Vahid Halilhodžić

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vahid Halilhodžić
Algérie - Arménie - 20140531 - Vahid Halilodzic 2.jpg
Información persoal
Nacemento 15 de maio de 1952
  Jablanica
Nacionalidade Bosnia e Hercegovina
Altura 182 centímetros
Posición Dianteiro

Vahid Halilhodžić, nado en Jablanica o 15 de outubro de 1952, é un ex-futbolista e adestrador franco-bosníaco.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Vahid naceu nunha localidade de Bosnia e Hercegovina que entón formaba parte de Iugoslavia. Seu pai Safet practicaba o fútbol como afeccionado no club local, o FK Turbina Jablanica, e foi alí onde se iniciou no fútbol Vahid Halilhodžić e dous dos seus irmáns[1]; o campo do club estaba a menos de cen mentros da súa casa familiar[2]. Asemade, continuou coa súa educación sen pretender converterse en futbolista profesional.

FK Velež Mostar[editar | editar a fonte]

Con 14 anos foi a Mostar para estudar no instituto electrontécnico, sen vover a xogar partido oficial ningún co Turbina[2]. Mais con 16 anos entrou na academia do Velež Mostar que xogaba na Primeira Liga de Iugoslavia, en parte pola insistencia de seu irmán, Salem, que xogaba como dianteiro no club[2]. Vahid xogou nas seccións xuvenís nos dous anos e medio seguintes, e logo de asinar un contrato profesional o club cedeuno ao Neretva Metković, que xogaba nunha liga inferior, para coller experiencia[2].

Ao volver ao Mostar fíxose cunha praza na primeiro equipo na tempada 1972-73, formando unha parella de ataco con Dušan Bajević, axudando ao Velež a rematar a tempada no alto da clasificación tras o Estrela Vermella. Halilhodžić converteuse nun dos puntais no club ao longo da década de 1970, xogando un total de 376 encontros e marcando 253 goles para o equipo (incluíndo 207 aparicións e 103 goles na Primeira Liga de Iugoslavia), e foi decisivo para gañar o principal trofeo do club, marcando dous goles na vitoria 3 a 2 na Copa de Iugoslavia contra do Željezničar. En setembro de 1981 marchou de Iugoslavia para xogar no equipo francés do Nantes.

FC Nantes[editar | editar a fonte]

Consonte a lei vixente na época en Iugoslavia Vahid non podía marchar do pais ata chegar á idade de 28 anos [3]. En 1981 varios clubs estaban á súa procura, o alemán VfB Stuttgart, o italiano Torino e o inglés Leeds United [4], mais decidiuse polo FC Nantes. Vahid Halilhodžić tivo un debut de tempada difícil e tardou en inscribir o seu primeiro gol no campionato de Francia[5]. Non obstante, logrou un posto como titular axiña, marcando 7 goles en 28 aparicións na tempada 1981-82. A tempada seguinte axudou a logar o sexto título do campionato francés e foi o máximo goleador da liga con 27 goles en 36 partidos. Halilhodžić pasou cinco anos en Nantes, con 163 aparicións na liga e 92 goles para o seu club, logrando tamén ser o máximo goleador na tempada 1984–85 con 28 goles.

Paris Saint-Germain[editar | editar a fonte]

En 1986 Halilhodžić decidira volver a Bosnia, e pasar máis tempo coa súa familia, especialmente con seu pai inválido[2]. Mais Francis Borelli, o presidente do Paris Saint-Germain, convenceuno para fichar co club parisiense por unha tempada, e así xogou os primeiros 14 partidos da tempada 1986/87, marcando 8 goles. Así e todo, súa nai morreu no decurso da tempada e Halilhodžić decidiu volver a Bosnia e retirarse do fútbol activo.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

A Halilhodžić convocárono 15 veces para a selección iugoslava, marcando 8 goles. Despois de debutar como internacional da absoluta en xuño de 1976, tamén apareceu nalgún encontro para a sub-21 en 1978. Malia os seus 26 anos, beneficiouse da norma que permitía participar dous xogadores de máis de 21 por equipo, contribuíndo a gañar o campionato europeo sub-21, e levou o trofeo ao mellor xogador do campionato.

