Saltar ao contido

Makalle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaMakalle
መቐለ (ti) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 13°29′49″N 39°28′37″L / 13.4969, 39.4769
EstadoEtiopía
RexiónsRexión de Tigray Editar o valor en Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación323.700 (2015) Editar o valor en Wikidata (13.244,68 hab./km²)
Xeografía
Superficie24,44 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude2.084 m Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Evento clave
xaneiro de 1896Battle of Mek'ele (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Prefixo telefónico34 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con
Ramla (pt) Traducir
Bayburt (pt) Traducir
Witten (2016–) Editar o valor en Wikidata

Sitio webmekelleadministration.gov.et Editar o valor en Wikidata

Makalle é a capital da Rexión de Tigray e o centro histórico da antiga provincia de Enderta. Localízase a 780 km ao norte de Adís Abeba, a capital de Etiopía a unha elevación de 2 254 metros. Constitúe o centro cultural e político do norte de Etiopía. Administrativamente, está considerada unha Zona Especial e subdivídise en sete administracións locais: Hawelti, Adi-Haki, Kedamay Weyane, Hadnet, Ayder, Semien e mais Quiha.

En 1984 tiña unha poboación de 61 000 habitantes mais dende 1991 a súa poboación medrou rapidamente e pasou en 1994 de 97 000 a 170000 en 2006. Cunha estimación de 543 000 habitantes[1] en 2021 na súa área metropolitana constitúe o segundo centro urbano etíope.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Mesquita de Makalle

Segundo o censo de 2007, Makalle tiña unha poboación total de 215 914 habitantes, 104 925 de sexo masculino e 110 989 feminino. A meirande parte dos seus habitantes forman parte do pobo tigriña (96,2%), mentres os amháricos representan o 2,26%; a outros grupos étnicos pertence o 1,54% da poboación. A lingua tigriña fálana o 95,55% da poboación e o amhárico o 3,18%. A principal denominación relixiosa é a igrexa ortodoxa etíope co 92,68% e a segunda é o islam co 6,03%[2].

Palacio de Xoán IV en 1890

Ao comezo do século XIX o ras Wolde Selassie fixo de Antalo a súa capital e a rexión de Makalle localizada a 40 ao norte tornou o seu centro de lecer. En Chelekot, a 17 quilómetros da actual Makalle, estableceu a súa corte[3]. Nos rexistros tributarios do atse Teodoro II, Makalle aparece como un distrito tributario dentro de Enderta[4].

O atse Xoán IV fixo de Makalle a súa capital política, mandou construír tres castelos e varias igrexas, o gran palacio construído en 1882-84 por Engedashet Kassa Sehul salienta entre todas as edificacións desa época; a cidade medrou coa formación de barrios residencias nos que se estableceu a nobreza e os seus serventes, a crecente importancia do mercado de sal co seu fluxo de comerciantes tanto locais como foráneos, e a cidade tamén se beneficiou da súa posición estratéxica como centro de tránsito de produtoos das rutas comerciais de longa distancia do nodés de Etiopía que unían os portos do Mar Vermello co norte e o centro de Etiopía[5].

O reinado do sucesor de Xoán IV, o atse Menelik II de Soa supuxo unha reorientación do comercio do norte ao sur de Etiopía, a nova capital Addis Abeba superou rapidamente a Makalle, aínda que seguiu a manter a súa importancia política como o centro da administración rexional de Enderta e despois da provincia de Tigray ao longo do século XX, e tamén mantivo o seu papel económico no comercio do sal.

