Musofáxidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Musophagiformes")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Musophagidae
Rango fósil:
Oligoceno - Holoceno, (24-0 Ma)
Tauraco persa
Tauraco persa
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Musophagiformes
Seebohm, 1890
Familia: Musophagidae
Lesson, 1828
Xéneros
Sinonimia
  • Apopempsidae Brodkorb, 1971b
  • Veflintornithidae Kašin, 1976

Os musofáxidos (Musophagidae), que significa literalmente 'comedores de plátanos', a maioría xeralmente chamados turacos, son unha familia de aves. Son aves semicigodáctilas, xa que poden mover a súa cuarta deda (a externa) adiante e atrás. A segunda e terceira dedas, que sempre apuntan cara adiante, están unidas entre si nalgunhas especies. Os musofáxidos a miúdo teñen cristas prominentes na cabeza e colas longas; os turacos son notables polos seus peculiares e exclusivos pigmentos que lles dan brillantes cores verdes e vermellas ás súas plumas.

Tradicionalmente, este grupo foi asociado cos cucos na orde Cuculiformes, pero a taxonomía de Sibley-Ahlquist elevou este grupo a unha orde propia chamada Musophagiformes. Foron propostos como ligazóns entre o hoatzín e as outras ordes de aves,[1] pero isto foi posteriormente discutido.[2] Análises xenéticas recentes apoian fortemente darlle categoría de orde a Musophagiformes.[3][4][5]

Os musofáxidos son paxaros arbóreos de mediano tamaño endémicos da África subsahariana, onde viven en bosques e sabanas. O seu voo é débil, pero poden desprazarse rapidamente polo dosel arbóreo. Aliméntanse principalmente de froitas e en menor medida de follas, gromos e flores, ocasionalmente comen insectos, caracois e lesmas. Como suxire o seu nome, encántanlles os plátanos e poden ser domesticados como para podelos alimentar á man. Tamén comen uvas e papaia.

Son aves gregarias que non migran senón que se moven en grupos familiares de ata 10 individuos. Moitas especies de musofáxidos son ruidosas, e algunhas son coñecidas polas súas penetrantes chamadas de alarma, que alertan á demais fauna da presenza dun predador ou cazador. Os musofáxidos constrúen grandes niños de paus nas árbores, e poñen 2 ou 3 ovos. Os xoves nacen cunha grosa capa de penuxe e cos ollos abertos ou case abertos.[6]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Femia de Corythaixoides leucogaster.

A maioría dos turacos son aves de medio tamaño (unha excepción é o Corythaeola cristata) de longas colas e ás curtas e arredondadas. A súa lonxitude vai de 40 a 75 cm. O seu voo é débil, pero son grandes trepadores e poden moverse axilmente nas ramas e a través da vexetación. Os xuvenís teñen garras nas ás que lles axudan a gabear.[7][8][9] O seu pé é peculiar, xa que a cuarta deda pode ser movida cara a parte de atrás do pé ata case tocar a primeira deda, ou movida para achegala ás segunda e terceira dedas. Malia esta flexibilidade normalmente colocan a deda en ángulo recto con respecto ao eixe do pé.[10]

A plumaxe dalgúns grupos de musofáxidos é principalmente gris e branca. Pero os turacos máis típicos teñen rechamantes cores, xeralemnte azuis, verdes ou púrpuras. A cor verde dos turacos procede da turacoverdina que posúen, que é o único pigmento realmente verde coñecido nas aves. Outras cores "verdes" das aves son en realidade unha combinación de pigmento amarelo e certos carotenoides, xunto coa estrutura física prismática da propia pluma, que dispersa a luz dun modo especial e lles dá un ton azul. As ás dos turacos conteñen o pigmento vermello turacina, a diferenza doutras aves nas cales a cor vermella se debe a carotenoides. Ambos os pigmentos derivan de porfirinas e só se coñecen polo momento nos Musophagidae, pero é probable que a pouco estudada turacoverdina teña derivados noutras aves. A incidencia da turacoverdina para a vida do animal segundo os hábitats é de grande interese para os científicos, xa que está presente nas especies de turacos de bosque pero ausente en especies que viven na sabana e nas acacias.[10]

Sábese pouco da lonxevidade dos turacos na natureza, mais en catividade teñen unha vida excepcionalmente longa, de ata 30 anos. Unha destas aves da colección do Cotswold Wildlife Park (Reino Unido) chegou a case 37 anos.[11]