O seu debut na absoluta foi na Eurocopa de 1976 co adestrador Biće Mladinić como substituto de Slaviša Žungul no partido pola terceira praza contra dos Países Baixos, que Iugoslvaia perdeu 2 a 3 en Zagreb. Nos dous anos seguintes tivo dúas aparicións máis, como substituto, a primeira en setembro de 1976 nun amigable contra Italia en Roma e a outra en novembro de 1977 na casa contra España que finalizou en derrota iugoslava e puxo fin ás súas esperanzas de ir ao Mundial de 1978.

Clasificación Eurocopa 1980

En outubro de 1978 saíu por primeira volta como titular nun encontro, clasificatorio para a Eurocopa de 1980, contra España na casa, e supuxo o seu primeiro gol coa selección marcando no minuto 44 o 1 a 2, que acabou por ser o resultado final. Iugoslavia xogou un novo partido de clasificación fronte a Romanía, que tamén perdeu, por 2 a 3. O resultado supuxo a destitución do adestrador Mladinić, e a súa substitución de xeito interino por Dražan Jerković. Halilhodžić xogou o seguinte amigable so Jerković, logrando un triplete contra Grecia.

En abril de 1979 Miljan Miljanić volveu á selección e realizou cambios importantes no equipo para lograr a clasificación para a Eurocopa, e Halilhodžić foi unha das numerosas baixas.

Mundial de 1982

Halilhodžić fixo como substituto dúas aparicións no Mundial de 1982, xogou os últimos quince minutos contra España e toda a segunda parte contra Honduras, xa que para a posición de atacante, Miljanić preferiu a Safet Sušić, e Halilhodžić expresou o seu desgusto contra do adestrador por non lle dar un papel máis prominente no equipo iugoslavo[6].

1987-1993. Anos de transición[editar | editar a fonte]

Vahid Halilhodžić vovleu a Bosnia en 1987 tras a morte de súa nai para coidar de seu pai inválido, que morreu pouco despois. Na época abriu diversos negocios, incluído un bar, en Mostar. En 1989 comezou a estudar para lograr o diploma de adestrador. En 1990 converteuse en director deportivo do Velež Mostar. Mais estoupou a guerra en Bosnia e tras enviar a súa familia a Francia el mesmo acabou por marchar en 1993 ao recibir unha proposta para adestrar un equipo francés[7].

Adestrador[editar | editar a fonte]

En 1993 o equipo francés do AS Beauvais solicitou os seus servizos e Halilhodžić partiu para Francia. A súa misión era manter o equipo na segunda división pero non segue logo da primeira tempada, argüíndo falta de ambición do club[7].

Sen club ao que adestrar pasou os seguintes tres anos visitando diferentes clubs para observar os métodos de adesstradores como Marcello Lippi ou Fabio Capello [8]. Seguindo os consellos de Henri Michel, seleccionador de Marrocos e antigo compañeiro do bosníaco no Nantes, Halilhodžić foi adestrar o Raja Casablanca, e so a súa dirección, o equipo gañou a Liga de Campións da CAF en 1997[9] e no ano seguinte logrou o campionato de Marrocos, cunha soa derrota.

Lille[editar | editar a fonte]

En outubro de 1998 volveu a Francia para adestrar o Lille, na época loitando por sobrevivir na segunda división. A súa primeira tempada no club rematou co club loitando por ascender, sen logralo por diferenza de goles. Na tempada 1999-2000 o club dirixido por Halilhodžić dominou a competición e rematou no alto da táboa, 16 puntos por enriba do segundo clasificado, o Guingamp, logrando a promoción á Ligue 1.

Na tempada seguinte o equipo realizou unha boa campaña, rematando terceiros á fin da tempada 2000–01, a só sete puntos dos campións, o Nantes, clasficándose para a Liga de Campións da UEFA 2001-02 e nesa primeira participación na historia do club, logo de derrotar o Parma na clasificación, o Lille rematou terceiro do seu grupo tras o Deportivo da Coruña e o Manchester United, progresando na Copa da UEFA 2001-02 chegando á rolda 16 antes de caer diante o Borussia Dortmund pola regra do gol en campo contrario. Na liga o equipo quedou en quinto lugar e á fin da tempada Vahid anunciou a súa marcha.

