María das Mercés de Borbón-Dúas Sicilias
María de las Mercedes de Borbón-Dúas Sicilias | |
---|---|
Condesa de Barcelona, Infanta de España, Princesa das Dúas Sicilias e Princesa da Casa de Borbón. | |
![]() | |
Busto da María das Mercedes de Borbón-Dúas Sicilias. | |
Nome completo | María de las Mercedes Cristina Genara Isabel Luisa Carolina Victoria de Todos los Santos de Borbón-Dos Sicilias y Orleans |
Nacemento | 23 de decembro de 1910 Madrid, España ![]() |
Falecemento | 2 de xaneiro de 2000 Residencia Real de La Mareta, Lanzarote, España ![]() |
Sepultura | Cripta Real do Mosteiro de El Escorial |
Consorte | Juan de Borbón y Battenberg (1935 - 1993) |
Descendencia | |
Casa real | Casa de Borbón-Dúas Sicilias |
Proxenitores | Carlos Tancredo de Borbón-Dúas Sicilias Luisa de Orleans |
Na rede | |
![]() | |
María das Mercés de Borbón-Dúas Sicilias e Orleans, nada en Madrid o 23 de decembro de 1910 e finada en Lanzarote o 2 de xaneiro de 2000, foi princesa das Dúas Sicilias, princesa da Casa de Borbón coas mesmas dignidades e honras que os infantes de España (concesión de Afonso XIII ao nacer), infanta de España e condesa de Barcelona por matrimonio (1935-2000).
Primeiros anos de vida[editar | editar a fonte]
Bautizada como María de las Mercedes Cristina Genara Isabel Luisa Carolina Victoria de Todos los Santos, era filla do infante Carlos Tancredo de Borbón-Dúas Sicilias (1870-1949) e da súa segunda esposa, a princesa Luisa de Orleans (1882-1958) que foi filla do príncipe Filipe de Orleans, conde de París e de María Isabel de Orleans, infanta de España por parte de nai e princesa de Orleans por parte de pai.
Naceu no denominado Palacio de Villamejor, no cal residían os seus pais e que é a actual sede do Ministerio de Administracións Públicas, Paseo da Castellana, 3, de Madrid. Unha placa no edificio recorda este feito. En 1929 foille concedida a Banda da Real Orde da Raíña María Luisa.
Viviu en Madrid durante os primeiros anos da súa vida. Trasladouse a Sevilla (cidade pola que sentiu especial predilección) co resto da súa familia cando o seu pai foi destinado á capital andaluza como capitán xeneral da rexión militar correspondente. En 1931 por mor da proclamación da II República partiu cara ao exilio en Francia xunto á súa familia, residiu primeiro en Cannes e posteriormente en París.
Matrimonio e fillos[editar | editar a fonte]
En 1935 con motivo da voda da infanta Beatriz, irmá de Xoán de Borbón, María das Mercés atopouse ao seu futuro marido en Roma. O infante Xoán de Borbón, conde de Barcelona, converteuse en sucesor dos dereitos dinásticos do seu pai Afonso XIII pola renuncia do seu dous irmáns maiores, e xa que logo, en Xefe da Casa Real Española e pretendente ao trono de España. El e María das Mercedes non se viron desde a proclamación da II República. O 12 de outubro de 1935 contraeron matrimonio na basílica de Santa María dos Anxos e os Mártires en Roma. Tiveron catro fillos:
- A infanta Pilar, duquesa de Badaxoz (María del Pilar Alfonsa Juana Victoria Luisa Ignacia de Todos los Santos) (n. 1936).
- O rei Xoán Carlos I, rei de España (Juan Carlos Alfonso Víctor María) (n. 1938).
- A infanta Margarida, duquesa de Soria e de Hernani (Margarita María de la Victoria Esperanza Jacoba Felicidad Perpetua de Todos los Santos) (n. 1939).
- O infante Afonso (Alfonso Cristino Teresa Angelo Francisco de Asís de Todos los Santos) (1941-1956).
Importancia pública[editar | editar a fonte]
Xoán de Borbón e María de las Mercedes residiron en Cannes (onde naceu a súa primoxénita, Pilar), Roma (onde naceron os seus outros tres fillos), e, ao desencadearse a segunda guerra mundial, trasladáronse a Lausana (na neutral Suíza) para vivir xunto á raíña Vitoria Uxía, nai de Xoán de Borbón. Finalizado o conflito, fixaron a súa residencia en Estoril (Portugal), onde permanecerían ata o seu regreso a España en 1976, restaurada a monarquía por Franco. Durante o seu exilio María das Mercés visitou España nalgunhas ocasións: en 1949, para acudir ao enterro do seu pai en Sevilla, en 1964 para asistir ao bautizo a súa neta a infanta Elena e en 1969 acudiu ao do seu neto Felipe de Borbón, actual Príncipe de Asturias.
María de las Mercedes mediou entre o seu fillo e marido, distanciados por mor da designación de Xoán Carlos como sucesor por parte do xeneral Franco en 1969. O 14 de maio de 1977, Juan de Borbón renunciou á xefatura da Casa Real Española e aos seus dereitos sucesorios en favor do seu fillo o rei Juan Carlos I (monarca desde o 22 de novembro de 1975).
Xoán de Borbón e a súa muller conservaron o título de condes de Barcelona que xa utilizaran durante o seu exilio.
Últimos anos de vida[editar | editar a fonte]
María de las Mercedes fracturou a cadeira dereita en 1982 e o fémur esquerdo en 1985, accidentes que lle fixeron ter que utilizar unha cadeira de rodas. O 1 de abril de 1993 morreu Juan de Borbón a consecuencia dun cancro de larinxe.
A Condesa de Barcelona foi unha muller afeccionada á pintura, a música, a cultura andaluza e os touros. Ademais, foi socia de honra do Real Betis.
Desde o seu regreso a España, viviu sempre na urbanización Puerta del Hierro de Madrid, nun chalé chamado "Villa Giralda", coma no que vivira en Estoril. María de las Mercedes faleceu repentinamente o 2 de xaneiro de 2000 por mor dun ataque cardíaco na Residencia Real de La Mareta, na illa canaria de Lanzarote, a onde acudira toda a Familia Real para pasar uns días de descanso polo Aninovo, aos 89 anos de idade. Foi enterrada no Mosteiro de El Escorial.
Títulos[editar | editar a fonte]
- Princesa da Casa de Borbón (23 de decembro de 1910 - 14 de abril de 1931)
- Condesa de Barcelona (26 de xullo de 1947 - 1 de abril de 1993)
- Condesa viúva de Barcelona (1 de abril de 1993 - 2 de xaneiro de 2000)