Li Zhi
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de novembro de 1527 Jinjiang, República Popular da China (pt) |
Morte | 1602 (74/75 anos) Pequín, República Popular da China |
Causa da morte | suicidio |
Lugar de sepultura | Pequín |
Relixión | Budismo |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía |
Ocupación | filósofo, mestre |
Li Zhi (chinés tradicional: 李贄; chinés simplificado: 李贽; pinyin: Lǐ Zhì; Wade-Giles: Li3 Chih4), tamén coñecido polo pseudónimo Zhuowu (chinés tradicional e simplificado: 卓吾; pinyin: Zhuówú; Wade-Giles: Cho2-wu2; "Eu, o intelixente"), nado en 1527 e finado en 1602, foi un filósofo, historiador e escritor chinés de finais da dinastía Ming. Foi perseguido polas súas críticas á doutrina neoconfuciana de Zhu Xi, considerada a ortodoxia polo goberno dos Ming, e acabou suicidándose en prisión.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Li Zhi naceu en Jinjiang (a actual Quanzhou), na provincia de Fujian. Era descendente de sétima xeración de Lin Nu, fillo de Li Lü, un mercador marítimo. Lin Nu visitou Hormuz, en Persia, no ano 1376, converténdose ao Islam tras casar cunha muller da rexión, coa que regresou á China. Porén, esta nova fe non arraigou na familia, que deixou de practicar o Islam na época do avó de Li Zhi.
O pai deste foi mestre, polo que recibiu unha esmerada educación dende moi novo. En 1551, aprobou os exames da súa vila, e cinco anos despois foi nomeado profesor en Gongcheng (actual Huixian, na provincia de Henan). En 1560 foi ascendido a docente do Guozijian, en Nanjing; porén, tivo que regresar ao fogar para cumprir co loito filial. Durante este tempo, tivo que axudar na defensa da cidade natal contra os ataques dos piratas xaponeses. Tras rematar o loito en 1563, foi enviado ao Guozijian de Beijing.
En 1566, serviu no Ministerio dos Ritos da capital, onde se familiarizou co pensamento budista e o da escola de Wang Yangming. Posteriormente, en 1577, trasladouse como prefecto ao condado Yao'an, en Yunnan, posto que abandonou tres anos máis tarde. Logo, asumiu un cargo de profesor en Hubei por invitación de Geng Dingli, mais foi atacado polo irmán deste, Geng Dingxiang, quen o acusou de herexe. A causa deste incidente, mudouse a Macheng. En 1588, fíxose monxe budista, pero sen seguir o seu estilo de vida ascético. Dous anos despois, publicou Fenshu 焚書 ("Un libro para queimar").
Durante a década de 1590, visitou Jining e Nanjing, onde coñeceu ao xesuíta Matteo Ricci, co que debateu sobre as diferenzas entre a filosofía budista e a católica. Volveu a Macheng en 1600, mais tivo que fuxir pola condena dun maxistrado local.
En 1602, Li Zhi foi acusado de confundir á sociedade con ideas heréticas por Zhang Wenda e outros oficiais do Censorado, polo que acabou na cadea, onde se suicidou ao saber que sería exiliado ao seu Fujian natal.[1] Tras o seu pasamento, foi soterrado en Tongzhou, onde se atopa a súa tumba.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beck, Sanderson (2007). "Ming Empire 1368-1644". China, Korea, and Japan to 1800 (en inglés). World Peace Communications. ISBN 9780979253201.