Rennes[editar | editar a fonte]

O 14 de outubro de 2002 substituíu a Philippe Bergeroo á fronte do Rennes, despois de dez xornadas de campionato e só oito puntos, para o salvar do descenso á segunda división. Halilhodžić logrou ao final da tempada chegar a 15ª praza dunha liga de 20 e evitar a baixada por dous puntos.

Paris Saint-Germain[editar | editar a fonte]

En maio de 2003 Francis Graille, presidente-delegado do Paris Saint-Germain e antigo dirixente do Lille recrutouno[10]. Despois da marcha do seu xogador estrela Ronaldinho, o club da capital francesa mercou o atancante portugués Pedro Miguel Pauleta. O equipo rematou segundo do campionato e gañando a Les Parisiens renouent avec le succès en terminant seconds du championnat et en remportant la Copa de Francia, o seu primeiro título dende 1998 e tamén se clasificou para a Liga de Campións. Tras esta primeira tempada exitosa, o club sufriu numerosas baixas, Gabriel Heinze, Juan Pablo Sorín ou o capitán Frédéric Déhu, tamén perdeu a Fabrice Fiorèse que foi ao Olympique de Marseille en agosto de 2004, despois de denunciar o autoritarismo do seu ex-adestrador. Halilhodžić considerou esta marcha como unha traizón[11]. Para compensar as baixas recrutou os defensas Sylvain Armand e Mario Yepes que non puideron facer esquecer os dous defensas arxentinos, ademais Jérôme Rothen sufriu numerosas lesións e case non puido contribuír ao equipo e para mais Hélder e Fabrice Pancrate tiveron unha tempada decepcionante. E así na primeira metade da tempada 2004-2005 o PSG mantivo unha serie de malos resultados; en decembro era o 12º da liga e na Copa de Europa quedou o último do seu grupo, o comezo do ano 2005 con só competicións nacionais das que se preocupar, o club procurou mellorar a súa situación na liga, pero os resultados non axudaron, e o 8 de febreiro logo dunha derrona na casa por 0 a 2 contra o Lens o club decidiu dar de baixa a Halilhodžić.[12], substituíndoo polo adestrador do equipo de reservas, Laurent Fournier.

Trabzonspor e Al Ittihad[editar | editar a fonte]

Vahid Halilhodžić durante a súa etapa como adestrador do Trabzonspor

Entre outubro de 2005 a xuño de 2006, Halilhodžić adestrou o club turco do Trabzonspor que logrou situar na cuarta praza do campionato turco tras os grandes do Beşiktaş JK, Galatasaray e Fenerbahçe, clasificándoo para as competicións europeas. Non obstante decidiu tras unha tempada deixar o país e cinco meses despois estaba en Arabia Saudita á fronte do Al-Ittihad de Jeddah, mais a derrota na Copa Árabe e as dificultades de adaptación remataron coa súa aventura en terras sauditas.

Selección de Costa de Marfil[editar | editar a fonte]

Vahid Halilhodžić co presidente marfilés Laurent Gbagbo en 2008

En maio de 2008, Vahid Halilhodžić converteuse en seleccionador do equipo nacional de Costa do Marfil ao substituír a Uli Stielike[13]. Logrou a clasificación para a Copa de África de Nacións de 2010 en Angola, e mais tamén para o Mundial de 2010, grazas a cinco vitorias e un empate durante as eliminatorias. A selección non perdeu ningún dos 23 encontros que desputou durante dous anos, mais nos cuartos de final da CAN 2010 perdeu na prórroga 3 a 2 diante Alxeria[14]. O mes seguinte, en febreiro de 2010, o presidente da Federación Marfilesa Jacques Anouma anunciou o despedimento do adestrador, respondendo Vahid queo botaran por motivos políticos[15].

Dinamo Zagreb[editar | editar a fonte]

De volta en Europa, Halilhodžić converteuse no novo adestrador do campión croata, o Dinamo Zagreb o 16 de agosto de 2010, asinando un contrato por dous anos e medio en substitución dunha lenda do club, Velimir Zajec, despedido logo da derrota na fase de clasificación para a Liga de Campións da UEFA 2010-11 por penaltis contra o equipo moldavo do Sheriff Tiraspol. Non obstante, o equipo aínda tiña oportunidades para a UEFA Europa League 2010-11, e a misión de Halilhodžić era a de guiar con éxito o equipo na campaña europea mentres continuaba a dominar o campionato nacional.

