Lates calcarifer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lates calcarifer

Un exemplar no Zoo Nacional e Acuario, Canberra, Australia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Latidae
Xénero: Lates
Especie: Lates calcarifer
(Bloch, 1790)
Sinonimia[2]
  • Holocentrus calcarifer Bloch, 1790
  • Coius vacti F. Hamilton, 1822
  • Pseudolates cavifrons Alleyne & W. J. Macleay, 1877
  • Lates darwiniensis W. J. Macleay, 1878

Lates calcarifer é unha especie de peixe perciforme catádromo da familia dos látidos. É unha especie amplamente distribuída no Índico e Pacífico occidental, desde as augas de Oriente Medio, sur de Asia, sueste asiático, leste de Asia e Oceanía e en ríos.

Nome[editar | editar a fonte]

Arte rupestre indíxena australiana representando un "barramundi".

Na literatura internacional chámaselle co equivalente a perca xigante, perca mariña asiática[3] ou, en Australia, barramundi. Barramundi é unha palabra aborixe australiana das linguas da área de Rockhampton en Queensland[4] que significa "peixe de río de escamas grandes".[5] En realidade, orixinalmente, o nome referíase aos peixes Scleropages leichardti e Scleropages jardinii cos que non se debe confundir.[6] O nome barramundi foi utilizado para este peixe por razóns de mercado durante a década de 1980, para comercializar a súa carne.[6] [7]

Non se debe confundir tampouco coa barramunda, un peixe australiano pulmonado completamente distinto, considerado fósil vivente.

Descrición[editar | editar a fonte]

Esta especie ten un corpo alongado cunha boca longa e algo oblicua e unha mandíbula superior estendida ata detrás do ollo. A beira inferior do preopérculo está serrada e ten unha forte espiña no ángulo; o opérculo ten unha pequena espiña e unha solapa serrada sobre o punto de orixe da liña lateral. As súas escamas son ctenoides. En sección transversal, o peixe está comprimido e o perfil da cabeza dorsal é claramente cóncavo. As aletas dorsal e ventral teñen espiñas e raios brandos; as aletas pares pectorais e pélvicas teñen só raios brandos; e a aleta caudal ten raios brandos e é truncada e redondeada. Os barramundis son peixes de pesca deportiva de auga salgada e doce moi aprezados. Teñen escamas grandes prateadas, que poden volverse escuras ou máis claras dependendo do seu ambiente. Os seus corpos poden chegar ata os 1,8 m de longo, aínda que as probas de exemplares capturados con este tamaño son escasas. O peso máximo é duns 60 kg. A lonxitude media é duns 0,6-1,2 m.[8] Teñen un xenoma duns 700 Mb, que foi secuenciado e publicado en Animal Genetics (2015) pola Universidade James Cook.[9]

É un peixe demersal que habita en augas costeiras, estuarios, albufeiras e ríos; poden atoparse en augas claras e avoltas, xeralmente nun intervalo de temperaturas entre 26 e 30 °C. Esta especie non emprende grandes migracións en ríos ou entre sistemas de ríos, o que probablemente influíu no establecemento de pobaocións xeneticamente distintas no norte de Australia.[Cómpre referencia]

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Morfo a manchas brancas e negras

Aliméntase de crustáceos, moluscos e peixes máis pequenos (incluíndo a súa propia especie); os peixes novos aliméntanse de zooplancto. É un peixe eurihalino, pero estenotermo. Habita nos ríos e descende aos estuarios e chairas de marea para desovar. En áreas lonxe doas augas doces, poden establecerse poboacións puramente mariñas.[Cómpre referencia]

Ao comezo do monzón os machos migran río abaixo para encontrarse con femias, as cales poñen grandes cantidades de ovos (varios millóns cada unha). Os adultos non gardan os ovos nin as crías, que necesitan augas salobres para desenvolverse. A especie é secuencialmente hermafrodita, e a maioría dos individuos maduran como machos e convértense en femias despois da primeira estación de desove; a maioría dos espécimes máis grandes son, por tanto, femias. Os peixes mantidos en catividade ás veces mostran características atípicas para o peixe na natureza; cambian de sexo cun tamaño menor, mostran unha maior proporción de protoxinia e algúns machos non experimentan inversión sexual.[10]

Pesca deportiva[editar | editar a fonte]

É aprezado polos pescadores con cana e os entusiastas da pesca deportiva pola súa gran capacidade de loitar durante a pesca;[11] teñen sona de ser habilidosos para evitar as redes fixadas e é máis fácil capturalos con liñas e isco artificial.

Crece a súa popularidade entre os pescadores de cana como peixe para "capturar e soltar". Encoros e lagos con abundancia desta especie en Australia son o lago Tinaroo preto de Cairns,[12] o lago Proserpine ao oeste de Proserpine, Queensland, o encoro de Teemburra preto de Mackay, o lago Moondarra preto de Mount Isa, o lago Awoonga preto de Gladstone e o lago Monduran ao sur do lago Awoonga.[13]

Peixe comercializado e acuicultura[editar | editar a fonte]

Prato de "barramundi" con patacas fritidas.

