Saltar ao contido

Lingua exipcia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exipcio
'r n km.t
r
Z1
nkmmt
O49
Falado en: Antigo Exipto
Extinción: Evolucionou no demótico no -600, no copto no 200, e desapareceu no século XVII
Familia: Afroasiática
 Exipcio
Escrita: Xeróglifos, hierático, demótico e copto (posteriormente, en alfabeto árabe nas traducións do goberno)
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: egy
ISO 639-3: egy
Mapa
Status

A lingua exipcia é a máis antiga lingua de Exipto, pertencente á familia lingüística afroasiática. A frase completa máis antiga que se coñece da lingua exipcia data do ano -2690, o que a converte nunha das linguas escritas máis antigas que se coñecen, xunto co sumerio. O exipcio falouse até o século XVII na súa evolución copta. A lingua nacional do Exipto moderno é o árabe exipcio, que substituíu gradualmente ó copto como a lingua de uso habitual nos séculos posteriores á conquista musulmá de Exipto.[1]

O copto é aínda empregado na actualidade como lingua litúrxica da Igrexa Ortodoxa Copta. Ten uns poucos centos de falantes fluídos.[2]

Historia da lingua

[editar | editar a fonte]

O exipcio pasou polas seguintes etapas:

  • Exipcio arcaico (antes do 2600 a.C.).
  • Exipcio antigo (2600 a.C. - 2000 a.C.).
  • Exipcio medio (2000 a.C. - 1300 a.C.).
  • Exipcio tardío (1300 a.C. - 700 a.C.).
  • Demótico (século VII a.C. - século V a.C.)
  • Copto (séculos IV ao XIV) - o dialecto boárico úsase aínda hoxe nas igrexas coptas.

O exipcio antigo, medio e tardío escribíronse usando as escritas xeroglífica e hierática. Para o demótico usouse unha escrita derivada do hierático, que ten unha aparencia semellante á do árabe actual (aínda que non estean relacionadas). O alfabeto do copto é unha forma modificada do alfabeto grego con certos símbolos tomados do demótico para sons que non aparecían en grego antigo.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O exipcio é unha lingua afro-asiática típica. O vocabulario consiste en raíces de tres consoantes, como en /nfr/, "fermoso". Nalgúns casos só había dúas, como por exemplo en /r'/ "sol" (a apóstrofe representa unha fricativa farínxea sonora, e noutros podía haber até cinco, como en /sxdxd/ "estar cos pés para riba". Destas consoantes derivaban outras palabras engadíndolles vogais e outras consoantes. Porén, non se sabe de que vogais se trataba, xa que non se transcribían. Así, ankh podería ser tanto "vida", como "vivir" como "vivente". Na transcrición, "a", "i" e "u" representan consoantes: por exemplo, o nome Tutankhamon escribíase "twt 'nkh ymn". A estes valores téñenselle asignado sons xenéricos para permitir pronuncialos. Porén, esta convención leva a moitos a pensar que se trata dunha pronuncia real que, de novo, é totalmente descoñecida.

Fonoloxicamente, o exipcio contrastaba consoantes bilabiais, labiodentais, palatais, velares, uvulares, farínxeas e glotais nunha distribución que puidera ser semellante á do árabe.

A sintaxe elemental é Verbo+Suxeito+Obxecto, ou sexa que "o home abre a porta" sería "abre o home a porta".

No terreo da morfoloxía, o exipcio usa a construción chamada status constructus para combinar dous ou máis nomes, máis ou menos como fan as linguas semíticas. Neste tipo de construción, o primeiro nome varía ás veces. Por exemplo, o -h final dos nomes femininos convértese en -t: mlkt shba, "A Raíña de Saba", cando a forma base de mlkt é mlkh. Ao principio o exipcio non tiña artigos, pero posteriormente usou as palabras /p3/, /t3/ e /n3/ (3 representa un parón glotal) con este fin. En exipcio hai dous xéneros gramaticais, masculino e feminino e tres números gramaticais: singular, dual e plural.