Evolución e sistemática[editar | editar a fonte]

O xénero fósil Veflintornis atopouse en estratos do Mioceno medio de Grive-Saint-Alban (Francia). Foi nomeado como Apopempsis por Pierce Brodkorb en 1971, pero este nome xa se utilizaba para uns escaravellos desde 1903. "Apopempsis" africanus (do Mioceno inicial de Kenya) podería pertencer tamén a este xénero.[12]

Outro material fósil de posibles musofáxidos de Exipto e tamén de depósitos do Oligoceno tardío de Gaimersheim (Alemaña) e do Mioceno medio de Grive-Saint-Alban[13] e Vieux-Collonges (de Francia ambos).[12] Aínda que non é completamente seguro que estes fósiles sexan realmente turacos, parece que a familia evolucionou no Oligoceno de Europa central ou quizais no norte de África, e posterioremnte cambiaron a súa distribución máis ao sur. O clima desas rexións europeas durante o Paleoxeno tardío non era moi distinto ao da África tropical actual; o deserto do Sahara aínda non se formara e a distancia a través do Mediterráneo non era moito maior que a de hoxe. Xa que logo, este movemento cara ao sur debeu de ser moi lento e gradual nunha área de distribución moi grande e continua.

Corythaeola cristata.

O fósil Promusophaga do Eoceno temperán críase inicialmente que era o fósil máis antigo de turaco; finalmente isto foi reconsiderado e hoxe pénsase que é un parente da avestruz e encádrase na familia de ratites Lithornithidae. Filholornis do Eoceno tardío ou Oligoceno temperán é considerado algunhas veces un musofáxido, pero as súas relacións sempre foron moi discutidas. Xeralmente xa non se considera un turaco nas obras máis recentes e algúns considérano un sinónimo do presunto gruiforme Talantatos, aínda que non é seguro que isto sexa amplamente aceptado.[12]

Filoxenia[editar | editar a fonte]

A seguinte filoxenia baséase nos traballos de John Boyd.[14]


Corythaeolinae

Corythaeola cristata

Criniferinae

Criniferoides leucogaster

Crinifer

C. piscator

C. zonurus

Corythaixoides

C. personatus

C. concolor

Musophaginae
Gallirex

G. porphyreolophus

G. johnstoni

Menelikornis leucotis

Pseudopoetus macrorhynchus

Musophaga

M. violacea

M. rossae

Tauraco
(Proturacus)

T. (P.) bannermani

T. (P.) erythrolophus

T. (P.) leucolophus

(Tauraco)

T. (T.) schuettii

T. (T.) schalowi

T. (T.) hartlaubi

T. (T.) ruspolii

T. (T.) persa

T. (T.) corythaix

T. (T.) fischeri

T. (T.) livingstonii

Especies[editar | editar a fonte]

As especies de Musophagidae, en secuencia taxonómica, son:[15][16][17]

Orde Musophagiformes Seebohm 1890

  • Familia Musophagidae Lesson 1828 [Apopempsidae Brodkorb, 1971b; Veflintornithidae Kašin, 1976]
    • Xénero †Veflintornis Kašin 1976 [Apopempsis Brodkorb 1971 non Schenkling 1903]
      • V. meini (Ballmann 1969) Kašin 1976 [Musophaga meini Ballmann 1969; Apopempsis meini (Ballmann 1969) Brodkorb 1971]
      • V. africanus (Harrison 1980) [Musophaga africanus Harrison 1980; Apopempsis africanus (Harrison 1980)]
    • Subfamilia Corythaeolinae
      • Xénero Corythaeola Heine 1860
        • Corythaeola cristata (Vieillot 1816) Heine 1860
    • Subfamilia Criniferinae
      • Xénero Criniferoides Roberts 1926
        • Criniferoides leucogaster (Rüppell 1842) Roberts 1926
      • Xénero Corythaixoides
        • Corythaixoides concolor
        • Corythaixoides personatus
      • Xénero Crinifer
        • Crinifer piscator (Boddaert 1783)
        • Crinifer zonurus (Rüppell 1835)
    • Subfamilia Musophaginae
      • Xénero Gallirex
        • Gallirex johnstoni
        • Gallirex porphyreolophus
      • Xénero Pseudopoetus
        • Pseudopoetus macrorhynchus (Fraser 1839)
      • Xénero Musophaga
      • Xénero Menelikornis
        • Menelikornis leucotis (Rüppell 1835)
      • Xénero Tauraco
        • Tauraco bannermani (Bates 1923)
        • Tauraco leucolophus (Heuglin 1855)
        • Tauraco erythrolophus (Vieillot 1819)
        • Tauraco persa (Linnaeus 1758)
        • Tauraco corythaix (Wagler 1827)
        • Tauraco livingstonii Gray 1864
        • Tauraco fischeri (Reichenow 1878)
        • Tauraco schuettii (Cabanis 1879)
        • Tauraco schalowi (Reichenow 1891)
        • Tauraco hartlaubi (Fischer & Reichenow 1884)
        • Tauraco ruspolii Salvadori 1896

