Miguel Vázquez Valiño
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de xaneiro de 1910 Noia, España |
Morte | setembro de 1990 (80 anos) Montevideo, Uruguai |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, sindicalista, político |
Partido político | Izquierda Republicana |
Cronoloxía | |
26 de xullo de 1936-28 de xullo de 1936 | evasión dos bous Santa Eulalia e Santa Rosa |
Miguel Vázquez Valiño, nado en Noia o 16 de xaneiro de 1910 e finado en Montevideo en setembro de 1990, foi un xornalista, sindicalista e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Traballou de aprendiz de zapateiro ata os 18 anos. Marchou á Arxentina en 1928 fuxindo do servizo militar. Regresou a Galicia en 1931 e volveu de novo á Arxentina ao ano seguinte. En 1935 retornou a Galicia, afiliouse a Izquierda Republicana e foi concelleiro tenente de alcalde de Noia.
Guerra civil
[editar | editar a fonte]Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu dende Muros nos bous Santa Eulalia e Santa Rosa cara a Bilbao, de alí foi a Asturias onde axudou a formar a Agrupación Confederada de Galicia en Xixón. Foi xulgado na Coruña por rebelión, sendo declarado en rebeldía. A bordo dun barco inglés chegou a Barcelona onde formou parte da Agrupación Regional Galaica e colaborou cunha revista mensual que saía en Valencia. Alí tratou de organizar a Agrupación Confederal Galaica mantendo contactos con Severino Iglesias Siso, Castelao, Ramón Suárez Picallo, Emilio González López e Pedro Longueira Patiño. En Valencia foi secretario da organización do comité nacional da CNT. En Monterdre (Zaragoza) a Confederación Regional Galaica da CNT no exilio artellou un Comité de Relaciones de Agrupaciones de Gallegos Libertarios baixo a súa coordinación.
Fuxiu a Francia e estivo no campo de concentración de Brams (Aude). Cando saíu do campo decidiu formar parte dun grupo de resistencia contra Franco que tiña previsto atentar contra o ditador en Donostia. En xaneiro de 1945, con José Penido Iglesias e José Luís Chamorro Castro, converteu o organismo nun Comité da CRG domiciliado en Tolosa. En 1947 era secretario de organización e estatística do Secretariado Intercontinental da CNT no exilio. Algúns autores afirman que foi un infiltrado dos servizos de información franquistas na CNT.[1]
De Tolosa saíu cara a Marsella, onde embarcou en 1950 ao Brasil como parte dunha expedición organizada polo goberno brasileiro para colonizar Río Grande do Sur. Alí organizou unha agrupación española e unha cooperativa da construción con outros albaneis. En febreiro de 1955 marchou coa familia clandestinamente para o Uruguai. En 1956 foi secretario de cultura da Casa de Galicia e formou parte do Centro Coruñés do que foi socio fundador e presidente. Tamén foi director da publicación Finisterre. Como xornalista colaborou en Diario Español ata 1958, ano no que pasou a ser vogal da Casa de Galicia. No Uruguai organizou a Irmandade Galeguista que sacou á rúa O Irmandiño, do que foi director responsable na súa segunda época. Tamén formou parte da Comisión de Cultura da Casa de Galicia e foi un dos fundadores do Patronato da Cultura Galega de Montevideo en 1964. Finou en Montevideo en setembro de 1990.[2]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en Noia con Dolores Romero Agra, con quen tivo un fillo, Andrés Vázquez Romero. Posteriormente coñeceu en Port La Selva a madrileña Dora Luelmo, filla dun técnico de telefónica, con quen casou.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Los Servicios Secretos en España" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2013. Consultado o 25 de setembro de 2013.
- ↑ La Voz de Galicia, 15-9-1990, p. 19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández, Eliseo; Pereira, Dionisio (2004). O anarquismo na Galiza. Santiago de Compostela: Edicións Positivas. pp. 262–264. ISBN 84-87783-79-1.