As escritas exipcias

[editar | editar a fonte]

Non é certo que os xeróglifos sexan imaxes que representen ideas en vez dos sons da lingua. As formas tómanse, en efecto, de obxectos reais e imaxinarios, pero a maioría úsanse polo seu valor fonético. Así, o xeróglifo que representa unha casa pódese usar para escribir a palabra pr (descoñécense as vogais!), que significa "casa". Úsase o mesmo xeróglifo para a palabra prj, "saír", debido á semellanza na pronuncia. Para asegurarse de que non hai ambigüidade en relación a que palabra se pretendía representar, os escribas engadían un par de pernas en movemento por debaixo da casa para clarificar que se trataba de prj e non de pr. Para aclarar aínda máis a pronuncia, moitas veces engádeselle tamén o xeróglifo que representa unha boca (ro) entre a casa e as persas en movemento, de maneira que o conxunto se lea "Palabra que soa como a palabra para casa, remata en r e está relacionada con camiñar". A escrita xeroglífica é, xa que logo, unha mestura de compoñentes fonéticos e semánticos. Pódese ver este exemplo no artigo sobre os xeróglifos exipcios.

Tamén se usaron a escrita hierática (unha versión cursiva da xeroglífica) e a demótica (máis cursiva e abreviada). Conforme Exipto pasaba a ser parte do mundo grego e, posteriormente, do Imperio Romano, estes sistemas foron substituídos polo alfabeto grego, que se usou primeiro para manuscritos máxicos e posteriormente cristiáns (copto). É así que algúns xeróglifos exipcios continúan hoxe en día a seren usados na igrexa copta.

Xeróglifos

[editar | editar a fonte]
Sección do Papiro Prisse, da Biblioteca Nacional, en París, Francia. Atopado en Tebas en 1846. Contén copias en hierático dos Preceptos de Kamemna e dos Preceptos de Ptah-hotep.

O uso das escritas

[editar | editar a fonte]

Os xeróglifos usáronse na maioría das formas de comunicación escrita que nos teñen chegado desde os Imperios Vello e Medio, polo menos nos documentos oficiais. Empregouse, en particular, sempre nas inscricións monumentais e decorativas. A versión cursiva aparece en textos relixiosos e no Libro de Kemyt (o "libro de texto" dos escribas). A escrita hierática xa se usaba na administración corrente durante o Imperio Antigo e nos documentos relixiosos en papiro. No Terceiro Período Intermedio algunhas inscricións monumentais foron escritas en hierático, o que constituíu o punto de partida para unha hierática anormal que se empregou na área tebana durante os séculos IX a VII e para a demótica desde comezos do século VIII no norte e un século máis tarde en todo o Exipto. O texto en xeróglifos máis recente coñecido é do ano 364 a.C.

As sistemas de escrita permaneceron bastante fixados. Durante a XVIII dinastía a lingua oral e a escrita distanciáronse bastante. O exipcio tardío, que se falaba durante o Imperio Novo, empregouse en documentos hieráticos das dinastías XIX e XX, mentres que algúns textos xeroglíficos seguíanse escribindo nunha forma imprecisa de exipcio medio. As formas hieráticas comezaŕonse a diferenciar dos textos relixiosos do exipcio medio e dos documentos profanos do exipcio tardío.

O demótico, que corresponde á lingua falada nos séculos VII e VI a.C., suplantou ao exipcio tardío, mentres que o exipcio medio mantívose como lingua formal e monumental até o fin da civilización exipcia.

A escrita hierática pódese transcribir sempre en xeróglifos, aínda que o resultado non é o mesmo que cando o texto foi composto orixinariamente en escrita xeroglífica. O demótico, porén, é independente dos sistemas anteriores. Os xeróglifos en cursiva desapareceron durante o I Milenio; a escrita hierática empregouse nos textos relixiosos até o final; nos documentos administrativos utilizouse só o demótico.

