King Crimson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
King Crimson
King Crimson - Dour Festival 2003 (01).jpg
King Crimson no Dour Festival, 2003.
OrixeLondres, Inglaterra Inglaterra
Período1969 - 1974
1981 - 1984
1994 - 2010
Xénero(s)rock progresivo
Selo(s) discográfico(s)Island Records, Atlantic Records, E.G. Records, Virgin Records, Warner Bros. Records, Discipline Global Mobile, Caroline Records
MembrosRobert Fripp
Adrian Belew
Tony Levin
Pat Mastelotto
Páxina webhttp://www.king-crimson.com/

King Crimson é unha banda inglesa fundada polo guitarrista Robert Fripp e o batería Michael Giles en 1969. Adoitan ser catalogados como unha banda de rock progresivo, a pesar de ter incorporado á súa música influencias moi variadas, dende jazz, música clasica e experimental ata psicodelia, New Wave, hard rock e folk. O grupo ten influenciado a moitos artistas contemporáneos e gañou un bo número de seguidores a pesar de non ser habitual nos medios de comunicación.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

King Crimson formouse en novembro de 1968 en Inglaterra por Robert Fripp e Michael Giles, despois da disolución do seu primeiro intento de grupo chamado Giles, Giles and Fripp, no cal tamén tocaran con Peter Giles, o irmán de Michael. Os músicos recrutados por Giles e Fripp para a súa nova agrupación foron o guitarrista Greg Lake, quen faría de baixista e cantante, o letrista Peter Sinfield e o compositor Ian McDonald.

En 1969 o grupo debutou como abreconcertos dos Rolling Stones nun concerto en Hyde Park, e gravou o seu primeiro disco, In the Court of the Crimson King, en outubro. Tamén realizaron a súa primeira xira por Europa e Norteamérica. A finais dese ano xurdiron tensións e diferenzas creativas que desembocaron na saída de Michael Giles e Ian McDonald da banda, quen ao ano seguinte gravaron un álbum co nome de McDonald and Giles.

Anos 70[editar | editar a fonte]

Robert Fripp con Greg Lake e Peter Sinfield continuaron King Crimson momentaneamente como trío, e foi así como gravaron en 1970 o seu segundo disco, In the Wake of Poseidon, no cal incorporouse ao grupo o músico Mel Collins, e tamén participou o anterior socio de Fripp, Peter Giles.

Greg Lake abandonou a banda no mes de abril, debido ao carácter de caudillo de Fripp e á constante imprevisión en canto a composición e elaboración dos seus temas sen unha liña determinada, para formar con Keith Emerson e Carl Palmer o grupo de rock progresivo Emerson, Lake & Palmer, e deixando a King Crimson sen vocalista ata que Gordon Haskell tomou ese lugar e tamén o de baixista para Lizard, o terceiro álbum de la banda, tamén de 1970. Haskell xa gravara con King Crimson en In the Wake of Poseidon, na canción "Cadence and Cascade".

Andy McCulloch tocou a batería en Lizard, ademais da participación de Jon Anderson do grupo Yes nunha das cancións. Haskell e McCulloch abandonaron a banda pouco antes do lanzamento de Lizard, deixando a King Crimson sen vocalista, baixista nin batería.

Fripp comezou entón a escoitar a novos músicos para suplir os postos vacantes. O batería Ian Wallace e o vocalista Boz Burrell foron los seleccionados e coma ningún baixista convenceu a Fripp, decidiu sinxelamente ensinar a Burrell a tocar o baixo. En 1971 realizaron o cuarto álbum da banda, Islands. Ao rematar ese ano Peter Sinfield abandonou o grupo, e entón os membros restantes realizaron en 1972 unha nova xira chamada Earthbound coa plena intención de disolver a agrupación ao rematala. Pouco despois, co material gravado desa xira, Fripp editou o disco Earthbound, o seu primeiro álbum en directo.

Así e todo, despois da xira Earthbound, Collins, Burrell e Wallace abandonaron King Crimson para unirse a Alexis Korner nunha banda chamada Snape. Fripp outra vez buscou a novos membros para rearmar a King Crimson. O primeiro elixido foi o percusionista Jamie Muir, quen dende antes xa fora considerado por Fripp como un posible membro para o grupo. O seguinte foi o vocalista e baixista John Wetton, a quen Fripp coñecía dende o colexio. Wetton tamén fora considerado anteriormente para ser membro pero o seu ingreso non se concretara.

