Saltar ao contido

Lila (planta)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lilas (xénero Syringa)

Lilas comúns (Syringa vulgaris) en flor
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Fanerógama / Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Lamiales
Familia: Oleaceae
Tribo: Oleeae
Xénero: Syringa
L., Sp. Pl., vol. 1: 9, 1753 [1]
Especies

Arredor de 20 especies; véxase no texto.

Sinonimia
  • Lilac Mill., Gard. Dict. Abr. ed. 4: s.p. (1754).
  • Liliacum Renault, Fl. Orne: 100 (1800).
  • Busbeckia Hécart, Bosquets Agrem.: 94 (1808), nom. inval.
  • Ligustrina Rupr., Beitr. Pflanzenk. Russ. Reiches 11: 55 (1859).[1]

As lilas[2] son as distintas especies do xénero botánico Syringa. Existen arredor de vinte especies aceptadas,[3] das máis de 100 descritas, de fanerógamas na mesma familia cás oliveiras (Oleaceae), nativas de Europa e Asia. As lilas medran desde grandes arbustos a pequenas árbores, de 2 a 10 m de altura. As follas son opostas (ocasionalmente en grupos de tres), deciduas, e na maioría das especies simples e acorazonadas, e pinnadas nunhas poucas especies (por exemplo en S. laciniata ou S. pinnatifolia). As flores prodúcense na primavera, cada unha de arredor de 1 cm de diámetro, brancas, de cor rosa pálida ou máis xeralmente purpúreas, con catro pétalos, en longas panículas, e en varias especies cun forte recendo. A floración comeza logo de 80 a 110 día graos.

As Syringa son comidas por larvas dalgunhas especies de Lepidoptera, entre elas Amphipyra pyramidea, Crocallis elinguaria e Amphipyra berbera.

Cultivo e usos

[editar | editar a fonte]
Cultivar de lilas de flores brancas en floración.

As lilas son moi utilizadas como arbustos en parques e xardíns de zonas temperadas. Ademais das especies listadas abaixo, desenvolvéronse varios híbridos e numerosos cultivares. O termo lila francesa é común para se referir a cultivares modernos de dobres flores, grazas ao traballo do prolífico cultivador Victor Lemoine.

As lilas florean nas pólas vellas, e producen máis flores se non se podan. Cando é podada a planta responde producindo pólas vexetativas (chupóns) con alta velocidade de crecemento e sen flores, nun intento de restaurar as pólas suprimidas; unha lila podada produce poucas ou ningunha flor durante dun a cinco ou máis anos, antes que a nova maduración sexa abonda para comezar a florear. As lilas non podadas florean cada ano. De todos os xeitos, debería practicarse regularmente unha poda metódica. Esta faise correctamente despois de finalizada a floración e antes que se formen os gomos.
Medran xeralmente mellor en solos lixeiramente alcalinos.

Os arbustos poden ser podados para previr o mildio, causado por unha pobre circulación do ar.

As lilas purpúreas simbolizan o primeiro amor e as lilas brancas a xuventude e a inocencia.

A madeira de lila é de gran fechado, de poros difusos, extremadamente dura e unha das máis mestas de Europa. O sámago é tipicamente cremoso e a cerna ten varias tonalidades de pardo e púrpura. Úsase para cadaleitos, instrumentos musicais, rabos de ferramentas e coitelos etc. Ao secar, tende a se curvar e xerar fendas. A madeira de lila común é máis dura cá de Syringa josikaea.

Syringa vulgaris é a flor do Estado de Nova Hampshire (Estados Unidos), por mor de que "é simbólico para o carácter dos habitantes do Estado de Granito" (New Hampshire Revised Statute Annotated (RSA) 3:5).

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome científico do xénero Syringa deriva de syrinx (xiringa), referíndose ao estado oco das pólas novas dalgunhas especies.

Especies aceptadas

[editar | editar a fonte]
  1. "Lila (planta)". Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist of Selected Plant Families. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 7 de maio de 2010. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lila.
  3. Syringa en The Plant List

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]