Interaccións cos humanos[editar | editar a fonte]

As brillantes plumas carmesís dos turacos estaban moi cotizadas como símbolos de status da realeza e xefes de toda África, como, por exemplo, nas familias reais swazi e zulú.[18]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hughes & Baker (1999)
  2. Sorenson et al. (2003)
  3. Ericson, P.G.P.; et al. (2006). "Diversification of Neoaves: integration of molecular sequence data and fossils" (PDF). Biology Letters 2 (4): 543–547. PMC 1834003. PMID 17148284. doi:10.1098/rsbl.2006.0523. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de marzo de 2008. Consultado o 09 de xaneiro de 2017. 
  4. Hackett, S.J.; et al. (2008). "A Phylogenomic Study of Birds Reveals Their Evolutionary History". Science 320 (5884): 1763–1768. PMID 18583609. doi:10.1126/science.1157704. 
  5. Jarvis, E.D.; et al. (2014). "Whole-genome analyses resolve early branches in the tree of life of modern birds". Science 346 (6215): 1320–1331. PMC 4405904. PMID 25504713. doi:10.1126/science.1253451. 
  6. Marchant, S. (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. p. 125. ISBN 1-85391-186-0. 
  7. Fain, Matthew G. & Houde, Peter (2004). "Parallel radiations in the primary clades of birds" (PDF). Evolution 58 (11): 2558–2573. PMID 15612298. doi:10.1554/04-235. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xullo de 2017. Consultado o 2016-07-08. 
  8. "Violaceous Touraco" (PDF). rosamondgiffordzoo.org. 2010-03-01. Consultado o 2016-07-08. 
  9. "TURACO TAG HUSBANDRY MANUAL" (PDF). aviansag.org. 1998-08-18. Consultado o 2016-07-08. 
  10. 10,0 10,1 Turner, Donald (1997). "Family Musophagidae (Turacos)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 4, Sandgrouse to Cuckoos. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 480–508. ISBN 84-87334-22-9. 
  11. Orixinalmente de Nigel Hewston, discutido en ITS AGM na primavera de 2012 (no mesmo lugar)
  12. 12,0 12,1 12,2 Mlíkovský (2002)
  13. "TT 149", restos dun tibiotarso proximal esquerdo e distal dereito dun paxaro similar en tamaño aos espécimes de Tauraco vivos: Ballmann (1969)
  14. Boyd, John (2007). "Otidimorphae: Musophagiformes, Otidiformes, Cuculiformes". John Boyd's website. Consultado o 30 de decembro de 2015. 
  15. Haaramo, Mikko (2007). "Musophagidae - Touracos". Mikko's Phylogeny Archive. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 30 December 2015. 
  16. "Taxonomic lists- Aves". Paleofile.com (net, info). Consultado o 30 December 2015. 
  17. Çınar, Ümüt (November 2015). "05 → Oᴛɪᴅᴀᴇ: Mᴜsᴏᴘʜᴀɢɪfᴏʀᴍᴇs, Oᴛɪᴅɪfᴏʀᴍᴇs, Cᴜᴄᴜʟɪfᴏʀᴍᴇs, Cᴀᴘʀɪᴍᴜʟɢɪfᴏʀᴍᴇs, Sᴛᴇᴀᴛᴏʀɴɪᴛʜɪfᴏʀᴍᴇs, Nʏᴄᴛɪʙɪɪfᴏʀᴍᴇs, Pᴏᴅᴀʀɢɪfᴏʀᴍᴇs, Aᴘᴏᴅɪfᴏʀᴍᴇs". English Names of Birds. Consultado o 30 December 2015. 
  18. ITS Magazine, autumn 2003 (20), www.turacos.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]