Sintaxe dos xeróglifos

[editar | editar a fonte]

Como xa se dixo, a maioría dos xeróglifos que aparecen nun texto non representan os obxectos que semellan. Son fundamentalmente sons ou determinativos que mostran o tipo de palabra de que se trata. Os xeróglifos podíanse escribir das seguintes maneiras:

  • horizontal, de esquerda a dereita
  • horizontal, de dereita a esquerda
  • vertical, enfrontado esquerda a dereita
  • vertical, enfrontado esquerda a dereita

A cursiva xeroglífica escríbese habitualmente en columnas, de arriba a baixo ou horizontalmente, de dereita a esquerda. Nas etapas posteriores da cursiva xeroglífica, escríbese horizontalmente, de dereita a esquerda; os xeróglifos verticais hainos que ler de arriba para baixo. Habitualmente resulta doado determinar como se han de ler os xeróglifos, mesmo se non se entende o seu significado. Por exemplo, nos xeróglifos que teñen un "diante" e un "detrás" (por exemplo, unha persoa), se miran cara a dereita (o máis frecuente) indican que o texto se le de dereita a esquerda, e viceversa.

Así, se se mostra un home sentado mirando cara á dereita, entón todos os xeróglifos cun "diante" e un "detrás" claros mirarán tamén para a dereita. Os que se len para a esquerda chámanse "retrógrados".

Os xeróglifos agrúpanse tamén en secuencias claras, o cal axuda á lectura e corresponde co sentido estético exipcio. Normalmente, dous ou máis curtos ou delgados (dependendo no sentido en que se vaian escribindo) escribiríanse no mesmo bloque que os demais. Ás veces, un símbolo alto ou ancho reduciríase para colocalo xunto con outro curto ou delgado.

Por último, os xeróglifos non contan cunha puntuación normativa. Os textos relixiosos non teñen nada de puntuación, mentres que os textos a partir do exipcio medio usaban puntos entre as liñas de pensamento importantes.

Como se descifraron os xeróglifos

[editar | editar a fonte]
Escrita demótica nunha réplica da pedra de Rosetta.

Até recentemente pensábase que os xeróglifos lles asociaban significados emocionais aos símbolos usados. Por exemplo, que se escollera un ganso para o xeróglifo para "fillo" porque os gansos queren aos seus fillos máis que os demais animais. A verdadeira razón é que a palabra para ganso era un homófono da de fillo. Carecíase tamén de material complementario que permitise comparar a tradución cun texto coñecido.

Athanasius Kircher, un estudante de copto, tivo a idea de que esta lingua tivese algunha relación co exipcio antigo, pero foi incapaz de probalo xa que non foi quen de transliterar os xeróglifos. En 1799 descubriuse a pedra de Rosetta, que contiña un texto en xeróglifos, demótico e grego antigo que se asumiu que eran traducións do mesmo.

Nos xeróglifos, o nome dos faraóns e dos deuses insírese nun círculo chamado cartucho. Jean-François Champollion, un estudoso francés, demostrou como se escribía en xeróglifos o nome Kleopatra. Ademais, dado que coñecía o copto, asumiu que moitos símbolos que mostraban obxectos cotiáns habían de pronunciarse como en copto.

A aplicación destes coñecementos a outras fontes xeroglíficas máis coñecidas confirmou o traballo de Champollion e permitiu o estudo final dos xeróglifos exipcios.

  1. The language may have survived in isolated pockets in Upper Egypt into the 19th century according to James Edward Quibell, "When did Coptic become extinct?" in Zeitschrift für ägyptische Sprache und Altertumskunde, 39 (1901), p. 87.
  2. ""Coptic language’s last survivors". Daily Star Egypt, December 10, 2005 (archived)". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011. Consultado o 21 de xullo de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]