A guerra de Abisinia

[editar | editar a fonte]
Forte de Enda Eyesus

Despois da ocupación italiana de Adwa na primavera de 1895 as forzas do fillo do emperador, o ras Mengesha Xoán retiráronse de Makalla e os italianos ocupárona en outubro de 1895 ao comezo da guerra de Abisinia para integrala na Colonia Eritrea e seguir cara ao sur ata ocupar a zona do monte Amba Alagi[6]. O exército ocupante estableceu o seu forte preto da igrexa Enda Eyesus e tras a derrota do maior Pietro Toselli na batalla de Amba Alagi o 7 de decembro as tropas italianas ao mando do xeneral Giuseppe Arimondi repréganse a Makalla pero coñecendo a inferioridade numérica das súas forzas decidiu marchar cara ao norte[7]. Non obstante, deixou no forte 3 compañías do III Real Corpo de Tropas Coloniasis de Eritrea, 1 compañía do VIII batallón e 1 sección con catro pezas de montaña. En total sumaban 21 oficiais, 170 soldados italianos e algo máis de 1000 askari e á fronte da gornición quedou o maior Giuseppe Galliano que antes do ataque dos etíopes tentou organizar a defensa do forte rematando o muro das fortificacións e construíndo ramplas para os canóns ao tempo que teimaba en solicitar reforzos de Roma. Entrementres, as tropas etíopes sitiaron o forte e cortaron a súa subministración de auga.

Ilustración do ataque ao forte durante a batalla de Makalle

O 7 de xaneiro de 1896 so o comando de Maconnen, 60 000 abisinios principiaron o asalto, que os italianos rexeitaron nunha primeira volta pero ao volver á carga os etíopes o día seguinte apoderáronse das subministracións italianas. Nos días seguintes sucedéronse os ataques dos sitiadores ata que o 19 de xaneiro o goberno italianou ordenou render o forte ao negus, que chegara durante o sitio. Galiano e as súas forzas abandonaron a súa posición o 21 de xaneiro con honras militares e a promesa dunha retirada segura ata Adigrat á que chegaron poucos días despois[8]. Menelik nomeou o seu propio gobernador de Enderta con sede en Makalle, dejazmach Tedla Abaguben, para controlar os indómitos príncipes tigriña.

Século XX

[editar | editar a fonte]
O xeneral Emilio de Bono en Makalle tras a conquista da cidade.

O primeiro chanzo na urbanización da cidade no século XX foi a chegada do dejazmach Abreha Araya Demtsu, gobernador de Tigray oriental que erixiu un espléndido palacio nun outeiro, enfronte do gran palacio, tamén edificou un novo mercado, o Edaga Senbet, e unha nova igrexa, Selassie, erixidas todas no sur de Makalle; tamén atraeu á cidade a comerciantes musulmáns, vendedoras ambulantes e asistentes para o exército. Ademais, entre 1902 e 1904 conectouse coa nova liña telegráfica que ligaba Addis Abeba, capital do imperio etíope con Asmara, capital da Eritrea italiana. Na primeira década dos anos 30 o gobernador dejazmach Haile Selassie Gugsa renovou o palacio para o usar como a súa sede.

Durante a Guerra de Etiopía (1935-1936) as tropas comandadas polo xeneral Emilio De Bono conquistárona o 8 de novembro de 1935[9]. Construíron un aeroporto militar que inaugurado o 15 de xaneiro de 1936 e que se converteu na base da á de recoñecemento táctico e do XLIV Grupo coa 6ª escuadrilla da Regia Aeronautica. Tamén construíron un forte novo, renovaron as estradas e camiños, as liñas de teléfonos, canalizaron a auga potable, liñas eléctricas, estableceron o servizo postal, estableceron un cinema e centros de lecer e deportes nunha modernización da cidade que se dividiu en dúas zonas, a italiana e a nativa, que dobrou en tamaño. En 1938 había un hospital e tamén un hotel A cidade permaneceu baixo dominio italiano ata finais do ano 1941 cando volveu a poder do goberno do soberano etíope Haile Selassie. Porén, o 17 de setembro de 1943 caeu nas mans das forzas rebeldes que loitaban no Tigray meridional e oriental contra do feble goberno do emperador etíope que ao intentar debilitar os nobres locais e reforzar a súa dependencia do goberno central [10] provocara o descontento da poboación local que estaba farta da mala xestión e da corrupción dos aparellos administrativo, e que se organizaron en asembleas locais (gerreb) que formaron un congreso central (shengo) en Wokro so o liderado de Fitawrari Yeebio Woldai e Dejazmach Neguise Bezabih[11]. Nos meses de setembro e outubro os bombardeos aéreos dos británicos causaron danos importantes e axudou ás forzas do goberno etíope a reconquistar a cidade[12] o 14 de outubro tras a derrota dos insurxentes en Amba Alagi.[13][14]

