Saltar ao contido

Martín, Baleira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Martín
Igrexa parroquial
ConcelloBaleira[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas43°07′36″N 7°14′19″O / 43.12666285, -7.2385925
Área25,24 km²
Poboación71 hab. (2019)
Densidade2,81 hab./km²
Entidades de poboación17[1]
editar datos en Wikidata ]

Santiago de Martín é unha parroquia do concello lugués de Baleira, pertencente ao arciprestado de Luaces. A súa altitude media é de 400 metros.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Limita con San Xurxo de Piquín e Lúa (Ribeira de Piquín) ao norte, Cubilledo e Retizós ao sur, Piñeira (A Fonsagrada) e San Xurxo de Piquín (Ribeira de Piquín) ao leste e con Milleirós e Valonga (Pol) ao oeste.

Trala división territorial de España en 1833 a parroquia de Martín pasou a formar parte do concello de Neira de Rei.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

No lugar de Coroto encontramos os restos prehistóricos dun castro con lendas sobre mouros e cativos. Conta esta parroquia con algúns monumentos relixiosos e con algunha aldea ancestral ou da época castrexa. Na aldea de San Bernabé, hoxe abandonada, está a Capela de San Bernabé, unha pequena capela de planta rectangular, con presbiterio da mesma forma, maior que a propia nave. Confórmana muros de cachotería de lousa, e a cuberta é do mesmo material a dúas e catro augas. A portada é alintelada, e remata no frontis cun campanil sinxelo.

A xentes do lugar lembran a existencia dun calvario con tres cruces nun monte do mesmo nome, cerca do monte Panda. Nesta zona facíanse rogativas ante os cruceiros (de madeira). Hoxe (aínda que a xente di que eran cruceiros con séculos de antigüidade) xa non queda nada na devandita zona.

A Igrexa parroquial de Santiago de Martín dá nome á aldea onde está construída. O edificio, de planta rectangular está dividido en varios sectores. O presbiterio é de planta cadrada, do mesmo ancho que a nave, e ten acaroada na parte posterior a sancristía, de planta semicircular, como se dunha ábsida se tratase. No lateral do presbiterio hai unha pequena capela de planta rectangular. Os muros que a conforman son de cachotería e perpiaño de lousa e granito e a cuberta de lousa a dúas augas. O arco triunfal e o de acceso a capela lateral son de medio punto, con impostas, pilastras e cúpula sobre pechinas no presbiterio, e bóveda de canón con xanelas laterais na capela lateral. O frontis ten unha portada alintelada, e sobre ela un pórtico rectangular con tres entradas. Culmina no alto o frontis cunha espadana dun corpo con dúas troneiras e dúas campás, e na cima das troneiras unha terceira troneira cunha campá en desuso. Na parte de atrás da igrexa e apezada á mesma hai un cuberto cerrado cun "camarín" cuxa finalidade era antigamente a de servir para facer autopsias, sen contar, que facía ás veces de merendeiro para aqueles cregos e fregueses que quedaban a comer despois dun enterro. Esta igrexa posúe unha lenda que se narra máis abaixo.

[editar | editar a fonte]

Tamén esta parroquia garda restos da arquitectura popular que podemos ver nas aldeas. A aldea da Cortevella está composta por un núcleo de poboación formado por varias casas de construción tradicional, abandonado case na súa totalidade. Os muros das casas son de cachotería e perpiaño de granito e lousa e as cubertas do mesmo material. Nesta aldea consérvase unha pequena capela do século XVI, de corte popular, de planta rectangular, cunha soa portada alintelada, e un campanil dunha soa campá. Conserva no seu interior un sinxelo retablo de estilo barroco.

Na aldea de Fórneas consérvase unha pequena capela do século XV, de corte popular, de planta rectangular, co pavimento interior de laxas de lousa.

Na aldea de Murias consérvase unha pequena ermida de construción popular. Localízase na marxe esquerda do río Eo.

Lenda da Igrexa de Martín: conta a lenda que na parte superior desta igrexa existía unha campá, das pequenas, cuxos efectos a tocarse adoitaban ser desastrosos. Tiña a denominación de "esquilón" e producía un son moi agudo; tanto era así, que podía volver un día perfectamente despexado nunha tarde de tronos, treboadas e saraiba. Din que hai moitos anos existía un home, que procedía de familia boa, pero a desgraza cebouse nel; as xentes do lugar dicían que non estaba ben da cabeza. Pero tíñalle gusto a estar tocando as campás, tanto era así que houbo veces que lle tiñan sangrado os pés (pois atábanlle as mans). Comentan que o bo do home tiña a teima de querer tocar o esquilon e sorríase vendo correr as xentes a recolle-los rabaños, roupa e outras cousas por mor a que as treboadas o estragasen todo. A mencionada campá foi inhabilitada, se ben aínda está na igrexa, e a ninguén lle está permitido tocar dela.

Outra lenda dicía que as persoas non crentes (os ateos) eran soterrados detrás da igrexa sen ataúde nin panteón ou tumba previamente feita; tan só nun foxo e, cada vez que se formaba unha procesión (sexa pola semana santa, sexa para unha rogativa) era paso obrigado pasar enriba destes.

Tamén se dicía que en tempos (aínda subsistía a principios dos anos 1950) era costume enterrar o morto con cestas de comida; noutros casos, as cestas eran comidas por aqueles que ían os enterros (mesmo algún, teñen dito, non comía nada nos días precedentes ao suceso, para, despois darse a gran fartura: estes, entre as xentes dos lugar, eran chamados os famentos). Outro tanto ocorría seica nunha voda ou nun bautizo.

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Martín

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Martín no concello de Baleira (Lugo)

O Casal | Coroto | A Cortevella | A Costa | Coto de Pedra | Fórneas | Landeira | Loureiro | Martín | Mendreiras | Murias | Paradela | As Penelas | O Real | As Salgueiras | San Bernabel | A Xesteira


Parroquias de Baleira

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Baleira

A Braña (San Miguel) | Córneas (Santiago) | Cubilledo (Santiago) | A Degolada (San Lourenzo) | A Esperela (San Pedro) | A Fontaneira (Santiago) | Fonteo (Santa María) | A Lastra (San Xoán) | Librán (Santa Mariña) | Martín (Santiago) | Pousada (San Lourenzo) | Retizós (Santa María Madanela)

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]