Alto o fogo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un alto o fogo é a detención temporal dunha guerra, ou de calquera conflito armado, na que os bandos enfrontados acordan, mutua ou unilateralmente, o cesamento das hostilidades. O alto o fogo, ou a tregua, pódense declarar como parte dun tratado de paz formal, pero tamén poden ser a demostración dunha vontade de entendemento entre as partes enfrontadas previa á paz definitiva.

Exemplos de alto o fogo[editar | editar a fonte]

O 29 de decembro de 1914, durante a primeira guerra mundial, na denominada Tregua de Nadal, houbo un alto o fogo transitorio, non oficial, entre alemáns e británicos, sen que houbera ningún tratado asinado. A guerra retomouse ao cabo duns días.

Un exemplo máis recente de alto o fogo foi o anunciado entre Israel e a Autoridade Nacional Palestina o 8 de febreiro de 2005. No momento do anuncio, o xefe negociador palestino, Saeb Erakat, definiu o alto o fogo da maneira seguinte: "Acordamos que, hoxe, o presidente Abbas declarará un cesamento completo da violencia contra os israelís en todas as partes e que o primeiro ministro Ariel Sharon declarará un cesamento completo da violencia e as actividades militares contra os palestinos en todas as partes".

Outro exemplo máis recente aínda, neste caso dun alto o fogo unilateral, tivo lugar o 22 de marzo de 2006 , en que a organización terrorista Euskadi ta Askatasuna (ETA) declaraba un alto o fogo permanente nas súas hostilidades contra os gobernos español e francés. Segundo o comunicado de ETA, "o obxectivo desta decisión é impulsar un proceso democrático no País Vasco para construír un novo marco no que sexan recoñecidos os dereitos que como pobo nos corresponden" de forma que se "supere o conflito de longos anos e que se constrúa unha paz baseada na xustiza". Esta tregua terminou co atentado da T-4 na terminal de Barajas (Madrid) o día 30 de decembro de 2006, onde morreron dúas persoas de nacionalidade ecuatoriana e, finalmente, cun comunicado de ETA o 5 de xuño de 2007 .

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]