Mischa Maisky

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mischa Maisky
Mischa Maisky.jpg
Mischa Maisky en 2006
Nome completoMischa Maisky
Nacemento10 de xaneiro de 1948
OrixeRiga, Letonia Flag of Latvia.svg
OcupaciónViolonchelista
Instrumento(s)violonchelo
editar datos en Wikidata ]

Mischa Maisky, nado en Riga o 10 de xaneiro de 1948, é un violonchelista israelí de orixe letoa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mischa Maisky comezou a tomar clases de violoncello aos oito anos, primeiro na Escola de Música Municipal e despois no Conservatorio de Riga. Os seus irmáns tocaban o piano e o violín respectivamente, así que a elección do violoncello foi unha decisión natural. En 1962, aos 14 anos, foise estudar ao Conservatorio de Leningrado. Un ano despois foi admitido no Conservatorio de Moscova, na clase de Mstislav Rostropovich. En 1966 acadou o sexto posto no Concurso Internacional Chaikovski en Moscova.

En 1970 foi condenado a pasar dous anos nun campo de traballo preto de Gorkii, debido seguramente a que a súa irmá se exiliara en Israel o ano anterior.[Cómpre referencia] Un amigo médico trasladouno a unha clínica psiquiátrica, xa que ese era o único xeito para escapar do seu arresto. Logo da súa posta en liberdade emigrou a Israel e trasladou despois a súa residencia a Bélxica.

En 1973 gañou o Concurso Internacional de Cello Gaspar Cassadó en Florencia. No mesmo ano debutou no Carnegie Hall coa Orquestra Sinfónica de Pittsburgh baixo a dirección de William Steinberg. Tralo concerto, un admirador anónimo regaloulle un chelo Montagnana de 1720. Por mediación de Rostropovich estudou con Gregor Piatigorsky nos Ánxeles (California). Durante catro meses tocou e falou case a diario con Piatigorsky, mentres que con Rostropovich, isto só era posible cando no estaba de xira. É pois o único violoncellista que recibiu clases de Rostropovich e Piatigorsky.

En 1982 comezou unha colaboración con Deutsche Grammophon. A primeira gravación foi o Dobre concerto para violín e violoncello de Brahms xunto a Gidon Kremer e a Filharmónica de Viena, dirixida por Leonard Bernstein. Seguiulle en 1985 unha gravación das Suites para violoncello só de Bach (das que realizou unha segunda gravacións en 1999). Dende aquela moitas das súas gravacións foron merecedoras de importantes premios internacionais, incluíndo o Grand Prix du Disque e o Record Academy Prize. En 1992 tocou por primeira vez nos Proms de Londres, e ao ano seguinte no Festival de Salzburgo xunto a Martha Argerich.

Durante a súa carreira formou tándem cos pianistas Martha Argerich e Radu Lupu, o violinista Gidon Kremer, o violista Yuri Bashmet e os directores Leonard Bernstein, Zubin Mehta, Vladimir Ashkenazy, Daniel Barenboim e Giuseppe Sinopoli. Tocou en escenarios de todo o mundo e realizou centos de gravacións.