O ex-batería de Yes, Bill Bruford, foi o seguinte elixido, unha decisión que foi criticada por moita xente, xa que Bruford abandonou Yes, un grupo de gran calidade e moito potencial, por King Crimson, que xa tiña un historial de moita inestabilidade e moi impredicible. O mesmo Bruford revelou que estaba máis interesado nos fins artísticos e que por elo ingresara en King Crimson. Finalmente, David Cross foi seleccionado como executante de viola, violín e teclados para reinventar o son da nova agrupación. Comezaron a traballar en 1972 e para o seguinte ano concretaron o seu novo álbum, Larks' Tongues in Aspic. Muir abandonou King Crimson pouco despois da edición de Larks' Tongues in Aspic. O grupo embarcouse entón nunha nova xira por Europa e Estados Unidos.

Esta etapa de King Crimson caracterizouse pola influencia que recibiu da nacente música heavy metal que se estaba a desenvolver principalmente nos Estados Unidos e en Gran Bretaña. A guitarra de Fripp amosouse máis agresiva, así como a batería de Bruford, que soaba máis potente.

A finais de 1973, o grupo preparou o seu seguinte álbum, Starless and Bible Black, que estivo rematado a principios de 1974. Este disco converteu ao King Crimson desa época no primeiro en manterse intacto durante máis dunha xira e máis dun disco. A maior parte do disco foi gravado en concertos durante 1973, con só dous temas gravados en estudio ("The Great Deceiver" e "Lament"), outro dos temas foi só parcialmente gravado en estudio ("The Night Watch"), o cal demostrou que King Crimson era esencialmente un grupo para tocar en vivo. Fripp sempre considerou axeitado capturar a atmosfera e a enerxía das presentacións en vivo e por iso gravou as cancións nos concertos.

David Cross comezou a cuestionar o seu lugar no grupo. O seu rol coma violinista fora máis importante ao principio desta nova versión de King Crimson, pero a progresión e a agresividade musical que manexaban nese intre reduciron notablemente as súas contribucións ao son da banda. Abandonou o grupo cando comezaron a gravar o seu seguinte álbum, Red.

En Red participou Robin Miller, que xa gravara o óboe co grupo, e tamén tocou a corneta Marc Charig. David Cross aparece só no tema "Providence", que fora gravado nun concerto da banda en xuño de 1974. Mel Collins volveu como saxofón soprano e Ian McDonald como saxofón alto, coa intención de converterse en membro permanente de King Crimson, aínda que finalmente non foi así. nesa época Fripp interesouse polos escritos do místico ruso George Ivanovich Gurdjieff e incluso falou de ser substituído por McDonald, sendo un momento no que considerou seriamente abandonar o grupo.

A formación do disco Red non chegou a facer ningunha xira, e dous meses antes da publicación do álbum Robert Fripp anunciou a disolución do grupo. "King Crimson está totalmente acabado para sempre" declarou. En 1975 lanzouse o segundo álbum ao vivo da banda, USA, composto por actuacións durante o ano 1974.

Fripp dedicouse entón a facer unha carreira en solitario colaborando con importantes músicos. Pola súa banda, Ian McDonald formou en 1976 o grupo Foreigner. King Crimson aparentemente deixara de existir, pero só era o final dunha etapa máis do grupo.

Anos 80[editar | editar a fonte]

A comezos de 1981 Robert Fripp e Bill Bruford comezaron a pensar na formación dun novo grupo que se chamaría "Discipline". Durante algún tempo buscaron a un novo baixista, ata que deron con Tony Levin. Levin era coñecido principalmente polas súas colaboracións con recoñecidos músicos como John Lennon e Peter Gabriel.

Fripp convocou tamén ao guitarrista e vocalista Adrian Belew, que estaba de xira con Talking Heads. Fripp nunca traballara con outro guitarrista nunha mesma banda, así que a decisión de buscar a un segundo guitarrista revelaba a súa intención de crear un son totalmente distinto ao de King Crimson. Belew aceptou gravar co novo grupo de Fripp inmediatamente despois de rematar a xira con Talking Heads.

Durante as gravacións do disco en 1981, Fripp decatouse de que o son de King Crimson atopábase aí, e reconsiderou a súa decisión de chamar ao grupo Discipline. Os outros membros estiveron de acordo con Fripp e no seu lugar bautizaron ao álbum Discipline, baixo o nome de King Crimson.

O grupo realizou unha triloxía de discos continuada con Beat (1982) e concluída con Three of a Perfect Pair (1984). Belew encargouse de case todas as letras dos tres discos, nos que ademais incorporáronse pezas totalmente instrumentais. Esta versión de King Crimson tiña elementos da música new wave, moi probablemente resultado do traballo de Belew con Talking Heads, que foron uns dos iniciadores do xénero.

