Miloš Milutinović
![]() ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 5 de febreiro de 1933 ![]() Bajina Bašta, Serbia (pt) ![]() ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 28 de xaneiro de 2003 ![]() Belgrado, Serbia ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Iugoslavia ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Liga | Oberliga Süd (en) ![]() ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Extremo esquerdo ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
xuño de 1958 | Mundial de Fútbol Suecia 1958 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1954 | Mundial de Fútbol Suíza 1954 ![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Irmáns | Milorad Milutinović Bora Milutinović ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() ![]() |
Miloš Milutinović (en serbio: Милош Милутиновић), nado en Bajina Bašta o 5 de febreiro de 1933 e finado en Belgrado o 28 de xaneiro de 2003, foi un futbolista e adestrador iugoslavo, de orixe serbia.
Considerado un dos xogadores máis talentosos da historia do seu país, comezou a destacar dende novo no FK Bor, e trala disputa do Torneo Xuvenil Internacional da FIFA de 1951, onde foi o máximo goleador e o mellor xogador do torneo, varios equipos tentaron a súa fichaxe, que finalmente conseguiu o Partizan. Militou neste club ata 1958, marcando 231 goles en 213 partidos, e gañou fama coas súas destacadas actuacións na Copa de Europa.
Con todo, a súa carreira viuse marcada pola tuberculose que padecía e que cortou a súa progresión en varias ocasións. Internacional coa selección iugoslava en 33 ocasións, marcou 16 goles coa súa camiseta e disputou dúas Copas do Mundo, ata que disputou o seu último partido coa selección con só 25 anos. Trala súa retirada foi adestrador, tendo como maior éxito a conquista da liga iugoslava co Partizan na tempada 1982/83. Dirixiu tamén á selección de Iugoslavia entre 1984 e 1986.
Formaba parte dunha familia de futbolistas, sendo o irmán máis vello de Bora e Milorad Milutinović, nun dos poucos casos en que tres irmáns tiveron destacadas carreiras no fútbol.[1] Tamén o seu fillo Uroš foi futbolista.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Nado en Bajina Bašta, quedou orfo na súa infancia, ao morrer seu pai na Segunda guerra mundial e súa nai por tuberculose pouco despois.[1] Tanto el como os seus irmáns Bora, Milorad e Milena foron criados por unha tía no pobo mineiro de Bor, onde os tres irmáns varóns comezaron a xogar ao fútbol nas rúas.[2]
Como futbolista
[editar | editar a fonte]Torneo Xuvenil da FIFA
[editar | editar a fonte]Aos 15 anos ingresou na canteira do FK Bor e aos 18 foi seleccionado para formar parte do equipo iugoslavo no Torneo Xuvenil Internacional da FIFA de 1951 en Cannes. A súa destacada actuación, marcando dous goles contra Francia e outros dous na final ante Austria, contribuíron a que o combinado se proclamase campión. Rematou como o máximo goleador do torneo e foi elixido mellor xogador.[2] Ao día seguinte da final, o xornalista francés de L'Equipe Gabriel Hanot chamouno nun artigo "Tigre Azul", alcume que o acompañaría o resto da súa vida.[2]
Partizan
[editar | editar a fonte]Tralo seu regreso de Cannes, comezou unha batalla pola súa fichaxe entre varios clubs iugoslavos, saíndo vencedor o Partizan de Belgrado, que lle ofreceu un contrato tamén ao seu irmán Milorad. Xogou no club branco e negro entre 1952 e 1958, disputando un total de 213 partidos e marcando 231 goles.[3] Gañou co club serbio dúas Copas de Iugoslavia, en 1954 e 1957, pero non conseguiu conquistar ningunha liga, a pesar de acabar varias veces subcampión.
Na tempada 1955/56, marcou dous goles no primeiro partido da historia da Copa de Europa, un empate 3–3 entre o Partizan e o Sporting de Portugal. No partido de volta marcou catro goles, sendo o primeiro futbolista en logralo na competición europea. Nos cuartos de final o Partizan quedou encadrado co Real Madrid e no partido de ida no estadio Santiago Bernabéu Milutinović marcou dous goles que foron anulados polo árbitro por motivos pouco claros.[1] O partido acabou cunha derrota por 4-0, pero o dianteiro recibiu os eloxios do propio Santiago Bernabéu.[1] No partido de volta no estadio JNA, anotou dous goles que xunto a un terceiro de Prvoslav Mihajlović fixeron soñar aos iugoslavos cunha remontada que finalmente non chegou. Con todo, Milutinović rematou como máximo goleador do torneo, con 8 goles.
OFK Beograd
[editar | editar a fonte]A súa carreira estivo marcada pola tuberculose que sufría, a mesma enfermidade que matou a súa nai, e que lle foi diagnosticada en 1954, precisando tratamento en varias ocasións. En 1958 fichou polo OFK Beograd, xunto aos seus dous irmáns, e ao ano seguinte, na disputa dun partido, un forte golpe contra un poste da portería deixouno inconsciente e preto da morte. Os médicos aconselláronlle un longo descanso, polo que se afastou dos terreos de xogo, nun período no que se sentiu abandonado polo seu contorno.[2]
Bayern de Múnic
[editar | editar a fonte]Durante esa época recibiu o apoio dun millonario alemán que era admirador do futbolista. Tratábase de Ronald Endler, presidente do Bayern de Múnic, que lle ofreceu sufragar unha operación cirúrxica en Zürich a cambio de que o futbolista vestise logo a camisola do equipo bávaro. Milutinović aceptou e trala súa recuperación converteuse en xogador do Bayern ata 1961.[2]
Últimos anos
[editar | editar a fonte]
Posteriormente trasladouse a Francia, onde xogou no Racing de París e no Stade Français. En 1965 deixou o fútbol e regresou a Iugoslavia, pero tres anos máis tarde volveu vestir a camiseta do OFK Beograd para a tempada 1968/69, converténdose na estrela do equipo xunto ao tamén veterano Dragoslav Šekularac.[2]
Selección iugoslava
[editar | editar a fonte]Foi 33 veces internacional coa selección de Iugoslavia, coa que debutou o 21 de maio de 1953, nun partido amigable contra Gales no estadio JNA de Belgrado, no que os iugoslavos venceron por 5-2.[4] Marcou o seu primeiro gol no seu cuarto partido, ese mesmo ano, contra Israel no Gradski Stadion de Berane, en Montenegro.
