Severino Iglesias Siso
Severino Iglesias Siso | |
---|---|
Nacemento | valor descoñecido |
Lugar de nacemento | Lousame |
Falecemento | 14 de novembro de 1977 |
Lugar de falecemento | Noia |
Nacionalidade | España |
Ocupación | político |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Severino Iglesias Siso, nado en Lousame e finado en Noia o 14 de novembro de 1977, foi un político galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Afiliado a Izquierda Republicana, foi elixido compromisario para a elección do Presidente da República en abril de 1936. Cando o alcalde de Noia, Germán Vidal Barreiro, foi nomeado gobernador civil de Cidade Real, foi nomeado concelleiro e elixido alcalde a finais de xuño de 1936.[1] Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu dende Muros cara a Bilbao o 26 de xullo nos bous Santa Eulalia e Santa Rosa. Foi xulgado en Compostela por rebelión, sendo declarado en rebeldía. As autoridades da ditadura emitiron unha requisitoria en xaneiro de 1937.[2] Dende Bilbao marchou a Barcelona, onde colaborou, como secretario administrativo, coa agrupación Solidaridade Galega Antifeixista. De alí foi a Francia cun pasaporte especial para dirixirse a París, onde continuou a axuda solidaria aos galegos. Dende a sede do Servizo de Evacuación de Refuxiados Españois (SERE) en París axudou entre outros a Miguel Vázquez Valiño que estaba no campo de concentración de Bram (Aude). Exiliouse na Arxentina. En 1945 integrou a comisión organizadora da Agrupación Izquierda Republicana na Arxentina con Manuel García Gerpe e Luciano Vidán Freiría.[3] Retornou a Galicia en 1962.
Predecesor: Germán Vidal Barreiro |
![]() Alcalde de Noia 1936 |
Sucesor: Fermín Álvarez Mesa |
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou con Delfina Pérez.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ La Voz de Galicia, 27-6-1936, p. 8.
- ↑ El Pueblo Gallego, 30-1-1937, p. 8.
- ↑ Fasano, Laura (2020). "Los exiliados gallegos y sus vínculos con el asociacionismo hispánico de Buenos Aires. El caso de Manuel García Gerpe". Los españoles en Buenos Aires. Activismo político e inserción sociocultural (1870-1960). Teseo. ISBN 978-9877232400.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Severino Iglesias Siso na páxina web Nomes e Voces.