Durante o período 1942-1974 diversificáronse os sectores urbanos modernos e establecéronse novas oficinas administrativas. En 1942 formouse a administración municipal, a oficina de correo e de telecomunicacións, fundáronse bancos comerciais e en 1952 unha escola pública primaria á que seguiu en 1960 un instituto. Entre 1962 e 1974 un bo número de pequenas empresas e industrias abriron as súas portas na cidade aínda que por mor das guerras que se sucederon entre 1974 e 1991 acabaron por pechar ou ben decaeron na súa actividade.

Ao estoupar en 1974 a revolución etíope, o ras Seyoum Mengesha gobernaba a cidade; o la città; o novo goberno, o Derg non tardou en tomar medidas, e en outubro dese ano ordenoulle desprazarse á capital para responder ás acusacións de corrupción; o nobre ventando un xuízo político sen garantías fuxiu ás montañas e fundou un grupo rebelde, con grande actividade e do que vai xurdir a Unión Democrática Etíope[15].

No decurso da gran fame de Etioía de 1983–85, que afectou de xeito terrible á rexión, arredor de Makalle existían os coñecidos como sete campos da fame que acollían a 75000 refuxiados e con 20 000 máis agardando entrar. En marzo de 1985 morrían neses campos 50 ou 60 persoas cada día. En 1986 a Fronte Popular de Liberación do Tigray liberou 1 800 prisioneiros políticos da prisión local nunha acción militar por sorpresa e en febreiro de 1988 a FPLT lanzou unha ofensiva que resultou no control dunha serie de posicións na estrada entre Dessie e Makalle e para outubro controlaban toda a rexión agás a propia Makalla e a súa contorna máis inmediata. O 25 de febreiro de 1989 o FPLT baixo a denominación de Fronte Democrática Revolucionaria do Pobo Etíope conquistou a cidade. En resposta o Derg queimou unha varias aldeas nos arredores da cidade tras colapsar as posicións militares do goberno en Tigray. En outubro de 1989 un bombardeo da Forza Aérea Etíope sobre a cidade causou 31 mortos[16].

O 5 de xuño de 1998 a Forza Aérea Eritrea bombardeou unha escola local durante a guerra eritrea-etíope e causou doce mortos.

Século XXI

[editar | editar a fonte]
Makalle logo dun bombardeo o 16 de novembro de 2020, horas antes da ofensiva do goberno federal etíope sobre a cidade

Tras o conflito armado entre Etiopía e Eritrea (1998-2000) estableceuse no ano 2000 a Misión das Nacións Unidas en Etiopía e Eritrea con sede na cidade de Makalle coa fin de monitorizar o alto o fogo ata a súa retirada en xullo de 2008 [17].

O 29 de decembro de 2002 houbo enfrontamentos entre fieis da ortodoxos e adventistas ao organizaren estes últimos un servizo nun estadio ao que responderon algún ortodoxos guindándolles pedras os adventistas e saqueando o templo adventista local. A policía interveu para deter os disturbios que remataron con 5 mortos, 3 feridos graves e 10 detidos.

Ao inicio da guerra de Tigray produciuse a ofensiva do exército etíope, coa axuda do eritreo [18], sobre a cidade de Makalle entre o 17 e o 28 de novembro de 2020 e que finalizou coa conquista da capital do Tigray e o establecemento do goberno de transición de Tigray, fiel ao goberno federal, que nomeou un novo alcalde. Nunha contraofensiva o 28 de xuño de 2021 as Forzas de Defensa de Trigay, fieis ao goberno tigriña de Debretsion Gebremichael, entraron de novo na cidade[19].

