Xornadas de Teatro de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mostras de Teatro de Vigo»)


As Mostras de Teatro de Vigo, ou Xornadas de Teatro de Vigo, foron varios certames teatrais celebrados en Vigo entre 1972 e 1977.

Inicios[editar | editar a fonte]

Estas Xornadas tiñan como principal finalidade que o seu teatro chegase a todo o mundo e non unicamente ás elites, para así mostrar a todo o mundo a situación do país naquel momento. A finais de 1950 comeza a actividade teatral en Vigo arredor da creación de grupos como “Keizán” ou “Asociación de prensa”. En 1971 nacen os grandes impulsores do certame: “Esperpento” e “COPE”.

As Xornadas de Vigo eran un encontro moi representativo a nivel nacional, polo que contou con múltiples subvencións do Ministerio. Precisamente, o presuposto das últimas mostras foi de 1 750 000 pesetas por catro institucións: concello vigués, a Deputación, Información e Turismo e a Caixa de Aforros municipal de Vigo.

Pretendíase pór en contacto os grupos da cidade con outros grupos rexionais para concibir outras formas de teatro. Non obstante o contacto con outros grupos rexionais trouxo como consecuencia duras críticas ao que denominaron “colonialismo teatral”. Tratábase dun festival feito con grupos de exterior, fronte ao que desde un sector maioritario do teatro independente galego se defendía o marco creado en Ribadavia en tanto monolingüe e virado cara á realidade teatral do país.

I Xornadas de Teatro[editar | editar a fonte]

As I mostras de Teatro en Vigo celebráronse entre o 25 de abril e o 6 de maio de 1972.

O evento, que atraeu un público numeroso, significou un grande acontecemento nunha cidade culturalmente pobre en relación ao teatro, alén de insistir na liña de descentralización das actividades teatrais do Estado. Porén, serviu tamén para evidenciar o estado embrionario das montaxes realizadas polos colectivos do país, lonxe aínda dunha concienciación firme a respecto da posibilidade dun Teatro Independente en galego.

A totalidade das representacións das I Xornadas de Teatro de Vigo desenvolvéronse integramente en castelán. O Teatro Circo enviou a Manuel Lourenzo cun relatorio titulado Algunhas cuestiós encol do teatro galego, que constituiría a única intervención en lingua galega das xornadas.

A este respecto, resultan sintomáticas as opinións dos organizadores da I Xornadas de Teatro en Vigo reflectidas nun cuestionario remitido pola revista Yorik. Á pregunta de se existían dificultades en Galiza para representar no idioma propio, Esperpento Teatro Joven respondía o seguinte:

[...] un texto en idioma vernáculo es más difícil que sea autorizado. En nuestro caso concreto no lo hacemos por dos razones: una, porque creemos que es mucho más urgente educar teatralmente que lingüísticamente al pueblo gallego, y esto es más factible conseguirlo con un texto castellano; y otra, porque en el área metropolitana viguesa, que es donde radica nuestro labor, al menos un 50 por ciento de los posibles espectadores no son gallegos.

O Teatro Popular Cope, pola súa parte, afirmaba que o principal motivo polo que non facía teatro en galego era a inexistencia de textos de contido social que resultasen interesantes ao colectivo.

É no ano 75 cando xa se pode dicir que a práctica totalidade dos grupos de Vigo fan teatro galego; vese así a necesidade de separar das "Xornadas" os grupos galegos para lles dar máis relevancia nunhas "Mostras" —como tal se chamaron— que se organizaron por separado, nacendo as primeiras Mostras de Teatro Galego de Vigo. Así, en 1975 bota a andar a I Mostra de Teatro Galego de Vigo, que en 1976 coñecerá dúas edicións paralelas debido ás divisións, de carácter político, entre os grupos organizadores.

II Xornadas de Teatro[editar | editar a fonte]

Na segunda edición destas mostras, celebradas en 1976, prodúcese unha división motivada pola exclusión do programa oficial dalgúns dos grupos teatrais galegos mais relevantes de Vigo; habendo así un único grupo galego fronte a cinco estranxeiros. Isto foi debido a unha serie de puntos e normas que, a xeito de xuramento ou acto de fe, expuxeron algúns dos organizadores. Sendo así as cousas, móntase á chamada "Mostra paralela' de Teatro Popular, celebrada principalmente no cine e programada polo Centro Coordinador. Ao mesmo tempo celebrábase no Auditorio da C.A.V. a "II Mostra" á que asistían o resto dos grupos.