Este peixe ten importancia comercial; péscase internacionalmente e críase en acuicultura en Australia,[11] Singapur, Arabia Saudita, Malaisia, a India, Indonesia, Vietnam, Israel, Tailandia, os Estados Unidos, Polonia e o Reino Unido.[Cómpre referencia] A industria do barramundi en Australia está relativamente establecida cunha produción anual de máis de 4.000 toneladas. Na rexión do sueste asiático a produción estímase que supera as 30.000 toneladas. En contraste, a industria estadounidense produce unhas 800 toneladas ao ano nunha soa instalación, a da Australis Aquaculture, LLC. En 2011, VeroBlue Farms en Iowa empezou a produción e pretende producir 500 toneladas anualmente.[14] O barramundi en acuicultura crece normalmente nun viveiro xuvenil, entre 50 e 100 mm de lonxitude, ata un tamaño comercializable de 400-600 g en 12 meses e ata os 3,0 kg en 18–24 meses.[10]

Enfermidades[editar | editar a fonte]

Aínda que son peixes resistentes, son vulnerables a infeccións bacterianas como a fotobacteriose.[15]

Peixe de acuario[editar | editar a fonte]

Os exemplares novos son un popular peixe de acuario,[11] e poden ser moi entretidos, especialmente no momento de alimentalo. Porén, medran rapidamente, así que se recomenda que se manteña en tanques de 500 L ou maiores. Nos acuarios fanse bastante mansos e confiados e poden ser alimentados a man; non son agresivos, mais o seu reflexo de alimentarse é violento e súpeto, así que non se poden poñer no mesmo tanque exemplares suficientemente pequenos como para que sexan tragados polos grandes.[Cómpre referencia]

Como comida[editar | editar a fonte]

O barramundi ten un sabor suave e unha crne branca que esconcha, con variada cantidade de graxa.

Os barramundis son unha das comidas favoritas do crocodilo superdepredador Crocodylus porosus, que ás veces llos collen a pescadores desprevidos.[16] Pratos deste peixe son utilizados na cociña ou restaurantes australianos, tailandeses,[17] indios[18] e estadounidenses[19].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pal, M.; Morgan, D.L. (2019). "Lates calcarifer". p. e.T166627A1139469. doi:10.2305/IUCN.UK.2019-3.RLTS.T166627A1139469.en. Consultado o 19 de novembro de 2021. 
  2. Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (decembro de 2019). "Lates calcarifer". FishBase (en inglés). 
  3. Banerjee, Debashis; Hamod, Mohammed A.; Suresh, Thangavel; Karunasagar, Indrani (1 de decembro de 2014). "Isolation and characterization of a nodavirus associated with mass mortality in Asian seabass (Lates calcarifer) from the west coast of India". VirusDisease (en inglés) 25 (4): 425–429. ISSN 2347-3517. PMC 4262316. PMID 25674617. doi:10.1007/s13337-014-0226-8. 
  4. Yokose, Hiroyuki. "Aboriginal Words in Australian English" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o September 28, 2006. 
  5. Frumkin, Paul (2003). "Barramundi approval rating rise". Food & Beverage Industry. Consultado o 2008-12-01. 
  6. 6,0 6,1 "Australia's Arrow Fish, Saratoga (The True Barramundi)". Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2007. Consultado o 2007-10-04. 
  7. Pierce, Charles (26 de novembro de 2006). "The Next Big Fish - The Boston Globe". Boston Globe Magazine (en inglés) (Boston Globe). Consultado o 20 de febreiro de 2023. 
  8. Lates calcarifer, Barramundi - FishBase
  9. Vij S, Kuhl H, Kuznetsova IS, Komissarov A, Yurchenko AA, Van Heusden P, Singh S, Thevasagayam NM, Prakki SR, Purushothaman K, Saju JM, Jiang J, Mbandi SK, Jonas M, Hin Yan Tong A, Mwangi S, Lau D, Ngoh SY, Liew WC, Shen X, Hon LS, Drake JP, Boitano M, Hall R, Chin CS, Lachumanan R, Korlach J, Trifonov V, Kabilov M, Tupikin A, Green D, Moxon S, Garvin T, Sedlazeck FJ, Vurture GW, Gopalapillai G, Kumar Katneni V, Noble TH, Scaria V, Sivasubbu S, Jerry DR, O'Brien SJ, Schatz MC, Dalmay T, Turner SW, Lok S, Christoffels A, Orbán L. Chromosomal-Level Assembly of the Asian Seabass Genome Using Long Sequence Reads and Multi-layered Scaffolding. PLoS Genet. 2016 Apr 15;12(4):e1005954. doi: 10.1371/journal.pgen.1005954. Erratum in: PLoS Genet. 2016 Dec 9;12 (12 ):e1006500. PMID 27082250; PMCID: PMC4833346.
  10. 10,0 10,1 "FISHERIES MANAGEMENT PAPER No. 127" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2008-07-25. Consultado o 2009-08-11. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Gomon, Martin. "Barramundi, Lates calcarifer". Fishes of Australia. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 26 de agosto de 2014. 
  12. How to Fish for Barramundi: The Complete Guide
  13. Barramundi fishing: The 10 best barramundi locations in Australia
  14. Oatman, Maddie (xaneiro de 2017). "A Fish Out of Water". Mother Jones. Consultado o 5 de xaneiro de 2017. 
  15. Trung Hieu Pham; Shreesha Rao; Ta-Chih Cheng; Pei-Chi Wang; Shih-Chu Chen (2021). "The moonlighting protein fructose 1,6-bisphosphate aldolase as a potential vaccine candidate against Photobacterium damselae subsp. piscicida in Asian sea bass (Lates calcarifer)". Developmental & Comparative Immunology 124 (104187): 104187. ISSN 0145-305X. PMID 34186149. doi:10.1016/j.dci.2021.104187. 
  16. Garrick, Matt (25 de marzo de 2019). "Crocodile steals massive barramundi from NT fisherman at the last possible second". ABC News (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2023. 
  17. Fishing in Thailand Arquivado 2009-06-29 en Wayback Machine.
  18. Oulton, R (2007). "Sooji". Cooks Info. Consultado o 20 de maio de 2018. 
  19. "Giant perch". www.seafoodwatch.org (en inglés). Seafood Watch. Consultado o 15 de febreiro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]