Levantamento do 2 de maio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Levantamento do dous de maio»)
Monumento aos Heroes do Dous de Maio, inaugurado en Madrid en 1840.

O Levantamento do 2 de maio foi un alzamento de carácter popular e militar que tivo lugar en Madrid en 1808 contra os ocupantes franceses, que se saldou cuns fusilamentos masivos por parte das tropas napoleónicas no día seguinte. Neste contexto revolucionario xorden, entre maio e xuño, Xuntas en moitas capitais de provincia de España, cada unha cos seus exércitos, os seus depósitos de armas e de provisións e coas súas finanzas.

O afrancesamento do Consello de Castela, que aceptou nun primeiro momento o mandato de Napoleón Bonaparte, provocou conflitos ideolóxicos coas Xuntas, cuxo poder aumentaba á par do apoio do pobo, até que, finalmente, o Consello debeu resignarse a que foran estas, máis numerosas, as que ostentaran a soberanía.

Pouco antes, o 10 de abril, constituírase unha Xunta Suprema de Goberno como representación do rei Fernando VII mentres durase a viaxe que emprendera a Francia. Porén, o poder efectivo quedara nas mans de Joachim Murat, cuñado e Lugartenente en España de Napoleón, que reducira a Xunta a un mero monicreque, simple espectador dos acontecementos.

O 27 de abril, Murat solicitou, supostamente en nome de Carlos IV, a autorización para o traslado a Baiona dos dous fillos deste que aínda quedaban na cidade, María Luísa, raíña de Etruria, e o infante Francisco de Paula.

Aínda que a Xunta se negou inicialmente, tras unha reunión na noite do 1 ao 2 de maio, e ante as instrucións de Fernando VII chegadas a través dun emisario desde Baiona, finalmente cedeu.

Que nolo levan![editar | editar a fonte]

O 2 de maio de 1808, na primeira hora da mañá, unha multitude de madrileños comezou a concentrarse fronte do Palacio Real. A xente coñecía a intención dos soldados franceses de sacar de palacio ao infante Francisco de Paula para levalo a Francia co resto da Familia Real, polo que, ao grito de José Blas Molina "Que nolo levan!", parte do xentío asaltou o Palacio. O infante asomouse a un balcón, provocando que aumentase o balbordo na praza. Este tumulto foi aproveitado por Joachim Murat, que mandou un destacamento da Garda Imperial ao Palacio, acompañado de artillaría, a cal fixo fogo contra a multitude. Ao desexo do pobo de impedir a saída do infante, uniuse o de vingar os mortos e o de desfacerse dos franceses. Con estes sentimentos, a loita estendeuse por todo Madrid.

Loita nas rúas[editar | editar a fonte]

Os madrileños comezaron así un levantamento popular espontáneo pero longamente larvado desde a entrada no país das tropas francesas, improvisando solucións ás necesidades da loita nas rúas. Constituíronse partidas de barrio comandadas por caudillos espontáneos, buscouse o aprovisionamento de armas —xa que nun principio as únicas de que dispuxeron foron navallas— e comprenderon a necesidade de impedir a entrada na cidade das tropas francesas acampadas nas súas inmediacións.

El dos de mayo de 1808 en Madrid ou
La carga de los mamelucos.
Francisco de Goya, 1814. Museo do Prado.

Pero todo isto non foi suficiente. Cando os madrileños quixeron protexer as portas da cerca da cidade, a maioría das tropas de Murat (uns 30.000 homes) xa penetraran nela.

Porén, a xente seguiu loitando durante toda a xornada utilizando calquera obxecto que fora susceptíbel de servir de arma, como pedras, agullas de coser, testos guindados desde balcóns... Así, os acoitelamentos, degolamentos e detencións sucedéronse nunha xornada sanguenta.

Mamelucos e lanceiros napoleónicos extremaron a súa crueldade coa poboación e varios centos de madrileños, homes e mulleres, así como soldados franceses, morreron na refrega. Goya reflectiría estas loitas poucos anos despois, na súa tea El dos de mayo de 1808 en Madrid, cadro tamén coñecido como La carga de los mamelucos.

Aínda que a resistencia ao avance francés foi moito máis eficaz do que Murat previra, especialmente na Puerta de Toledo, a Puerta del Sol e o Parque de Artillaría de Monteleón, a súa operación permitiulle someter a Madrid baixo a xurisdición militar e poñer baixo as súas ordes á Xunta de Goberno. Pouco a pouco, os focos de resistencia popular foron decaendo.

Daoíz e Velarde[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Daoíz e Velarde.
Monumento a Daoíz e Velarde na Plaza del 2 de Mayo de Madrid. Obra de Antonio Sola. O arco é a antiga porta do Cuartel de Monteleón.

Mentres se desenvolvía a loita, os militares españois permaneceron, seguindo as ordes do capitán xeneral Francisco Javier Negrete, acuartelados e pasivos. Só os artilleiros do Parque de Artillaría no Palacio de Monteleón desobedeceron as ordes uníndose á insurrección. Os heroes de maior graduación foron os capitáns Luis Daoíz y Torres, que asumiu o mando dos insurrectos por ser o máis antigo, e Pedro Velarde Santillán. Cos seus homes encerráronse no Parque de Artillaría de Monteleón e, tras repeler unha primeira ofensiva francesa ao mando do xeneral Lefranc, morreron loitando heroicamente ante os reforzos enviados por Murat. Outros militares novos tampouco acataron a orde superior de non intervir e loitaron canda Daoíz e Velarde en Monteleón, como o tenente Jacinto Ruiz e os alféreces de fragata Juan Van Halen, que foi ferido de gravidade, e José Hezeta.

