Milton Santos
Nome orixinal | (pt) Milton Almeida dos Santos |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de maio de 1926 Brotas de Macaúbas, Brasil (pt) |
Morte | 24 de xuño de 2001 (75 anos) São Paulo, Brasil |
Causa da morte | cancro de próstata |
Grupo étnico | Afro-brasileiro(a) (pt) e negro |
Educación | Universidade Federal da Bahia |
Actividade | |
Campo de traballo | Globalización, xeografía humana, xeografía, geografia social (pt) , Urbanismo e desenvolvemento urbano |
Ocupación | xeógrafo, avogado, profesor universitario |
Empregador | Universidade de São Paulo |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
Páxina web | miltonsantos.com.br… |
Milton Almeida dos Santos, nado en Brotas de Macaúbas o 3 de maio de 1926 e finado en São Paulo o 24 de xuño de 2001 foi un xeógrafo brasileiro. Graduado en Dereito, salientou polos seus traballos en diversas áreas da xeografía, en especial nos estudos de urbanización do Terceiro Mundo. Foi un dos grandes nomes da renovación da xeografía no Brasil ocorrida na década de 1970. Tamén salientou polos seus traballos sobre a globalización nos anos 1990. A obra de Milton Santos caracterizouse por presentar un posicionamento crítico ao sistema capitalista, e os seus presupostos teóricos dominantes na xeografía do seu tempo.
Milton Santos gañou o premio Vautrin Lud, en 1994, o de maior prestixio na área da xeografía. O premio é considerado "o Nobel da xeografía".[1][2] Milton Santos foi o primeiro e é o único xeógrafo da América Latina en ter gañado o premio en cuestión. Tamén foi agraciado postumamente en 2006 co Premio Anísio Teixeira.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Milton Santos naceu no concello baiano de Brotas de Macaúbas o 3 de maio de 1926. Aínda neno, migrou coa súa familia para outras cidades baianas, como Ubaitaba, Alcobaça e, posteriormente, Salvador. En Alcobaça, cos seus pais e os avós maternos (todos profesores de primaria), foi alfabetizado e aprendeu álxebra e francés.
Aos 13 anos, Milton daba clases de matemática no centro no que estudaba, o Instituto Baiano de Ensino. Aos 15, pasou a aprender Xeografía e aos 18 estudou Dereito na Universidade Federal da Bahia, en Salvador. Sendo estudante secundario e universitario, tivo presenza na militancia política de esquerdas. Formado en Dereito, non deixou de interesarse pola Xeografía, tanto que se presentou a concurso para ser profesor catedrático no Colexio Municipal de Ilhéus. Alén do maxisterio, desenvolveu actividades xornalísticas en Ilhéus, estreitando a súa amizade con políticos de esquerda. Nesta época, escribiu o libro Zona do Cacau, posteriormente incluído na Coleção Brasiliana, xa influenciado pola escola francesa da posguerra.
Entre 1956 e 1958, Milton concluíu o seu doutoramento na Universidade de Estrasburgo. Ao regresar ao Brasil, creou o Laboratorio de Xeomorfoloxía e Estudos Rexionais, mantendo relación cos mestres franceses. Despois do seu doutoramento, tivo unha presenza salientábel na vida académica, en actividades tanto xornalísticas como políticas de Salvador. En 1961, viaxa a Cuba, en calidade de editor do xornal A tarde, coa comitiva de Jânio Quadros, daquela elixido Presidente da República. Despois de tomar posesión do cargo, Jânio convídao para ser subxefe da casa civil na Bahia, cargo que exerceu durante o curto mandato do presidente.
En 1963, o gobernador de Bahia, Lomanto Júnior, nomeouno presidente da Comisión de Planeamento Económico (CPE), cargo que deixou en 1964. No tempo que exerceu ese cargo, Milton Santos tratou temas de política económica e planeamento rexional, a partir dunha perspectiva científica, sen, no entanto, deixar de banda o seu traballo no Laboratorio de Xeomorfoloxía e Estudos Rexionais.
