Marcus Elieser Bloch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Marcus Elieser Bloch.

Marcus Elieser Bloch, nado en 1723 en Ansbach, ducado de Baviera, Sacro Imperio Romano-Xermánico, e finado en Carlsbad (hoxe Karlovy Vary), reino de Bohemia, imperio Austrohúngaro o 6 de agosto de 1799, foi un médico e naturalista alemán, que está xeralmente considerado como un dos máis importantes ictiólogos do século XVIII.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido en Ansbach no seo dunha familia moi modesta de orixe xudía, era case analfabeto á idade de nove anos, sendo incapaz de ler en alemán. Porén, grazas aos seus coñecementos de literatura hebrea e rabínica puido obter un posto como profesor na casa dun ciruxián xudeu en Hamburgo.

Alí, aprende alemán e un pouco de latín, e tamén comezou a estudar anatomía. Trasladouse a Berlín onde se dedicou ao estudo de todas as ramas da historia natural e a medicina. Obtivo o título de doutor en medicina en Fráncfort do Oder en 1747, e trasladose a Berlín onde exerceu a medicina.

En 1774 publicou en Berlín un tratado sobre medicina, Medicinische Bemerkungen, Nebst einer Abhandlung von Pyrmonter Sauerbrunnen. Desde entón dedicouse sobre todo ao estudo das ciencias naturais e particularmente ao dos peixes.

Imaxe de Salmo salar, na Oeconomische Naturgeschichte der Fische Deutschlands, publicada en 1782–1785 por M. E. Bloch.
Acanthurus blochii, unha das especies que se dedicaron a Bloch.

Porén, en 1782, publicou un libro sobre os vermes parasitos intestinais, Abhandlung von Erzeugung der Eingeweidewurmer und den Mitteln dieselben.

Entre 1782 e 1795 publicou a súa obra máis coñecida, a enciclopédica Allgemeine Naturgeschichte der Fische (Historia natural dos peixes), en doce volumes.[1]

As súas fermosas ilustracións debuxadas á man, que se recollen na obra en 432 láminas, fixeron del un dos máis belos libros publicados sobre peixes.

Os primeiros tres volumes describen os peixes de Alemaña e foron titulados Oeconomische Naturgeschichte der Fische Deutschlands.

Os volumes restantes trataban sobre peixes doutras partes do mundo e foron titulados Naturgeschichte der ausländischen Fische.

Bloch financiou a publicación do primeiro volume, pero non foi capaz de facer fronte ao custo de todo o proxecto. Pero foi apoiado por membros da nobreza e da comunidade científica, que a financiaron. Cada lámina leva o nome dunha persoa involucrada no seu financiamento.

Despois da publicación desta magna obra, Bloch decidiu facer un catálogo de todas as especies de peixes coñecidas. Esta obra póstuna sería publicada polo seu colega Johann Gottlob Schneider (1750-1822) baixo o M. E. Blochii Systema Ichthyologiae iconibus CX illustratum, Post obitum auctoris opus inchoatum absolvit, correxit, interpolavit Jo. Gottlob Schneider, Saxo. Berolini. Sumtibus Austoris Impressum et Bibliopolio Sanderiano Commissum. i–lx + 1–584, 110 pl., no que se describen 1.519 especies.

A colección de Bloch de cerca de 1500 espécimes gárdase hoxe en día no Museo de Historia Natural da Universidade Humboldt de Berlín.

Principais obras[editar | editar a fonte]

  • A súa obra principal é Allgemeine Naturgeschichte der Fische Berlin 1782-95, 12 vols. con 432 gravados en cor, durante moito tempo o único traballo exhaustivo sobre esa clase de animais, e que incluso hoxe é valioso.
  • Incompleto, quedou Systema ichthyologiae iconibus CX illustratum, publicada por J. G. Schneider, Berlín, 1801.

Abreviatura[editar | editar a fonte]

A abreviatura Bloch emprégase para indicar a Marcus Elieser Bloch como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ichthyologie ou histoire naturelle des poissons Versión francesa publicada en 1796. En Biodiversity Heritage Library.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hans-Joachim Paepke. Bloch's fish collection in the Museum für Naturkunde der Humboldt-Universität zu Berlin – An illustrated catalog and historical account. A.R.G. Gantner Verlag KG, Czech Republic, 1999. ISBN 3-904144-16-2
  • Richard Lesser. Marcus Elieser Bloch. Das Leben eines ungewöhnlichen Mannes und geachteten Fischforschers, Verhandlungen der Gesellschaft für Ichthyologie, vol. 2, pp. 59 – 68, Verlag Natur & Wissenschaft, Solingen, 2001
  • Richard Lesser. Dr. Marcus Elieser Bloch. Ein Jude begründet die moderne Ichthyologie. „Das achtzehnte Jahrhundert“, Zeitschrift der Deutschen Gesellschaft für die Erforschung des achtzehnten Jahrhunderts, Haskala. Die jüdische Aufklärung in Deutschland 1769-1812, Jahrgang 23, ( 2): 238 – 246, Wallstein Verlag, Wolfenbüttel 1999
  • Christine Karrer. Marcus Elieser Bloch (1723 – 1799, Sein Leben und die Geschichte seiner Fischsammlung, Sitzungsberichte der Gesellschaft Naturforschender Freunde zu Berlin (N.F.) 18 (1978): 129 – 149
  • F. Damaschun, S. Hackethal, H. Landsberg, R. Leinfelder (eds.) "Klasse, Ordnung, Art - 200 Jahre Museum für Naturkunde", Basiliken-Presse im Verlag Natur und Text Brandenburg GmbH, 2010: 14. ISBN 978-3-941365-10-0

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]