Luís Porteiro Garea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lois Porteiro Garea»)
Luís Porteiro Garea
Nacemento16 de novembro de 1889
Lugar de nacementoLugo
Falecemento27 de outubro de 1918
Lugar de falecementoFrades
CausaGripe
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónavogado e político
editar datos en Wikidata ]

Luís Porteiro Garea, nado en Lugo o 16 de novembro de 1889 e finado en Frades o 27 de outubro de 1918, foi un avogado e político galego, fundador das Irmandades da Fala en Santiago de Compostela[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, doutorouse en Madrid en 1914 coa tese El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo. Foi catedrático na USC, concelleiro agrarista e presidente das Irmandades da Fala en Santiago de Compostela. En febreiro de 1918 presentouse como candidato rexionalista a deputado en Cortes polo distrito de Celanova, pero foi derrotado polo candidato conservador Senén Canido Pardo. Colaborou en diversas publicacións como El Radical, Gaceta de Madrid, Estudios Gallegos e A Nosa Terra.

Discurso de Porteiro Garea ó fundarse a Irmandade da Fala en Santiago no ano 1917 (PDF).

Morreu prematuramente en 1918, vítima da pandemia de influenza coñecida como gripe española. Os seus restos descansan en Gafoi, no concello de Frades.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Foi un dos creadores do nacionalismo na súa vertente política, pois apostou por superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara á creación dunha organización política. Tamén foi un acérrimo defensor da lingua galega, sen esquecer a europeización da cultura, e rexeitou o separatismo. Considerou a Galicia e a España como dous entes diferenciados pero cunha estreita interrelación.

Portada da Revista del Centro Gallego de Buenos Aires, dedicada a Porteiro, 1932.

Os seus escritos atenderon a un dobre núcleo temático: definiu España como unha organización defectuosa que se fundou na oligarquía e o caciquismo e responsabilizou os galegos e os factores endóxenos de Galicia dos seus propios problemas. Defendeu o establecemento dunha república presidencialista e progresista.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

A Universidade de Santiago de Compostela convocou o Premio Luís Porteiro Garea a prol da normalización lingüística.[2]

Obras[editar | editar a fonte]

  • A los gallegos emigrados, 1918.
  • Un mensaxe a García, 1919.
  • A fala galega, 1936.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Beramendi, Xusto G. (28 de maio de 2017). "Lois Porteiro Garea". Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega). 
  2. "II Premio “Luís Porteiro Garea” á promoción e uso do galego na USC". USC. Consultado o 9 de outubro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]