Kill Rock Stars
Kill Rock Stars | |
---|---|
Tipo | selo discográfico |
Data de fundación | 1991 |
Sede | Portland |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
http://killrockstars.com/ e https://www.killrockstars.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Kill Rock Stars é un selo discográfico independente fundado en 1991 por Slim Moon e Tinuviel Sampson,[1][2] e baseado tanto en Olympia, Washington como Portland, Oregón. A etiqueta publicou gran variedade de traballos de distintos xéneros, facendo difícil catalogala dentro dun xénero concreto. Porén, o selo mostrou inicialmente un compromiso cara ás bandas punk rock do underground representando a artistas da escena musical da área de Olympia. En xeral pode dicirse que as sensibilidades políticas de Kill Rock Stars son de esquerdas, feministas e anti-belicistas.
Historia
[editar | editar a fonte]Sampson e Moon inicialmente crearon o selo debido a que, segundo palabras de Moon, "Quería editar os discos dos meus amigos porque ninguén o estaba a facer. E para lanzar discos de 7" de spoken word".[3] KRS-101 (o primeiro lanzamento do selo) foi de feito un 7" compartido de spoken word con Kathleen Hanna e Slim Moon. O primeiro gran lanzamento sería un recompilatorio de bandas da área de Olympia titulado Kill Rock Stars (Stars Kill Rock e Rock Stars Kill serían outros lanzamentos da mesma serie) e contaba con Bikini Kill, Bratmobile, Unwound, Nirvana, The Melvins e Elliott Smith.
Aínda que a música do selo nunca reflectiu a un xénero ou movemento musical en particular, destaca o lanzamento de traballos de varias bandas de riot grrrl durante mediados dos anos 90, algunha das cales, especialmente Bikini Kill, xeraron unha gran cantidade de atención por parte da prensa. Outras publicacións de Kill Rock Stars deste xénero inclúe álbums de Bratmobile, Huggy Bear, Heavens to Betsy e Excuse 17.
O selo continuou a súa tradición co spoken word editando o seu primeiro álbum deste xénero en 1995, o Big Broad de Juliana Lueking. Ese tamén foi o ano no que Elliott Smith lanzou o seu álbum autotitulado pola discográfica. Outros fitos foron a publicación en 1997 do terceiro disco de Sleater-Kinney, Dig Me Out, que gañaría a atención da prensa musical nacional, aparecendo en revistas como Spin e Rolling Stone.
En 1997 creouse a discográfica 5RC como selo irmán de Kill Rock Stars. 5RC publicou xeralmente música cunha sonoridade máis dura e desafiante que Kill Rock Stars. Tiñan bandas como Xiu Xiu, Deerhoof, Need New Body, The Mae Shi, The Robot Ate Me ou Metalux. En 1998 apareceu o primeiro Mailorder Freak Singles Club, que contaba con Quasi, Small Stars, Sta-Prest ou Rock*A*Teens entre outros.
Outra banda popular de foi The Decemberists, que publicou tres álbums co selo entre 2001 e 2005. Colin Meloy, cantante de The Decemberists, tamén editou un disco en solitario con Kill Rock Stars en abril de 2008. Outros lanzamentos destacables da discográfica son álbums de grupos como The Paper Chase, Jeff Hanson, Unwound, Marnie Stern, Gossip, Mecca Normal, Two Ton Boa e Comet Gain; discos de spoken word de Kathy Acker e Miranda July; e reedicións de traballos de bandas pioneiras do punk/post-punk como Kleenex/Liliput, Essential Logic e Delta 5.
En outubro de 2006 Slim Moon, o dono do selo, anunciou que deixaría Kill Rock Stars para traballar como representante A&R en Nonesuch Records, unha subsidiaria do Warner Music Group. A muller de Moon, Portia Sabin, fíxose entón cargo de Kill Rock Stars. O selo comezou a diversificar aínda máis o seu cadro de grupos. Dende o ano 2013 Kill Rock Stars publicou álbums de cómicos como W. Kamau Bell, Nathan Brannon, Kurt Braunohler, Rhea Butcher, Cameron Esposito, Emily Heller, Hot Tub with Kurt and Kristen, Ian Karmel, Hari Kondabolu e Amy Miller.
En setembro de 2019, Kill Rock Stars publicou unha nota de prensa anunciando o regreso de Slim Moon á xestión do selo tras trece anos de hiato, ademais de anunciar tamén a fichaxe da banda de Portland MAITA; a nota de prensa describía a fichaxe como "tanto como o último acto da anterior xefa del selo Portia Sabin como a primeira iniciativa de Slim Moon no seu segundo mandato como luz guía de KRS".[4]
En febreiro de 2022 anunciouse que a compañía de música independente Exceleration Music mercara o catálogo de Kill Rock Stars e asociárase co fundador, Slim Moon. Segundo o trato, Moon continuaría sendo o A&R e engargaríase activamente de fichar novos artistas.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ The Seattle Times (ed.). "The Return Of Vinyl Frenzy -- Seven-Inch Singles Are The Hot New Item For Rock's Underground". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2013. Consultado o 8 de maio de 2017.
- ↑ Spin (ed.). "Sisters Outsiders: The Oral History of the ‘Bikini Kill’ EP". Consultado o 8 de maio de 2017.
- ↑ HitQuarters (ed.). "Entrevista a Slim Moon". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 8 de maio de 2017.
- ↑ "Kill Rock Stars Signs MAITA". Kill Rock Stars. 2019-09-26. Archived from the original on 26 de setembro de 2019. Consultado o 2023-03-05.
- ↑ "Exceleration Music acquires catalog of US independent label Kill Rock Stars". Music Business Worldwide (en inglés). 2022-02-01. Consultado o 2023-03-05.