O club mudou o seu estilo para un máis atractivo e con máis énfase no ataque. Un mes despois de facerse cargo do equipo levou o Dinamo a unha vitoria 2 a 0 contra do Villarreal no comezo da fase de grupos da UEFA Europe League[16]. Así e todo, o Dinamo non puido superar a fase de grupos, perdendo en decembro contra o PAOK.

Na liga croata o Dinama non tivo rival e contra o final da tempada comezaron as negociacións para a renegociación dos termos do seu contrato pero un incidente co presidente do club Zdravko Mamić no vestiario nun encontro da liga co Inter Zaprešić fixo que deixase abrupatamente o equipo o 6 de maio de 2011[17].

Selección de Alxeria[editar | editar a fonte]

Vahid Halilhodžić en 2014 durante un encontro entre Alxeria e Armenia

O 22 de xuño de 2011, a Federación Alxeriana anunciou que a partir do 1 de xullo Halilhodžić ía adestrar o equipo nacional de Alxeria[18] durante tres anos[19]. Conduciu con éxito a Alxeria na clasificación para a Copa de África de Nacións e o equipo chegou ao torneo con confianza e con novas estrelas emerxentes, como Islam Slimani e El Arbi Hillel Soudani, así como a adición do xogador do Valencia Sofiane Feghouli, non obstante, rematou útlimo do seu grupo, perdendo os seus primeiros dous partidos, con Tunisia e Togo sen marchar un só gol. Malia os malos resultados, a federación mantivo a Halilhodžić como adestrador.

O equipo preparouse para a clasificación para o Mundial de 2014, asegurándose a súa participación o 19 de novembro de 2013 ao empatar cos finalistas da Copa de África, Burkina Faso, un éxito para un país se que clasificaba por cuarta vez en 32 anos para un Mundial.

A actuación alxeriana no Mundial do Brasil foi unha sorpresa ao derrotar a Corea do Sur 4 a 2 e empatar con Rusia 1 a 1 pasando da primeira fase de grupos por primeira volta na súa historia. Na fase seguinte tivo que se enfrontar a Alemaña nun partido no que Alxeria opuxo unha dura resistencia, chegando o minuto 90 sen goles, así e todo no tempo extra Alemaña marcou dous goles por medio de André Schürrle e Mesut Özil, logrando o substituto Abdelmoumene Djabou marcar un para rematar no 1-2 definitivo. Alemaña logrou nas semifinais o histórico marcador de 7 a 1 fronte ao Brasil e na final gañou o seu cuarto título mundial.

Malia a actuación da selección de Alxeria, o seu meirande éxito na historia, e o labor adestrador gabado con frecuencia polo seu xeito de dirixir o equipo, con boas tácticas de contraataque, así como a influencia que exercía nos xogadores para manter a calma e motivalos, Halilhodžić anunciou a súa marcha o 7 de xullo de 2014[20].

Selección do Xapón[editar | editar a fonte]

O 7 de marzo de 2015 anunciouse a designación de Halilhodžić como novo adestrador do equipo nacional xaponés[21], efectivo dende o 12 de marzo, substituíndo a Javier Aguirre, involucrado nunha investigación por un posible acordo para amañar o resultado dun partido en 2011 en España. O adestrador debutou cunha vitoria 2 a 0 nun amigable contra Tunisia. So as súas ordes, a selección clasificouse para o Mundial de 2018

Criticado por xogadores claves como Shinji Okazaki, Keisuke Honda ou Shinji Kagawa; os malos resultados de partidos amigables previos fixeron que a federación xaponesa o suspendese das súas funcións o 9 de abril de 2018[22], a dous meses do comezo do mundial en Rusia, substituído por Akira Nishino.

FC Nantes[editar | editar a fonte]

O 2 de outubro de 2018, Vahid Halilhodžić púxose á fronte do FC Nantes, trinta e dous anos despois de despedirse como xogador[23]. Sustituíu a Miguel Cardoso, logo dos malos resultados na tempada (unha vitoria e tres empates en oito partidos)[24]. A súa primeira vitoria foi o 22 de outubro cunha vitoria sobre o Toulouse 4 a 0[25]

O 5 de maio de 2019, o Nantes derrotou ao Dijon na casa por 3 a 0 e Halilhodžić logrou unha nova marca para o club, ao gañar cinco partidos da Ligue 1 consecutivos, algo que o club non lograra en 18 anos, os clubs derrotados foron o Lyon, Paris Saint-Germain, Amiens, Marseille e mais Dijon[26]

O 2 de agosto de 2019 Halilhodžić anunciou a súa marcha do Nantes por desacordos co propietario e presidente Waldemar Kita[27].