III Xornadas de Teatro[editar | editar a fonte]

As III mostras de Teatro en Vigo celebráronse durante a segunda quincena de xullo no ano 1977. Alén de facer as representacións das “III Mostras" e "VI Xornadas" no Auditorio da C.A.V., os grupos tamén facían dúas actuacións nas parroquias da bisbarra viguesa. Neste certame podían participar todos os grupos galegos e con montaxe en lingua galega, aínda que cada grupo só podía realizar tres actuacións (dúas na Caixa de Aforros e a outra nun barrio da bisbarra).

Canto a presenza do grupo portugués, Cooperativa de Comediantes Rafael de Oliveira, pódese interpretar como un vínculo entre dúas culturas irmáns e unha mostra das enormes posibilidades de comunicación e de intercambio de experiencias estéticas. A diferenza dos portugueses, que viñan subvencionados polo seu Estado, os grupos de teatro galego non recibían ningunha moeda por parte da administración de Madrid.

Nas III Xornadas contouse co grupo Teatro Popular Queiza, Teatro Cámara Ditea de Santiago, Teatro Popular de Teis, Saudade de Matamá, Cooperativa de Comediantes de Lisboa, A farándula de Vigo, Escoitade de Valadares e O Facho da Coruña. Foi destacábel a presenza do grupo portugués “Cooperativa de comediants”, interpretada como unha estreita unión e achegamento das dúas culturas irmás. Estiveron ausentes o Teatro Circo da Coruña, Antroido de Santiago, Candea de Noia, Valle Inclán de Lugo etc. Había problema coa censura e coas montaxes. Os carteis deste ano foron de Abreu Batos.

As obras representadas nesta edición foron:

Agrupación de Teatro Galego de Vigo[editar | editar a fonte]

En 1978, co obxecto de dar un carácter permanente á organización de “Mostras” e “Xornadas”, foi creada a Agrupación de Teatro Galego de Vigo na que forman parte: "A Farándula", "Escoitade", 'Máscara 17", os grupos nados entre o 77 e 78: "Saudade" de Matamá "T.P.G." ("Teatro Popular Galego" que máis tarde sería Artello) “Alén de Beade, 'Xiada" de Valladares;' converténdose axiña no foro que servía como modelo do teatro creado en Vigo.

Coa política do Ministerio de Cultura cara á creación de teatros estables, a "Agrupación" solicita a creación do chamado "T.E.G." (Teatro Estable Galego). Algúns grupos como "Artello" e Keizán non están conformes co proxecto e retíranse da Agrupación. A incidencia do T.E.G. foi grande canto a programación de espectáculos de teatro na cidade e nas parroquias. Sentáronse as bases dunha futura escola de teatro cuxo proxecto quedou estancado debido ao pouco interese por parte das entidades públicas locais en proxectos que non tiñan moito alcance.

A Mostra de Vigo terá, a partir de 1978, carácter permanente, dada a necesidade de desenvolver novos modelos de distribución e exhibición. Entón créase a Agrupación do Teatro Galego de Vigo que ata 1980, ano no que se disolve, vai desenvolver iniciativas orientadas á vertebración teatral da cidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Teima, revista galega de información xeral, A Coruña: Sociedade Galega de Publicacións, 1976- (Número 22/12 - 19 de maio de 1972).
  • Cento vinte e cinco anos de teatro en galego no aniversario de a estrea de “A fonte do xuramento”, Galicia 1882-2007, Manuel Vieites, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007.
  • O processo de construçom do sistema literário galego entre o franquismo e a transiçom (1974-1978). Margens, relaçons estrutura e estratégias de planificaçom cultural, Roberto López-Iglésias Samartim, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2010.
  • O teatro galego, de esguello notas ceibes encol da nosa vida teatral, Manuel Lourenzo, A Coruña: Casa Provincial de Caridad Imprenta-Escuela, 1975.
  • Crónica do teatro galego, Manuel Vieites, Vigo: Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións, 2003.
  • O teatro circo na configuración do teatro independente galego (1967-1978), Cilha Lourenço Módia, Universidade da Coruña: Departamento de Galego- Portugués, Francés e Lingüística, 2012.
  • Boletín de Información teatral da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, Vigo: Universidade Popular, 198-?

Outros artigos[editar | editar a fonte]