Menelik II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Menelik II
Menelik II - 4.jpg
Nacemento17 de agosto de 1844
Lugar de nacementoAnkober
Falecemento12 de decembro de 1913
Lugar de falecementoAdís Abeba
CausaIctus
SoterradoAdís Abeba e Imperio de Etiopía
NacionalidadeEtiopía
RelixiónIgrexa Etíope Tewahedo
Ocupaciónpolítico
PaiHaile Melekot
CónxuxeTaitu Bitul e Emyat Bafana
FillosZewditu e Shoa Reggad Menelik
PremiosCabaleiro gran cruz da Orde do Baño, Ordem de Santo Alexandre Nevsky, Order of Solomon, Order of the Star of Ethiopia, Order of Saint Anthony, Ordem de São Miguel e São Jorge, Knight Grand Cross in the Order of the Holy Sepulchre e Order of Saint Stephen of Hungary
Na rede
WikiTree: Miriam-30
editar datos en Wikidata ]
O emperador Menelik II de Abisinia viviu entre finais do século XIX e principios do XX. Durante o seu goberno, o Imperio Abisinio mantivo a súa independencia, grazas á súa vitoria sobre Italia en Adua. Durante aquel tempo, os únicos Estados independentes de África foron Liberia e Etiopía.

Menelik II (en ge'ez: ዳግማዊ ምኒልክ, dagmäwi minilik) foi emperador de Etiopía (chamada naquel entón Abisinia). Nado en Ankober, na actual Etiopía no ano 1844 e morto en Addis Abeba, cidade fundada por el mesmo, en 1913. Foi negus de Soa e emperador de Etiopía desde o ano 1889 ó 1909.

Era herdeiro ó trono de Soa trala morte do seu pai, o príncipe Hailu Malkot en 1855, pero foi levado á corte do emperador Teodoro II de Abisinia, o mesmo quen vencera ó seu pai, quen lle da unha das súas fillas por esposa. Conquista Soa e proclámase rei deste país, ó cal aumenta en territorios anexionando outros, como os do pobo galla.

Posteriormente defendeu a autonomía de Soa xunto ó emperador Xoán IV de Abisinia, a quen sucedeu en 1889 tras moitos intentos grazas á axuda de Italia. Ese mesmo ano anexionou os reinos setentrionais de Tigray e Amhara e asinou con Italia o polémico tratado de Uccialli, en virtude do cal parecía aceptar o protectorado italiano, o cal Menelik II non sabía.

En canto soubo que os termos en italiano do acordo convertían a Abisinia no seu protectorado, rexeitou o acordo, o cal non sentou demasiado ben ós italianos, que algún tempo máis tarde, en 1894, invadiron Abisinia provocando a guerra entre ambas as nacións. Os italianos pensaban obter a vitoria facilmente como en calquera outro país africano, mais foron vencidos na batalla de Adua en 1896 e nese mesmo ano Etiopía proclamouse vencedora. Firmou entón un novo tratado con Italia, no cal Etiopía gañaba o seu recoñecemento como país independente e Italia a colonia de Eritrea. Abisinia consolidou a súa independencia en 1906, ano no que obtivo o recoñecemento internacional.

En 1886 fundou Addis Abeba, e aplicou unha política de modernización militar, económica e cultural que permitiu asentar as bases dun Estado moderno. Neste proceso cabe destacar o seu intento de abolir o comercio de escravos, o recorte de poderes e privilexios da nobreza feudal do país e a apertura do comercio con Djibuti, colonia francesa, grazas a permitir a estes últimos a construción dun ferrocarril.

A partir de 1903, cando sufriu un ataque de apoplexía, a súa saúde comezou a deteriorarse e, dous anos máis tarde, nomeou sucesor ó seu fillo Liy Yassu, deixando de ser emperador en 1909. Morreu no ano 1913 na súa capital, Addis Abeba.