Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°27′02″N 08°16′55″O / 43.45056, -8.28194

Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, no ano 2017.

O mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, situado na parroquia de Cervás do concello de Ares, foi fundado no século XIV polo conde Fernán Pérez de Andrade.

Historia[editar | editar a fonte]

Patio do mosteiro.

Foi Fernán Pérez de Andrade, O Boo o que no 3 de agosto do ano 1393[1] fundou sobre a primitiva construción o que sería o convento da Orde Terceira de San Francisco, mediante documento asinado polo Arcebispo compostelán Juan García Manrique, en Burgos. Nel concedía a Fernán Pérez e á Orde de San Francisco abondosos privilexios económicos que, sumados ás terras da península de Ares e Mugardos, doadas á casa de Andrade por Henrique II no 1371, dotan ao primeiro abade do mosteiro, frei Lope Manteiga, do control eclesiástico sobre as parroquias de Cervás, Caamouco, a ermida de Chanteiro, Franza, o termo do actual concello de Mugardos, e parte dos de Miño, Narón, Neda e Ferrol.

O enorme peso do mosteiro na vida dos habitantes da vila e terras de Mugardos, ampliado durante os séculos XVI e XVII, atopou a oposición da veciñanza a fins do século seguinte, cando se produce a conversión de Ferrol en arsenal e praza forte polos reformistas borbónicos en 1757.

Os franciscanos desaparecen de Montefaro coa desamortización de Mendizábal en 1837, pasando as súas terras ao exército, que instala alí unha dotación estable.

A persistencia do románico en Galicia en períodos nos que o gótico era xa utilizado noutras zonas, conforma en Montefaro unha construción de transición desvirtuada por reformas posteriores no século XVIII, e pola súa adaptación a usos militares. Da fábrica de 1393 só se conserva unha magnífica portada ao fondo do segundo claustro; tres vans cubertos por unha arcada dobre entrecruzada, de arquivoltas apuntadas, que se apoia sobre columnas pareadas, con capiteis de decoración zoomórfica e pasaxes da vida de San Francisco. Nas basas predominan as vieiras de adscrición xacobea.

Acroterio do século XIV da igrexa do mosteiro, exposta no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

As obras realizadas polo exército sacaron á luz gran cantidade de restos escultóricos de factura semellante á citada portada: capiteis, lápidas sepulcrais, cabezas de estatuas, canzorros e fragmentos de arcos, que tras estar varios anos adornando a alameda de acceso ao mosteiro - Cuartel trasladáronse ao Museo do Castelo de San Antón na Coruña.

Do mesmo xeito das obras dunha galería de tiro foron extraídas unhas pedras talladas que pertencían probablemente a unha capela exenta, dada a distancia do edificio principal. De finais do século XVI acháronse, na reconstrución do claustro unhas pinturas renacentistas, en mal estado, representando franxas verticais con motivos vexetais xeométricos.

A antiga igrexa conventual debeu ter planta de cruz latina, substituída no século XVIII por nave única con cuberta de bóveda de canón sobre arcos doelados e lunetos sobre o altar maior. O retablo que a preside de madeira estufada e policromada, reproduce un esquema barroco con retoques posteriores: As antigas imaxes están en igrexas ferrolás. Son barrocos os dous claustros, con arcadas de medio punto sobre fiestras rectangulares, entaboamento dórico e columnata de pilastras. A torre de formas macizas, coróase cunha balaustrada e un ciborio, cun marcado carácter churrigueresco.

Dun dos seus vans foi trasladada á Alameda unha estatua de San Francisco sen cabeza que se atribúe a Mateo de Prado. Unha figura zoomorfa, animal heráldico da casa de Andrade, emprázase no exterior da capela.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gran enciclopedia Galega Silverio Cañada 30. El Progreso-Diario de Pontevedra. 2005. p. 138. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]