Manuela Malasaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuela Malasaña
Malasaña e a súa filla loitando contra o exército francés, por Eugenio Álvarez Dumont.
Nome completoManuela Malasaña Oñoro
Nacemento10 de marzo de 1791
Lugar de nacementoMadrid
Falecemento2 de maio de 1808
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
PaiJuan Malasaña
editar datos en Wikidata ]

Manuela Malasaña Oñoro, nada en Madrid o 10 de marzo de 1791 e finada na mesma cidade o 2 de maio de 1808, foi unha das vítimas do Levantamento do 2 de maio de 1808 reprimida polas tropas napoleónicas. A súa memoria é honrada como unha das heroínas populares daquela insurrección e da posterior Guerra da Independencia Española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era filla do panadeiro francés Jean Malesange, españolizado "Malasaña", e de María Oñoro. De profesión bordadora, vivían na cuarta planta do número 18 da rúa de San Andrés, do Barrio de Maravillas (actual Barrio de Malasaña).

As circunstancias da súa morte, con só 17 anos, son discutidas, malia que son dúas as versións máis aceptadas. Segundo unha delas, sustentada polo escritor Ángel Fernández de los Ríos, Manuela incorporouse á defensa do Parque de Artillaría de Monteleón, na actual Plaza del Dos de Mayo, que encabezaban os oficiais Luis Daoiz e Pedro Velarde.[1] Facilitáballe pólvora e municións ao seu pai, quen disparaba contra as tropas francesas, cando foi alcanzada por un disparo inimigo.[2] Outra variante desta versión afirma que sería apresada e condenada a morte por atopárselle unha arma no seu poder. O historiador Carlos Cambronero nega que a moza morrese antes có seu pai, con base nun certificado de defunción deste anterior ao levantamento.

Segundo a outra versión, Manuela Malasaña ficaría allea á loita no obradoiro de bordado onde traballaba, por orde da dona, até cesasen os disparos. Porén, de regreso á casa cruzouse cunha patrulla de soldados franceses. Estes tentarían abusar dela mentres a rexistraban, e para defenderse usaría unhas tesoiras que nese momento portaba. Outras fontes din que as tesoiras simplemente foron descubertas no rexistro. Acusada de portar «armas» foi executada de inmediato. Segundo esta versión, Manuela morrería despois das 18 horas no sitio da actual Plaza del Dos de Mayo.

O seu corpo foi rexistrado co nº 74 na relación das 409 vítimas daquela xornada. Esta documentación consérvase nos Arquivos militares e municipais de Madrid, estudados en 1908.

Foi enterrada no Hospital de la Buena Dicha (actual Iglesia de la Buena Dicha), que fora fundado en 1594 na rúa de Silva para acoller xente pobre. Neste lugar atendéronse moitos feridos daquel 2 de maio e enterradas moitas vítimas.

O seu idealizado retrato atópase na Sala de Heroínas del Museo del Ejército, é obra do militar José Luis Villar y Rodríguez de Castro.

Manuela debía ser famosa no seu barrio pola súa mocidade e simpatía. O feito de morrer tan nova e entregando a súa vida á causa da liberdade fixo que se crease arredor da súa memoria unha gran lenda de heroína. Madrid dedicoulle unha rúa no seu antigo Barrio de Maravillas, que se cruza coa rúa de San Andrés preto de onde vivía. Na década de 1980 todo o barrio de Maravillas comezou a ser coñecido como Barrio de Malasaña. Móstoles tamén lle dedicou tempo despois un instituto de secundaria (cuxo nome foi elixido por votación entre o alumnado), unha rúa e unha estación de metro na Liña 12 MetroSur.

Notas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mesonero Romanos, R. de (1925). El antiguo Madrid. Primera parte. Madrid: Renacimiento. 
  • Osorio, C. (2013). Malasaña. Madrid: La Librería. pp. 47–48. ISBN 978-84-1580-100-9. 
  • Répide, P. de (1981). Las calles de Madrid. Madrid: Afrodisio Aguado. ISBN 84-202-0001-8.