Moeda de 2.000 pesetas de 2001
2.000 pesetas de 2001[1][2] | |
---|---|
A/: Cabezas espidas acaroadas de Xoán Carlos I e Sofía cara á esquerda. Data.
Lenda: JUAN CARLOS I Y SOFIA |
R/: Alegoría feminina de Hispania prostrada nos Pireneos, con póla de oliveira na man e coroa mural. Marca de ceca (M).
LENDA: ULTIMA EMISION DE LA PESETA / ESPAÑA / 2000 PTAS. |
|
A moeda de 2.000 pesetas de 2001 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar a derradeira cuñaxe en pesetas como unidade monetaria oficial do Estado.
Trátase da oitava e derradeira emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, iniciada en 1994.
Marco lexislativo
[editar | editar a fonte]Mediante unha Orde do 22 de marzo de 2001, publicada no Boletín Oficial do Estado do 27 de marzo, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data de 2001, conmemorativa da derradeira emisión da peseta.[2]
Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[2] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —1.942.835 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]
A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[2]
Caracterización
[editar | editar a fonte]O seu anverso, deseñado e gravado por Alfonso Morales Muñoz, amosa senllos bustos acaroados e de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) e a raíña consorte Sofía de Grecia, ollando cara á esquerda, todo rodeado pola lenda JUAN CARLOS Y SOFIA, e no exergo a data de 2001. O conxunto está encerrado por unha grafila de puntos.[1][2]
Pola súa banda, o motivo central do reverso é unha reprodución da representación alegórica de Hispania como unha figura feminina prostrada sobre os Pireneos, con coroa mural e póla de oliveira na man, que Luis Marchionni y Hombrón creara para as primeiras moedas dunha peseta e de 5 pesetas emitidas como unidade monetaria oficial de España, en 1869 e 1870. Pola súa vez, Marchionni baseárase no anverso dun denario de prata do Imperio Romano cuñadas a nome de Hadriano, que amosaba unha figura moi semellante.[1][2]
Na parte superior do reverso figura a inscrición ULTIMA EMISION DE LA PESETA, así como a palabra ESPAÑA e o M coroado a modo de marca de ceca da FNMT. Por debaixo, a indicación do valor, 2000 PTAS,[1] separada por unha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou ben os derradeiros díxitos do ano de cuñaxe: 01.[2]
O mesmo motivo do reverso foi tomado tamén para a moeda circulante de 100 pesetas do mesmo ano 2001.[5]
A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[1] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "2000 Pesetas - Juan Carlos I Last issue of the peseta". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Orde do 22 de marzo de 2001". BOE Nº 74, 27 de marzo de 2001. Páxinas 11.308-11.309.
- ↑ "Moneda de 30 euro / 20 euro / 12 euro / 2.000 pesetas". FNMT - Casa de la Moneda (FNMT.es).
- ↑ 4,0 4,1 López, F. J. (2023). "Moneda de 2000 pesetas del 2001 (Últimas Pesetas): Valor y Precio". Coleccionismodemonedas.com. 14 de setembro.
- ↑ "100 Pesetas - Juan Carlos I Last Peseta". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lamas Bolaño (2023). Catálogo enciclopédico de monedas de España 2024. Lamas Bolaño, Barcelona. ISBN 978-8409545193