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Lago seco ao norte de Makalle

Makalle sitúase a 2254 metros sobre o nivel do mar, nas proximidades da marxe norte etíope do gran val do Rift, nunha meseta calcaria xurásica clun clima semiárido onde tan só medran os eucaliptos nos outeiros ao leste da cidade e algunhas especies exóticas de árbores e arbustos nas beiras das rúas.

O clima da rexión caracterízase por temperaturas relativamente altas ao longo de todo o ano e dúas estacións ben diferenciadas, unha curta estación estival húmida e unha longa seca. Segundo a clasificación climática de Köppen trátase dun clima tropical de sabana (Aw) ao superar os meses todos os 18 °C de temperatura media. Así e todo, está próximo a zonas de clima subtropical húmido e no nordés da cidade dáse un clima máis seco e quente, o clima semiárido.


Parámetros climáticos por termo medio de Makalle
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima media (°C) 23 24 25 26 27 27 23 23 25 24 23 22
24,3
Temperatura mínima media (°C) 16 17 18 19 20 20 18 17 18 17 16 15
17,6
Precipitacións (mm) 36 10 30 46 36 30 201 216 36 10 30 41
722
Fonte: Weatherbase

Goberno e administración

[editar | editar a fonte]
Avenida de Makalle

O concello municipal é o corpo lexislativo local e o executivo correspóndelle ao alcalde e aos sete administradores locais. Á administración de Makalle correspóndenlle determinadas funcións, como os sumidoiros, abastecemento público de auga, o servizo de bombeiros ou as relacións coa administración rexional. Tamén recada os impostos municipais.

Administracións locais

[editar | editar a fonte]

Antes da existencia das administracións locais todo Makalle formaba unha única área administrativa coñecida como cidade de Makalle; pero tras unha reforma administrativa Makalle dividiuse en sete administracións locais: Hawelti, Adi-Haki, Kedamay Weyane, Hadnet, Ayder, Semien e mais Quiha e cada unha das administracións locais divídese en distritos (kebelés) e estes en barrios (ketenas). Cada administración local é tamén unha municipalidade que conta co seu propio administrador que ten competencias en desenvolvementos socioeconómico, educativo e sanitario[20]. Kedamay Weyane, Ayder e Hawelti constitúen o centro comercial e de negocios da cidade mentres Semien é o centro industrial e xuntas constitúen o centro económico de Tigray.

Economía

[editar | editar a fonte]

Makalle é un dos principais centros económicos etíopes. As principais industrias locais son a Mesfin Industrial Engineering, ligada á produción de aceiro e á montaxe de vehículos, a Messebo Cement Factory, a meirande fábrica de cemento do norte de Etiopía. Ambas as dúas sociedades pertencen ao Endowment Fund for the Rehabilitation of Tigray (EFFORT). O polígono industrial acolle varias empresas téxtiles para o mercado internacional e emprega a 20000 persoas.

Transportes

[editar | editar a fonte]
Aeroporto de Makalle

A estrada une a cidade con Adís Abeba e Aksum. Posúe servizo de autobús, xestionado o interurbano por Selam Bus[21] e o urbano por Amora Bus e un novo aeroporto internacional, o Alula Aba Nega (ICAO: HAMK, IATA: MQX), que conta con rutas internacionais que opera Ethiopian Airlines.

Educación

[editar | editar a fonte]

A rede de educación pública na cidade consiste en centros de preescolar, escolas primarias, centros de ensino medio (7 ao 9) que opera a administración local mentres os centros de ensino secundario superior son competencia das autoridades rexionais. Ademais a cidade conta con diversos colexios privados.

En maio de 2000 formalizouse a creación da Universidade de Makalle como unha institución autónoma coa fusión de varias institucións universitarias independentes[22]

Monumentos

[editar | editar a fonte]
Memorial dos Mártires
Campanil da igrexa de Tekle Haymanot

A cidade posúe dous importantes monumentos arquitectónicos: o Memorial dos Mártires, situado en Adi-Haki e que conmemora os aproximadamente 60 000 mortos e 100 000 feridos da Fronte Popular de Liberación do Tigray (TPLF) na súa loita contra do Derg, o goberno marxista-leninista que caeu en 1991, e que con 51 metros de altura é visible dende gran parte da urbe. Ademais o monumento conta con numerosas esculturas que reflicten a loita dos campesiños e guerrilleiros contra dos soldados do réxime.

