Evasión dos bous Santa Eulalia e Santa Rosa
A evasión dos bous Santa Eulalia e Santa Rosa foi unha fuga de republicanos do Barbanza desde Muros cara a Bilbao na madrugada do 26 de xullo de 1936.
Historia
[editar | editar a fonte]A tarde do 25 de xullo de 1936 o comité republicano de defensa de Noia, encabezado polo alcalde Severino Iglesias Siso en colaboración co capitán de carabineiros Francisco Marín Moya, tomou a decisión da saída dende Muros cara a un porto do mar Cantábrico non ocupado polos militares sublevados. O telegrafista noiés Generoso García Souto comunicoulle ao alcalde que tropas de Santiago de Compostela sairían cara a Noia ao día seguinte para tomala pola forza, porque das vilas galegas só Tui e Noia se resistiran á ocupación.
Esa mesma tarde un hidroavión procedente de Marín entrou pola boca da ría en voo rasante e lanzou tres bombas de escasa potencia sobre o centro da Vila. Rapidamente organizouse a evacuación de todos os cargos políticos e sindicais e das persoas comprometidas coa República que o desexasen. Despois do derrubamento das pontes de San Xusto, Vilachán e Beluso polos mineiros de San Finx para cubrir a retirada, máis dunha ducia de autobuses e camións cargados de persoal civil e militar saíron á medianoite camiño de Muros, onde os agardaban outros compañeiros, para embarcaren todos nos vapores de pesca Santa Eulalia e Santa Rosa que agardaban por eles fondeados no porto muradán listos e arranxados para levar áncoras.
Na mañá do sábado 25 de xullo, os uxetistas muradáns Lino Tieles Blanco e Juan Martínez Vidal, coordinados coa xente de Noia, solicitaran de José Veloso Mayo, alcalde interino de Muros, unha orde de requisa dos dous bous recentemente chegados das faenas de pesca, que fixeron efectiva despois de que os capitáns lles asinasen as notificacións. Os barcos quedaron preparados para saír. O vapor Santa Rosa era propiedade de Enrique González Rodríguez, armador veciño da Coruña, e o capitán era Joaquín Lariño, que, con parte da tripulación, patroneou o barco pola forza. O Santa Eulalia pertencía ao armador muradán Antonio Pérez Rodríguez e tiña como capitán a Antonio Gómez Callón, que conseguiu librarse de subir a bordo, sendo patroneado o barco por un dos escapados, Félix Rogelio Veloso "Boca de Caña", patrón de cabotaxe de primeira.
Despois dunha viaxe azarosa os barcos chegaron o 28 de xullo a Bilbao, onde foron recibidos polo gobernador civil, o galego José Echeverría Novoa, amigo persoal de Severino Iglesias, que lle entregou o libro de actas do Concello noiés. O Santa Rosa permaneceu artillado en Bilbao pero o Santa Eulalia conseguiu ser rescatado despois de intensas xestións coas autoridades vascas e francesas por medio da aseguradora Lloyd, e entrou en Muros de volta o 4 de outubro de 1937.
Os fuxidos
[editar | editar a fonte]Arredor de 80 homes fuxiron a bordo dos dous vapores: 35 eran carabineiros cos seus mandos, o capitán Francisco Marín Moya e os tenentes Policarpo Aragoncillo Merodio (da Pobra do Caramiñal), Ricardo Sánchez Ortega (de Muros) e Adolfo Rodríguez Conde (de Noia). Os civís eran:
- De Noia: o alcalde Severino Iglesias Siso e os concelleiros José Pedreira Burés e Miguel Vázquez Valiño; os cenetistas do Couto José Núñez Amado e Manuel Blanco Sanluis, o patrón Félix Rogelio Veloso, Francisco Pérez Barbazán, Abelardo López Lousame, Manuel Fernández Louro, Manuel Castro Pérez, Eduardo Pérez Martínez Badanas, Manuel Pérez Antelo, Ramón García Fernández, José Cruces Martínez, Germán Martínez Filgueira, Samuel Pena Pérez, Manuel Ribas Tuñas, Manuel Romero Oleiro, Francisco Pérez García, Luis Moares Martinez, José Fuentes Rey, Manuel Tajes e Francisco Fernández Pérez.
- De Lousame embarcaron os membros da CNT José Neu Maroñas e José Jesús Nimo Castaño, Fermín Maneiro Becerra e Constantino García Rial.
- De camiño cara a Muros, a caravana dos fuxidos recolleu en Outes os cenetistas Adelino Freire Pedrosa, Manuel Ramos e Maximino Martínez Fernández.
- Xa en Muros uníuselles o alcalde Manuel Tobío Romaní, o alcalde interino José Veloso Mayo, os concelleiros Manuel Mayo Fernández, José Tobío Mayo e Juan Malvárez Baamonde, así como o secretario da CNT Juan Malvárez Pérez.[1][2]
Incorporados en Bilbao e Asturias ao exército da República, en postos burocráticos ou na fronte de batalla, unha parte morreu en combate, outros foron pasados polas armas ao collelos prisioneiros; algúns agocháronse ao rematar a guerra e bastantes foron presos ao volver á casa, e mesmo houbo quen cambiou de bando. Houbo quen, despois de salvar a vida e pasar por campos de concentración franceses ou sufrir outros avatares, conseguiron asentarse en países europeos ou americanos, como Juan Malvárez, Manuel Ribas e José Neu Maroñas, que se aveciñaron en Francia. O alcalde noiés Severino Iglesias Siso, Germán Martínez, Abelardo López Xanfariña, Manuel Ramos de Ribasdemar e José Tobío Mayo conseguiron chagar á Arxentina, mentres que o alcalde muradán Manuel Tobío Romaní e o concelleiro noiés Vázquez Valiño recalaron no Uruguai; o patrón Félix Rogelio Veloso estableceuse en Chile.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Agrafoxo, Xerardo. A guerra civil en Lousame e Noia. Toxosoutos.
- Agrelo Hermo, Xosé (2005). "Dous bous para a historia: Santa Eulalia e Santa Rosa". Alameda (18): 8–11.