A Universidade Federal do Río de Xaneiro (en portugués: Universidade Federal do Rio de Janeiro), tamén denominada Universidade do Brasil, é un dos centros brasileiros de excelencia no ensino superior e na investigación e está entre as mellores institucións de América Latina.
Cunha alta produtividade científica, a investigación está entre o máis destacado da UFRJ, sendo unha das universidadesiberoamericanas que máis artigos científicos publican: entre 2003 e 2008 foron máis de doce mil publicacións.
Foi a primeira institución oficial de ensino superior do Brasil (posúe actividades ininterrompidas desde 1792), coa fundación da Real Academia de Artilharia, Fortificação e Desenho, unha das escolas que virían a formar parte da universidade. Por ser a primeira universidade federal creada no país en 1920, serviu como modelo para todas as outras.
A universidade está situada principalmente na cidade de Río de Xaneiro, con actuación en once municipios. Os seus principais campus son o histórico campus da Praia Vermella e a Cidade Universitaria, que alberga o Parque Tecnolóxico do Río -un complexo de desenvolvemento da ciencia, tecnoloxía e innovación. Hai tamén diversas unidades illadas na capital fluminense: a Escola de Música, a Facultade de Dereito, o Instituto de Filosofía e Ciencias Sociais, o Museo Nacional, o Observatorio do Valongo e o Colexio de Aplicación.
En 2010, a institución alcanzou a nota máxima no Índice Xeral de Cursos do Ministerio de Educación do Brasil. Non sorprende, logo, que esta universidade sexa unha das grandes responsables da formación da eliteintelectual brasileira.