Mary Everest Boole

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mary Everest Boole
Nacemento11 de marzo de 1832
Lugar de nacementoWickwar
Falecemento17 de maio de 1916
Lugar de falecementoNotting Hill
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Ocupaciónmatemática e filósofa
PaiThomas Roupell Everest
CónxuxeGeorge Boole
FillosEthel Lilian Voynich, Alicia Boole Stott, Mary Boole Hinton, Margaret Boole Taylor e Lucy Everest Boole
Na rede
WikiTree: Everest-267
editar datos en Wikidata ]

Mary Everest Boole, nada en Wickwar (Gloucestershire) en 1832 e finada en Middlesex en 1916, foi unha matemática autodidacta e educadora inglesa. Coñecida principalmente polos seus traballos didácticos en matemáticas, como o manual Philosophy and Fun of Algebra. Traballou ideas progresistas sobre a educación, incluído o apoderamento ás nenas e nenos para indagar nas matemáticas a través de actividades lúdicas como as coñecidas como cartas ou cartóns Boole, que axudan o alumnado a aprender a xeometría dos ángulos e os espazos.[1] A súa vida é un exemplo de loita feminista de como as mulleres fixeron carreira nun sistema que non lles daba a benvida.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mary Everest Boole naceu en Inglaterra, filla do reverendo Thomas Reverendo Roupell Everest, reitor de Wickwar, e Mary nee Ryall. O seu tío era George Everest, xeógrafo da India que mediu a cima do monte máis alto, coñecido despois como monte Everest. Aos cinco anos mudáronse a Francia onde recibiu educación en matemáticas por parte dun titor privado, Deplace. Regresou a Inglaterra á idade de once anos, onde continuou o seu propósito de seguir formándose en matemáticas, neste caso de maneira autodidacta. En 1852 George Boole converteuse no seu titor, e á morte do seu pai en 1855, casaron e trasladáronse ao condado de Cork, Irlanda. Mary fixo grandes contribucións na edición das leis do pensamento de George Boole, un traballo sobre lóxica alxébrica.

No ano 1864 quedou viúva, á idade de 32 anos e entón regresou a Inglaterra onde traballou como bibliotecaria en Queens's College, Londres. Tamén foi titora privada de alumnado desta universidade en matemáticas e desenvolveu unha filosofía de ensino que implica o uso de materiais naturais e actividades físicas para fomentar unha concepción imaxinativa das matemáticas. O seu interese ía máis aló das matemáticas, chegando a campos como o darwinismo, a filosofía ou a psicoloxía, entre outros, sobre os que organizaba grupos de discusión co alumnado. No Queen's College, contra a aprobación das autoridades, organizou grupos de discusión de estudantes con James Hinton.[2] Máis adiante, formou parte do círculo do editor pacifista tolstoiano, C. W. Daniel; ela escolleu o nome The Crank (A Manivela) para a súa revista porque nas súas palabras "unha manivela era unha cousa pequena que fixo revolucións".[3]

Tivo un interese activo na política, introducindo a súa filla Ethel na causa rusa antitsarista ao mando de Sergei Stepniak. Despois da guerra dos bóer do período 1899-1902 fixo unha maior denuncia a través dos seus escritos contra o imperialismo, a relixión organizada, o mundo financeiro e o tokenismo que sentía que representaba o Parlamento. Opúxose ao sufraxio feminino e probablemente por esta razón non foi xeralmente considerada como feminista.[2] Morreu en 1916, á idade de 84 anos.

Contribucións á educación[editar | editar a fonte]

Mary Everest Boole interesouse nas matemáticas a través da aprendizaxe co seu titor en Francia, Monsieur Deplace. El axudouna á súa comprensión matemática a través de preguntas e traballo xornalístico. Despois de casar con George Boole comezou as súas contribucións aos traballos do seu marido e aconsellándoo nas súas conferencias, o que era pouco habitual para unha muller daquel período.[4] Durante este tempo tamén compartiu ideas con Victoria Welby, outra educadora e boa amiga. Os temas sobre os que debatian ían dende a lóxica e as matemáticas, á pedagoxía, a teoloxía, e a ciencia.[5]

O seu traballo como docente comezou mentres traballaba como bibliotecaria, onde Mary facía de titora do alumnado utilizando novos métodos, como o uso de obxectos naturais, como paus ou pedras. Teorizou que empregando métodos manipulativos se fortalecería o subconsciente aprendendo a través do uso destes materiais na contorna da aula. Unha das súas contribucións máis notables na área de manipulacións físicas foi coa curva de Bezier, a través da técnica dos fíos tensados, usando cartóns de costura, coñecidas como cartas ou cartóns Boole, as cales descubrira como forma de distracción cando era nena.[6] Isto axudou a fomentar as conexións de conceptos matemáticos a fontes exteriores.