Exilio
[editar | editar a fonte]En 1964, logo do golpe militar, Milton foi preso e enviado para o 19º BC, no Cabula, onde parte do seu equipo do laboratorio e os seus amigos ían diariamente a visitalo. En xuño, na véspera de San Xoán, por mor do inicio dun derramo, foi levado ao hospital e despois liberado. Nesa época, xa recibira convites para traballar en universidades francesas mais estana impedido de deixar o país. Importantes personalidades locais, sobre todo o cónsul de Francia na Bahia, Raymond Van der Haegen, interviron xunto ás autoridades militares locais para negociar a súa saída do país, após ter cumprido medio ano de prisión domiciliar. Deste xeito, en decembro, deixou o Brasil, partindo cara a França, co convite da Universidade de Tolosa-Le Mirail (actual Universidade Tolosa - Jean Jaurès). Máis tarde, pola mesma universidade, recibería o título de Doutor Honoris Causa, o primeiro dos 20 que recibiu ao longo da súa vida. Milton coidaba estar fóra do país por seis meses, mais acabou quedando 13 anos.
Dende Tolosa, onde quedou por tres anos, Milton Santos marcha a Bordeos. Alí, entre os seus alumnos, encontra Marie Hélène Tiercelin, que máis tarde sería a súa muller, nos últimos case trinta anos da súa vida e nai do seu segundo fillo, Rafael, nado en 1977. De Bordeos, onde queda durante un ano, segue para París, en 1968. Na capital francesa, ensina na Sorbonne e traballa como director de investigacións en planeamento urbano no Institut d'Étude du Développement Économique et Social (IEDES).
Permanece en París até 1971, cando se transfire para o Canadá, para traballar na Universidade de Toronto. Foi para os Estados Unidos, cun convite para ser investigador no Massachusetts Institute of Technology (MIT), onde traballa con Noam Chomsky. No MIT prepara a súa grande obra, O Espaço Dividido. Dos Estados Unidos viaxa cara a Venezuela, onde actúa como director de investigación sobre planeamento da urbanización do país para un programa da ONU. Neste país mantén contacto con técnicos da Organización dos Estados Americanos, o que facilitou a súa contratación pola Facultade de Enxeñaría de Lima, onde foi contratado pola Organizción Internacional do Traballo (OIT) para elaborar un traballo sobre pobreza urbana na América Latina.
Posteriormente, foi convidado para ensinar no University College London, mais o convite quedou en tentativa, por mor de prexuízos raciais. Regresa a París, mas é chamado de volta a Venezuela, onde ensina na Facultade de Economía da Universidade Central. Segue, posteriormente para Tanzania, onde organiza a posgraduación en Xeografía da Universidade de Dar es Salaam. Permanece por dous anos no país, cando recibe o primeiro convite dunha universidade brasileira - a Universidade de Campinas. Antes diso, regresa a Venezuela, pasando antes pola Universidade Columbia de Nova York.
Retorno ao Brasil
[editar | editar a fonte]Ao final de 1976, houbo contactos para a contratación de Milton por parte da universidade brasileira, mais non había seguridade abonda na área política, e o contacto fracasou. En 1977, Milton tenta inscribirse na Universidade da Bahia, mas, por motivos político-administrativas, a súa inscrición foi cancelada. Ao regresar da Universidade de Columbia, estivo en Nixeria, mais rexeitou o convite para aceptar un posto como consultor de planeamento do estado de São Paulo e da Emplasa. Referente ao seu regreso, Milton tiña un gran papel nas mudanzas estruturais do ensino e das investigacións en Xeografía no Brasil.
Logo do seu regreso ao Brasil, deu clases na Universidade Federal do Río de Xaneiro (UFRJ) até 1983. En 1984 foi contratado coma profesor titular polo Departamento de Xeografía da Universidade de São Paulo (USP), onde permaneceu mesmo após a súa estancia.
Milton Santos morreu en São Paulo, o 24 de xuño de 2001, aos 75 anos, como consecuencia dun cancro de próstata, diagnosticado sete anos antes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Educação". Uol.
- ↑ IBE USP (ed.). "Universidade reflete sobre legado do geógrafo Milton Santos". Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2017. Consultado o 08 de novembro de 2018.
- ↑ Prêmio Anísio Teixeira (ed.). "Agraciados". Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2019. Consultado o 08 de novembro de 2018.