Convocado por Aleksandar Tirnanić para o Mundial de 1954 en Suíza, foi o autor do primeiro gol do torneo, na vitoria por 1-0 sobre Francia. Foi titular en tódolos partidos de Iugoslavia, que caeu nos cuartos de final ante Alemaña Occidental.
O 17 de novembro de 1957, a selección iugoslava xogábase en Belgrado ante Romanía a clasificación para o Mundial de 1958. Milutinović levou un golpe na cabeza contra un contrario, polo que tivo que xogar a meirande parte do encontro coa cabeza vendada. Aínda así, foi quen de marcar dous goles e concretar o pase dos iugoslavos a unha nova Copa do Mundo.[2][5] Xa en Suecia, disputou tres partidos do Mundial, pero quedou eliminado de novo nos cuartos de final e outra vez contra a RFA.
Foi o seu último encontro como internacional, etapa que pechou con 33 partidos e 16 goles.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Trala súa primeira retirada como futbolista iniciou unha carreira nos bancos como adestrador. Comezou dirixindo o OFK Beograd en 1966 e máis tarde pasou polo Dubočica e o Proleter Zrenjanin. Entre 1975 e 1976 adestrou o Atlas de Guadalajara en México e tras un paso polo Beşiktaş turco volveu a Iugoslavia, onde adestrou o FK Velež Mostar. Co equipo bosníaco, no que destacaban Vahid Halilhodžić e Blaž Slišković, proclamouse campión da Copa de Iugoslavia en 1981, despois de derrotar na final ao Željezničar de Ivica Osim.[6][2] Ademais gañou a Copa dos Balcáns vencendo na final ao Trakia Plovdiv búlgaro, cun dúas vitorias por 5-6 na ida e 6-2 na volta.
En 1982 volveu ao Partizan, no que debutara 30 anos antes como futbolista, e en 1983 logrou o que nunca conseguira como xogador: gañar a liga iugoslava. O seu éxito no club branco e negro abriulle as portas da selección iugoslava, á que dirixiu entre 1984 e 1986. Con todo, non puido clasificar o equipo para o Mundial de 1986, ao perder na derradeira xornada da fase de clasificación ante Francia, sendo os propios franceses e a selección búlgara os dous equipos do grupo que lograron as dúas prazas para a Copa do Mundo.
Posteriormente dirixiu de novo o Beşiktaş, logo o Altay, e pechou a súa carreira como técnico en 1991 no Partizan.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Miloš era irmán dos tamén futbolistas Bora e Milorad Milutinović.[1] Os tres irmáns coincidiron no OFK Beograd entre 1958 e 1960. Con Milorad compartiu equipo tamén no Partizan e na selección iugoslava. O seu fillo Uroš foi tamén futbolista e militou no Partizan e no FC La Chaux-de-Fonds suízo.
Miloš Milutinović morreu o 23 de xaneiro de 2003 en Belgrado, aos 69 anos.
Palmarés
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]- Partizan
- Copa de Iugoslavia (2): 1954, 1956/57.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]- Velež Mostar
- Copa de Iugoslavia (1): 1980/81.
- Copa dos Balcáns (1): 1980/81.
- Partizan
- Primeira Liga de Iugoslavia (1): 1982/83.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "The Milutinović Brothers – The Brilliance Of Humble" (en inglés). 8 de xaneiro de 2020. Consultado o 27 de xuño de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Milutinović Miloš". Selección de fútbol de Serbia (en rs). 22 de marzo de 2020. Consultado o 26 de xuño de 2022.
- ↑ "All Partizan Players 1945. – 2012.". partizan.rs (en serbio). Arquivado dende o orixinal o 1 de agosto de 2013. Consultado o 27 de xuño de 2022.
- ↑ "(1953) Jugoslavija – Vels 5:2". Selección de fútbol de Serbia (en serbio). Consultado o 26 de xuño de 2022.
- ↑ "Yugoslavia v Romania, 17 November 1957". 11v11.com (en inglés). Consultado o 27 de xuño de 2022.
- ↑ "Yugoslavia - Cup Final Details 1947-2001". rsssf.com (en inglés). Consultado o 26 de xuño de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador no sitio web oficial da selección serbia (en serbio).
- Adestradores do Altay SK
- Adestradores da selección de fútbol de Iugoslavia
- Adestradores do FK Partizan
- Adestradores do Beşiktaş JK
- Adestradores do Atlas de Guadalajara
- Adestradores do OFK Beograd
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Stade Français FC
- Xogadores do Racing Club de France
- Xogadores do FC Bayern München
- Xogadores do OFK Beograd
- Xogadores do FK Partizan
- Xogadores da selección de fútbol de Iugoslavia
- Futbolistas de Iugoslavia
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1954
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1958
- Adestradores de fútbol de Iugoslavia
- Adestradores de fútbol de Serbia
- Futbolistas de Serbia
- Finados en 2003
- Nados en 1933