Os levantados en armas[editar | editar a fonte]

O Levantamento do 2 de maio non foi a rebelión do Estado español contra os franceses, senón a das clases populares de Madrid contra o ocupante tolerado (por indiferenza, medo ou interese) por gran número de membros da Administración. De feito, a entrada das tropas francesas fixérase legalmente, ao abeiro do Tratado de Fontainebleau, cuxos límites, porén, axiña vulneraron, excedendo a cota permitida e ocupando prazas que non estaban no camiño cara a Portugal, o seu suposto obxectivo. La Carga de los Mamelucos, antes citada, presenta as principais características da loita: profesionais perfectamente equipados (os mamelucos e os coiraceiros) fronte a unha multitude practicamente desarmada, e a presenza activa no combate de mulleres, algunhas das cales perderon incluso a vida (Manuela Malasaña e Clara del Rey, por exemplo).

Represión[editar | editar a fonte]

El Tres de mayo de 1808 en Madrid ou Los fusilamientos en la montaña del Príncipe Pío. Francisco de Goya, 1814. Museo do Prado, Madrid.

A represión foi cruel. Murat, non conforme con aplacar o levantamento, planeou tres obxectivos: controlar a Administración e o Exército españois, aplicar un rigoroso castigo aos rebeldes para escarmentar a todos os españois e afirmar que era el quen gobernaba España, país cuxo trono anhelaba.

A mesma tarde do 2 de maio asinou un decreto no que creaba unha comisión militar, presidida polo xeneral Grouchy, para sentenciar a morte a todos cantos fosen capturados coas armas na man ("Todos os que foron presos no alboroto e coas armas na man, serán arcabuceados").

O Consello de Castela publicou unha proclama na que se declarou ilícita calquera reunión en sitios públicos e ordenou a entrega de todas as armas, brancas ou de fogo. Militares españois colaboraron con Grouchy na comisión militar. Neses primeiros momentos, as clases podentes pareceron preferir o triunfo das armas de Murat antes que o dos patriotas, compostos unicamente por individuos das clases populares.

No Salón do Prado foron fusiladas 32 persoas o mesmo día 2 de maio; outras 11 persoas foron executadas noutros puntos da cidade (Cibeles, Recoletos, Puerta de Alcalá e Buen Suceso). Ao día seguinte os franceses fusilaron 24 persoas na montaña do Príncipe Pío e outras 12 no Buen Retiro. A cifra exacta de baixas foi obxecto de gran controversia, pero o historiador Pérez Guzmán, que revisou todos os arquivos dispoñíbeis en 1908, contabilizou 409 mortos, 39 deles militares, e 170 feridos, dos cales 28 eran militares. O resto dos mortos e feridos eran civís.[1] Aínda considerando outros falecementos que non foran rexistrados (pola confusión do momento ou por medo ás represalias francesas) a cifra total de mortos é por forza inferior a 500. Chama a atención que os militares non cheguen á décima parte das baixas mortais.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Murat pensaba que acabara cos ímpetos revolucionarios dos españois, aos que lles puxera un medo pavoroso, e que garantira para si mesmo a coroa de España. Porén, o sangue derramado non fixo senón inflamar aínda máis os ánimos dos españois e dar o sinal de comezo da loita en toda España contra as tropas invasoras. O mesmo 2 de maio, á tarde, na vila de Móstoles, ao escoitar as novas traídas polos fuxitivos da represión na capital, Juan Pérez Villamil, Secretario do Almirantado e Fiscal do Supremo Consello de Guerra, fíxolles asinar aos alcaldes da villa (Andrés Torrejón e Simón Hernández) un bando -o coñecido como Bando dos alcaldes de Móstoles- no que se chamaba a todos os españois a empuñar as armas contra o invasor, empezando por acudir ao socorro da capital. Ese bando faría, dun modo indirecto, comezar o levantamento xeral, cuxos primeiros movementos, aínda que posteriormente suspendidos, foron os que promoveron o corrixidor de Talavera de la Reina, Pedro Pérez de la Mula, e o alcalde maior de Trujillo, Antonio Martín Rivas. Ambas as autoridades prepararon alistamentos de voluntarios, con víveres e armas, e a mobilización de tropas, para acudir no auxilio da capital.

Neste contexto revolucionario xorden, entre maio e xuño, Xuntas en moitas capitais de provincia de España, cada unha cos seus exércitos, os seus depósitos de armas e de provisións e coas súas finanzas.

En Galicia[editar | editar a fonte]

A cidade da Coruña foi, en maio de 1808, a primeira que se levantou en armas contra os franceses, cando os alarmantes rumores sobre a entrega das autoridades, e por tanto do país, a Napoleón inquietaron a poboación. Pouco despois álzase a de Santiago e, a continuación, todas as demais cidades e vilas seguen o exemplo das dúas principais urbes galegas, formando Xuntas de Goberno que, a instancias da da Coruña, acabaron confluíndo e integrando a Xunta Suprema do Reino de Galicia que actuou, durante apenas seis meses, como soberana xa que, ao estar Fernando VII preso e cativo en Francia, actuou, no seu nome, como o goberno dun reino independente.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]