O outro monumento é o palacio imperial de Xoán IV no centro da cidade e construído por Lij Ingidashet e mais Giacomo Naretti[23] que se completou en 1884. O complexo, que constitúe agora un museo, conserva o trono do emperador, o leito real, vestimentas cerimoniais, rifles e outras coleccións históricas.

Makalle conta con numerosas igrexas: a Enda Gabir, a Enda Yesus Mekelle Bete Mengist, a Mekelle Iyesus, a Mekelle Maryam, a Mekelle Selassie e a Mekelle Tekle Haymanot contan entre as máis importantes

  1. "Mekelle Population 2021". World Population Review. 
  2. "Census 2007 Tables: Tigray Region". 14 de novembro de 2010. Archived from the original on 14 de novembro de 2010. Consultado o 31 de decembro de 2021. 
  3. Briggs, Philip (2015). Ethiopia. Bradt. p. 401. 
  4. Asfaw, Girmaselassie; Pankhurst, Richard (1979). Tax Records of and Inventories of Emperor Tewodros of Ethiopia, 1855-1868. University of Lonndres. 
  5. Gebrelibanos, Tsegay (2009). "The Ethiopian Salt Trading System in the 20th Century: A View from Mäqäla, Northern Ethiopia". Proceedings of the 16th International Conference of Ethiopian Studies: 185–201. 
  6. Montegazza, Vico (1896). Gl'Italiani in Africa: l'assedio di Macallè. Firenze: Successori Le Monnier. 
  7. Richard Alan Caulk (2002). Between the Jaws of Hyenas: A Diplomatic History of Ethiopia (1876-1896). Otto Harrassowitz Verlag. p. 507. 
  8. Pankhurst, Richard (2001). The Ethiopians. A History. Cambridge. p. 185 e ss. 
  9. Barker, A. J. (1971). Ballantine Books, ed. The Rape of Ethiopia 1936. p. 36. 
  10. Vaughan, Sarah (2003). Ethnicity and Power in Ethiopia. p. 123. 
  11. Mamoka Maki (2009). "The Wayyane in Tigray and the Reconstruction of the Ethiopia Government in the 1940s". Proceedings of the 16th International Conference of Ethiopian Studies. p. 5. 
  12. Gilkes, Patrick (1975). The Dying Lion: Feudalism and Modernization in Ethiopia. St. Martin's Press. pp. 180–188. 
  13. Gebru Tareke (1996). Red Sea Press, ed. Ethiopia: Power and protest. pp. 108–113. 
  14. Thomas Pakenham (1959). The Mountains of Rasselas. Reynal & Co. p. 80. 
  15. Marina e David Ottaway (1978). Ethiopia: Empire in Revolution. Nova York: Africana. p. p 86. 
  16. Human Rights Watch, 24 July 1991: ETHIOPIA - "Mengistu has Decided to Burn Us like Wood" - Bombing of Civilians and Civilian Targets by the Air Force
  17. "UN Mission in Ethiopia and Eritrea is withdrawn". UNMEE. 30 de xullo de 2008. 
  18. Situation Report EEPA HORN No. 31 - 20 December Europe External Programme with Africa
  19. Ethiopia: Tigray rebels enter regional capital of Mekelle, ceasefire requested, 28 de xuño de 2021
  20. Habtu, Adonay (2011). Popular Participation in Decentralized Governance. Mekelle University. p. 29. 
  21. "About Selam Bus". 
  22. "History of Mekelle University". Archived from the original on 26 de maio de 2005. Consultado o 01 de xaneiro de 2022. 
  23. Carlo Zaghi. "Narétti, James". Enciclopedia Italiana.