Curva con fíos

O seu libro Philosophy and Fun of Algebra explica lóxica e álxebra de maneira sinxela e interesante a nenas e nenos, comezando cunha fábula, e incluíndo pequenos anacos de historia por todas as partes.[7] Fai referencias non só á historia, senón tamén á filosofía e a literatura, utilizando un ton místico para manter a atención de nenas e nenos.[8] Mary fomentaba o uso da imaxinación matemática a través da creatividade e o pensamento crítico. Isto, xunto á escritura reflexiva nas revistas e creando as súas propias fórmulas, foi esencial para fortalecer a comprensión e o entendemento das matemáticas. A aprendizaxe cooperativa foi tamén importante porque o alumnado podía compartir descubrimentos co resto do alumnado nunha contorna de titorización mutua, desenvolvendo métodos e ideas novas.[9]

Traballou promovendo os traballos do seu marido, con especial atención á psicoloxía matemática. O foco principal de traballo de George Boole era o psicoloxismo, e ela proporcionou unha visión máis ideolóxica do seu traballo. Apoiou a idea de que a aritmética non era puramente abstracta como moitos consideraban, senón máis antropomórfica. A pulsación, que podería ser descrita como a secuencia de actitudes mentais, era tamén importante nos seus traballos, centrando a súa atención na análise e na síntese.[10]

Espiritualismo[editar | editar a fonte]

Boole estaba interesada na parapsicoloxía e no oculto, e era unha convencida espiritista. Foi a primeira muller membro da Society for Psychical Research á cal se uniu en 1882. Aínda así, ao ser a única muller naquel tempo, dimitiu seis meses despois.[11]

Boole foi a autora do libro The Message of Psychic Science for Mothers and Nurses. Mostrou o manuscrito a Frederick Denison Maurice, quen puxo obxeccións ás súas ideas polémicas e terminou por facerlle perder o seu traballo como bibliotecaria no Queens College.[12] O libro non foi publicado ata 1883.[13] Volveuse publicar máis tarde como Psychic Science to the World (1908).

Boole era practicante da homeopatía.[14]

Familia[editar | editar a fonte]

Tivo cinco fillas, as cales fixeron achegas en diferentes de campos. Alicia Boole Stott (1860–1940) matemática autodidacta que se converteu en experta na xeometría da cuarta dimensión. Ethel Lilian (1864–1960) casou co revolucionario polaco Wilfrid Michael Voynich e foi unha coñecida novelista, música e seguidora de numerosas causas revolucionarias, autora de numerosos traballos incluíndo The Gadfly. Mary Ellen Hinton casou co matemático Charles Hinton e Margaret Taylor (1858–1935) foi nai do matemático G.I.Taylor. Lucy Everest Boole (1862–1905) foi unha talentosa química e converteuse na primeira muller membro do Instituto de Química.[15]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diez, Nerea. "Everest Boole, Mary (1832-1916) - Página 3". vps280516.ovh.net (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2017. Consultado o 2 de xuño de 2017. 
  2. 2,0 2,1 Gerry Kennedy, The Booles and the Hintons, Atrium Press, xullo de 2016
  3. Anonymous A Tribute to Charles William Daniel (Londres: C.W.Daniel, 1955)
  4. Vita Mathematica: Historical Research and Integration with Teaching. pp. 291–298. 
  5. "Three women in semiotics: Welby, Boole, Langer". Semiotica: Journal of the International Association for Semiotic Studies (182): 327. 2010. Consultado o 17 de setembro de 2013. 
  6. "Giving Wings to Logic: Mary Everest Boole's Propagation and Fulfilment of a Legacy". British Journal for the History of Science 43 (1): 49–74. 2010. doi:10.1017/s0007087409990380. Consultado o 17 de setembro de 2013. 
  7. Everest Boole, Mary (1909). Philosopy and the Fun of Algebra. Londres. 
  8. Peterson, Ivars (17 de setembro de 2013). "Algebra, Philosophy, and Fun". Science News. Society for Science & The Public. 
  9. Michalowicz, Karen Dee Ann. Vita Mathematica: Historical Research and Integration with Teaching. 
  10. VALENTE, K. G. (2010). "Giving Wings to Logic: Mary Everest Boole's Propagation and Fulfilment of a Legacy". British Journal for the History of Science 43 (1): 49–74. doi:10.1017/s0007087409990380. Consultado o 17 de setembro de 2013. 
  11. Haynes, Renee (1982). The Society for Psychical Research 1882-1982: A History. Londres: MacDonald & Co. p. 5. ISBN 978-0356078755. 
  12. Pinch, Adela (2010). Thinking about Other People in Nineteenth-Century British Writing. Cambridge University Press. p. 58. ISBN 978-0521764643. 
  13. Oakes, Elizabeth H. (2007). Encyclopedia of World Scientists. Facts on File. p. 80. 
  14. Nahin, Paul J. (2012). The Logician and the Engineer: How George Boole and Claude Shannon Created the Information Age. Princeton University Press. p. 28. ISBN 978-0691151007. 
  15. Marelene F. Rayner-Canham, Geoffrey Rayner-Canham, p. 159, Chemistry was their life: pioneering British women chemists, 1880–1949

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografría[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]