.

Un ano despois da polémica o grupo decidiu separarse e Vikingo M.D. seguiu co seu proxecto paralelo, co cal gravou o disco Aquí estoy yo (2005). Nos seus concertos adoita interpretar temas de Narco, como La cucaracha ou Puta policía.

En 2008 Vikingo M.D. explicou nunha entrevista que Narco se reuniría de novo para unha xira que comezaría en febreiro dese ano, editar un disco en directo, un de grandes éxitos e un novo álbum. A esa reunión acudiron todos os compoñentes orixinais agás Chato Chungo, que segundo comentou o grupo estaba na cadea. Con todo, era o único que estaba disposto a reunilos outra vez, mais obviamente sen cantar. O seu substituto foi Distorsión Morales, quen é tamén integrante da banda de fusión core Falso Dogma. Amais editou varias gravacións de rap en solitario co seu alter ego S Curro.

O novo álbum, o recompilatorio Alijos confiscados 1996/2008, repasa toda a carreira do grupo andaluz. Co disco ofreceron unha serie de concertos en que aseguraron que lles veu moi ben o parón, xa que os axudou a volver empezar con moitas ganas e coa mesma enerxía cá dos seus inicios.

«Non perdemos o contacto, somos todos colegas e había ganas de volver ver á xente nos escenarios». Vikingo M.D.

Déronlle a Alijos confiscados 1996-2008 e ao directo o enfoque dos primeiros discos, o hardcore-metal. O recompilatorio, soporte da nova serie de directos, agrupou 19 temas que achegan unha panorámica deses anos. Incluíu tres cancións inéditas, algunhas remasterizadas e o resto extraídas directamente dos outros discos. O obxectivo foi reunir os temas máis difíciles de atopar ou algunhas versións, como a de «A quién le importa» de Alaska ou a de «Esta noche» de Barricada.

Actuación no Festival A Candeloria de 2016 en Lugo

A finais de 2009, unha vez liberados do seu compromiso coa multinacional Warner, Narco anunciou oficialmente no seu Myspace o novo álbum, que saíu o 25 de xaneiro de 2010. O grupo confirmou que se titularía Alita de mosca, en alusión á droga homónima, unha cocaína máis pura cá común e de textura escamenta (de aí a analoxía coa á de mosca). O disco saíu á venda a través de Maldito Records con 2 versións: a normal (con 13 cancións) e unha edición especial limitada e numerada da 0001 á 2000. Inclúe un libreto de 16 páxinas, un cartel en A3, un adhesivo e o bonus track «Julio César Chaves», un tema tributo ao puxilista mexicano. Por outra banda, case ao mesmo tempo, Distorsión Morales, baixo o alter ego de S Curro, publicaba o seu segundo LP en solitario, Distorsión.

En 2012 sacaron un CD remestura do seu anterior traballo, Alita de mosca, La rave del inferno (Alita de mosca remixes). O 15 de xaneiro de 2013 publicaron o LP Versiones para no dormir. Contén versións de grupos como The Prodigy, Dead Kennedys ou Eskorbuto, e colaboracións de artistas como Juan (Soziedad Alkoholika) ou Finito de Badajoz (Reincidentes).

Tras varias xiras durante case dous anos presentando o disco de versións en directo, en decembro de 2014 editaron Dios te odia. Ese disco supuxo para eles alcanzar a madurez na nova etapa, cun son moi definido que incorpora os elementos clásicos de Narco e outros novos. Na primavera de 2016 sae do grupo o batería Manipulador, un dos membros fundadores do grupo, que é substituído por Caraperro.

A finais de 2017 sae á venda o oitavo disco, Espichufrenia.

O 3 de xuño de 2019 Vikingo MD, cantante e membro fundador de Narco, foi despedido da banda. O grupo declarou que se debeu a «episodios de violencia» protagonizados polo cantante. Segundo relata el, «despois da colaboración de Chimo Bayo baixáronno da furgoneta a 900 km da súa casa e déronlle a patada de mala maneira». Tras ese polémico episodio o grupo paralizou a xira en que se atopaba e retomárona un tempo despois con Chino (o Chupasangre) como cantante temporal. Ao final desta xira deron o concerto «El subidón final» o 29 de novembro de 2019 en Madrid, cheo de invitados e con antigos integrantes da banda. Con este último concerto a banda pechou a súa carreira musical durante varios meses. Os diferentes membros de Narco seguiron a súa carreira musical en diferentes proxectos como Forza la Makina, Califato 3/4 ou Kadavra.

En setembro de 2022 o grupo anunciou nas súas redes sociais a súa volta á actividade. Presentou unha formación renovada con dous novos compoñentes: Rey Ezequiel na voz e El Tragabuche aos teclados. En decembro de 2022 publicaron un novo disco, Parásitos, con 10 cancións e diversas colaboracións entre a que destaca a de Chato Chungo, vocalista na primeira etapa da banda.

Membros[editar | editar a fonte]

Actuais
  • Distorsión Morales – Voz (2008–2019 / 2022–presente)
  • Rey Ezequiel – Voz (2022–presente)
  • Diablero Díaz – Guitarra (1996–2004 / 2008–2019 / 2022–presente)
  • Amnésico – Baixo (1996–2004 / 2008–2019 / 2022–presente)
  • Caraperro – Batería (2016–2019 / 2022–presente)
  • Abogado del Diablo – DJ (1998–2004 / 2008–2019 / 2022–presente)
  • El Tragabuche – Teclados (2022–presente)
Anteriores
  • Vikingo MD – Voz (1996–2004 / 2008–2019)
  • Chino – Voz (2019)
  • Chato Chungo – Voz (1996–2001)
  • Manipulador – Batería (1996–2004 / 2008–2016)
  • DJ Muerte – DJ (1996–1998)

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

  • Satán vive (1997)
  • Talego pon pon (1999)
  • Chaparrón de plomo (2001)
  • Registro de penados y rebeldes (2002)
  • Alita de mosca (2010)
  • Versiones para no dormir (2013)
  • Dios te odia (2014)
  • Espichufrenia (2017)
  • Parásitos (2022)

Outros[editar | editar a fonte]

  • Alijos confiscados 1996/2008 (2008) - Recompilatorio
  • La rave del infierno (Alita de mosca remixes) (2012) - Álbum remix
  • La Sevilla del diablo (2012) - Split con Reincidentes

Vídeo[editar | editar a fonte]

  • Ambiente Cadáver [1]
  • El atraco (2006) [2]
  • Hace falta una guerra (2011) [3]
  • Estrellas en el pecho (Dub Elements Remix) (2012)[4]
  • Huracán (con Reincidentes) (2012) [5]
  • Quiero ser párroco (Eyaculación Post-Mortem) (2013) [6]
  • Demolición (Los Saicos) (2013) [7]
  • Ven a Torreblanca (Pixies) (2013) [8]
  • Ahí fuera (vive Satanás) (2014) [9]
  • P€rro$ (2015) [10]
  • El Trapichero (2017) [11]
  • Yoni el Robot (con Space Surimi) (2018) [12]

Singles[editar | editar a fonte]

  • La Raza (último corte publicado no álbum Kontaminación R.A do grupo Dr. Bad, composto e interpretado por Narco).
  • Narco
  • Kolikotron
  • A tomar por culo el mundo
  • Vizco
  • El atraco