Selección de Marrocos[editar | editar a fonte]

O 15 de agosto de 2019 presentouse a Halilhodžić como o novo seleccionador de Marrocos[28][29].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Voyage aux sources du personnage Halilhodžić". Le Parisien. 2 de decembro de 2004. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Burić, Ahmed (24 de maio de 2002). "Vahid Halilhodžić: Moja životna priča (I)". BH Dani. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2010. Consultado o 18 de agosto de 2019. 
  3. Yannick Batard (2005) FC Nantes : Une équipe, une légende, Éditions Cheminements, p. 346
  4. Laurent Jaoui et Lionel Rosso (2006) Coach Vahid : Une vie comme un roman, Calmann-Lévy,p. 96
  5. Yannick Batard (2005) FC Nantes : Une équipe, une légende, Éditions Cheminements, p. 352
  6. "Vahin rat i dalje traje". Mondo, 7 de febreiro de 2011
  7. 7,0 7,1 Grégoire Pourtier "Vahid Halilhodzic met Lille à ses pieds" Libération, 6 de setembro de 2000
  8. Sasa Ibrulj "Vahid Halilhodzic looks for redemption at Africa Cup of Nations". The Guardian, 24 de xaneiro de 2013
  9. "Les transferts pour la saison 2005-06 (quatrième liste)". RFI. 7 de xullo de 2006. 
  10. "Vahid Halilhodzic, l'intransigeance jusqu'à l'excès". Le Nouvel Observateur, 9 de febreiro de 2005]
  11. Stéphane Guérard, "Coach Vahid au ban du PSG". L'Humanité, 10 de febreiro de 2005
  12. "Halilhodzic sacked as PSG coach". Associated Press. 8 de febreiro de 2005. 
  13. Joachim Tiégna "Les débuts éléphantesques d’Halilhodzic" Sport-ivoire.ci, 21 de xullo de 2008
  14. Maher Mezahi "World Cup 2014: No-nonsense Vahid Halilhodzic out to repay Algerian supporters for rare show of support". The Daily Telegraph, 25 de marzo de 2014
  15. "Vahid Halilhodzic is sacked as coach of Ivory Coast". BBC Sport, 28 de febreiro de 2010
  16. "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2010. Consultado o 16 August 2010. 
  17. "Mamić mi je spomenuo majku, a to ne opraštam";sarajevo-x.com, 7 de maio de 2011
  18. "Vahid Halilhodzic, sélectionneur des Verts". DZFoot. 22 de xuño de 2011. 
  19. TO (2 de xullo de 2011). "Halilhodzic signe son contrat de sélectionneur". DZFoot. 
  20. "World Cup 2014: Vahid Halilhodzic quits as Algeria boss". BBC, 7 de xullo de 2014
  21. sbs.com.au (12de marzo de 2015). "Japan confirm appointment of Halilhodzic as head coach". sbs.com.au. 
  22. Vahid Halilhodzic n'est plus le sélectionneur du Japon (officiel). L'Équipe, 9 de abril de 2018
  23. "Nantes : Vahid Halilhodzic officiellement nouvel entraîneur". L'Équipe, 2 de outubro de 2018
  24. "Nantes annonce le départ de son entraîneur Miguel Cardoso". L'Équipe, 2 de outubro de 2018
  25. "Sala continues scoring run as Nantes climbs up table". Washington Post. 4 de novembro de 2018. 
  26. A. Pašić (5 de maio de 2019). "Halilhodžić u Nantesu oborio rekord". sportsport.ba. 
  27. E.B. (2 de agosto de 2019). "Zvanično: Vahid Halilhodžić više nije trener Nantesa". Klix.ba. 
  28. "Morocco: FRMF to name former Fennec manager as new coach of Atlas Lions". The North Africa Post. 2 de agosto de 2019. 
  29. "Vahid Halilhodzic é o novo selecionador de Marrocos". O Sapo, 15 de agosto de 2019