Despois de Three of a Perfect Pair, King Crimson volveu a separarse durante dez anos. Fripp enfrascouse nunha serie de preitos polos dereitos de todo o relacionado co grupo, que lle levou case todo ese tempo e rematou coa creación da compañía Discipline Global Mobile, que actualmente ten todo o catálogo de King Crimson e o dos seus proxectos paralelos.

Anos 90[editar | editar a fonte]

En 1994 King Crimson volveu a formarse, desta vez como sexteto. Fripp e Belew nas guitarras, Levin no baixo, Trey Gunn nun instrumento chamado guitarra Warr e Bruford na batería acompañado doutro percusionista, Pat Mastelotto (da banda Mr. Mister). Esta formación de "dobre-trío" realizou só uns poucos discos na década dos 90: o EP VROOOM de 1994, o álbum THRAK de 1995 e o álbum ao vivo THRaKaTTaK de 1996.

Con respecto ao son, nesta nova época era un mestura do estilo da etapa de Discipline complementada coa guitarra heavy metal de Red. Esta versión de King Crimson tivo una proposta e un nivel de experimentación completamente distintos ao de todas as sus épocas anteriores, o cal os levou novamente a desintegrarse.

O resto dos noventa, a través de Discipline Global Mobile lanzáronse traballos doutros artistas e dos proxectos paralelos da banda, chamados ProjeKct One, ProjeKct Two, ProjeKct Three, ProjeKct Four, así como o ProjeKct X, os cales son subgrupos de King Crimson (segundo Fripp son unha fraKctalización de King Crimson) que levaron a cabo varias gravacións ao vivo onde demostrouse a habilidade de improvisación dos músicos involucrados actualmente en King Crimson e onde deixaron patente a súa capacidade para producir música.

Anos 2000[editar | editar a fonte]

Despois do traballo dos "ProjeKcts", Bruford e Levin deixaron a banda. A formación de King Crimson, constituída novamente como cuarteto por Belew, Fripp, Gunn e Mastelotto, publicou o seguinte álbum, chamado The ConstruKction of Light, no ano 2000.

Tras algúns problemas económicos, Discipline Global Mobile actualmente administra exclusivamente o material de King Crimson, editando numerosos álbums ao vivo e coleccións da súa discografía. No ano 2002 apareceu o EP Happy With What You Have to Be Happy With, que antecedeu ao lanzamento no 2003 de The Power to Believe, o último álbum de estudio ata o momento de King Crimson.

En novembro do 2003 Trey Gunn anunciou a súa saída do grupo. Pero volvería a entrar posteriormente, quedando a banda formada por Adrian Belew, Robert Fripp, Tony Levin e Pat Mastelotto. No ano 2006 aparecería o ProjeKct Six.

Pat Mastelotto anunciou no 2008 o regreso da banda cunha serie de concertos, así como cambios na súa composición, xa que Gavin Harrison, batería de Porcupine Tree, ingresara como novo integrante de King Crimson, acompañando a Pat Mastelotto como segundo batería.

King Crimson está actualmente en hiato á espera sobre todo da resolución dos litixios de Fripp contra os deudores da banda, ademais dos intentos de resolver as súas débedas persoais e arranxar a súa vida persoal. Durante os anos 2009 e 2010, Belew revelou en varias entrevistas que discutira a reactivación de King Crimson con Fripp pero que a banda estaría parada durante un período de tempo ideterminado. En xuño do 2010, Belew suxeríu reunir a formación dos 80 para unha xira de 30 aniversario, indicando tamén que non rexeitaba a Mastelotto e a Harrison como actuais baterías de King Crimson. A idea foi desestimada tanto por Bruford como por Fripp.

O 5 de decembro do 2010, Fripp escribiu unha entrada na páxina web dgmlive.com falando da súa relación nese momento coa industria discográfica. O escrito suxería que King Crimson estaba desactivada novamente e detallaba varias razóns polas que non estaba interesado en actuar e compoñer coa banda.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
In the Court of the Crimson King 1969 Island Records, Atlantic Records
In the Wake of Poseidon 1970 Island Records, Atlantic Records, Vertigo Records
Lizard 1970 Island Records, Atlantic Records
Islands 1971 Island Records, Atlantic Records
Larks' Tongues in Aspic 1973 Island Records
Starless and Bible Black 1974 Island Records, Atlantic Records
Red 1974 Island Records, Atlantic Records
Discipline 1981 E.G. Records, Warner Bros. Records
Beat 1982 E.G. Records
Three of a Perfect Pair 1984 E.G. Records, Warner Bros. Records
THRAK 1995 Virgin Records
The ConstruKction of Light 2000 Virgin Records
The Power to Believe 2003 Sanctuary Records

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]