Deerhoof
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2019.) |
| Deerhoof | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||
Deerhoof é unha banda estadounidense de indie rock formada en San Francisco en 1994. No presente está composta polo batería Greg Saunier, o baixista e cantante Satomi Matsuzaki, e os guitarristas John Dieterich e Ed Rodriguez. Inicialmente o grupo tocaba noise punk improvisado e fíxose moi famoso e influente nos anos 2000 grazas á súa creativa música autoproducida que combinaba "ruído, melodías [pop] doces, e un espírito experimental nunha música completamente distinta".[1] Ata a data Deerhoof leva publicados 17 álbums de estudio, o último deles, Noble and Godlike in Ruin, editado en abril de 2025.
Historia
[editar | editar a fonte]Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Mellore este artigo: dividir en seccións Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Inicios
[editar | editar a fonte]Deerhoof fundouse en San Francisco no ano 1994 como un dúo de improvisación baixo/batería formado por Rob Fisk e Greg Saunier.[2][3] Ao pouco tempo asinaron co selo Kill Rock Stars para gravar un sinxelo despois de que o dono, Slim Moon, fose a unha actuación súa no festival Yoyo A Go Go.[4] Satomi Matsuzaki uniuse a Deerhoof despois dunha semana de mudarse aos Estados Unidos dende Xapón en maio de 1995, sen que tivese experiencia previa nunha banda, e foi de xira como cantante do grupo só unha semana despois, como abreconcertos de Caroliner.[5]
Deerhoof tiña un espazo para ensaiar nos Art Explosion Studios, no número 2425 da rúa 17, no distrito da Misión; outras bandas neste espazo incluían a Creeper Lagoon, Beulah, Zmrzlina, Don't Mean Maybe e S-- S-- Band Band.[6]
O seu álbum de estrea The Man, the King, the Girl, gravado nun casete de catro pistas, equilibraba a forma de tocar salvaxe e clamorosa de Fisk e Saunier coas melodías tipo jingle de Matsuzaki e a colorida instrumentación, que incluía instrumentos de xoguete e teclados Casio rotos. A ilustración da portada foi realizada por Fisk. Moitos dos trazos duradeiros de Deerhoof xa se atopaban nese álbum: letras míticas, forma de tocar xestual e esaxerada, técnicas de gravación DIY de baixo presuposto, formato de álbum conceptual, composición melódica memorable, e unha postura política de esquerdas.
En 1997 comezaron a gravar as cancións do que finalmente sería Halfbird,[2] pero ao pouco tempo as abandonaron en favor dun drástico cambio no seu estilo. Kelly Goode uniuse tocando o Casio VL-1 e Matsuzaki aprendeu a tocar o baixo. Quitaron todos os trazos de noise, improvisación ou instrumentación pouco común do seu son, culminando no seu traballo de 1999 Holdypaws.[2] A portada foi obra novamente de Fisk. Dende 1997 ata 1999 Deerhoof xirou polos Estados Unidos con Sleater-Kinney, Lightning Bolt, Unwound e Sonic Youth. Pero no outono de 1999, cunhas pobres vendas dos seus dous álbums e varios sinxelos, Fisk e Goode deixaron o grupo. Halfbird foi completado por Saunier e Matsuzaki e finalmente editado en 2001,[2] cunha portada de Fisk.
Fama
[editar | editar a fonte]A finais de 1999 pedíronlle ao guitarrista de Gorge Trio John Dieterich que se unise á banda. O seu virtuosismo e interese pola música electrónica poden verse en Reveille, coa súa ampla mestura de estilos musicais, estrutura fragmentada, e os temas bíblicos sesgados do apocalipse e a resurrección. A portada foi realizada por Matsuzaki. Reveille tardou tres anos en rematarse e foi o primeiro disco de Deerhoof en ser aclamado pola crítica, sendo incluído nas listas dos mellores discos de 2002 de The New York Times e Pitchfork.[7]
En 2002, entre a finalización e o lanzamento de Reveille, Chris Cohen uniuse a Deerhoof como guitarrista. Durante os seguintes tres anos este cuarteto tocou cunha variedade de artistas cada vez máis establecidos, como Le Tigre, Stephen Malkmus, Yeah Yeah Yeahs, TV on the Radio, The Roots, e Wilco. O lendario DJ de radio John Peel invitou á banda dúas veces a gravar sesións para BBC Radio 1, e Deerhoof foi escollido tanto por Sonic Youth como polo creador de The Simpsons Matt Groening para actuar en festivais All Tomorrow's Parties, sendo as súas dúas primeiras aparicións nese festival.
En contraste co proceso prolongado, minucioso e de produción dixital de Reveille, o álbum de 2003 Apple O' foi gravado case todo ao vivo nunha sesión de nove horas con Jay Pellicci.[2] A extinción, o holocausto nuclear, as especies invasivas, e o deus grego da música ocupan un lugar destacado nos temas do álbum. A portada foi debuxada novamente polo xa ex-membro Rob Fisk. Karen O escolleu Apple O’ como mellor álbum para os Music Awards da Rolling Stone do ano 2003, e o disco tivo moi boas críticas, destacando a de The New York Times. A valoración do álbum mellorou co paso do tempo e Apple O' aparecería posteriormente como un dos mellores traballs dos 2000 para Pitchfork. Os temas antibélicos do álbum foron subliñados pola aberta oposición de Deerhoof ese ano á invasión de Iraq.[8]
En 2003 Deerhoof converteuse na banda de máis percorrido en Kill Rock Stars.[9] Matsuzaki estaba editando unha revista xaponesa en Bay Area, Cohen servía mesas nun restaurante tailandés, e Dieterich e Saunier introducían datos para empresas xurídicas e consultoras,[2] pero ese ano todos decidiron deixar os seus traballos á vez e centrarse en xirar.[2] A banda contribuíu ao recompilatorio Azadi! A Benefit Compilation for the Revolutionary Association of the Women of Afghanistan. Saunier tamén publicou Nervous Cop, un álbum colaborativo con Zach Hill e Joanna Newsom.[10]

O seguinte disco de Deerhoof inspirouse nunha personaxe descarnada creada polo artista xaponés Ken Kagami.[2] O álbum de 2004 Milk Man contaba cun son opulento e teatral inspirado por Broadway e Igor Stravinsky. Foi aclamado pola revista Spin, nomeado ao premio “Álbum alternativo destacado” nos California Music Awards,[9] e foi número 1 na Dusted Radio Chart durante seis semanas seguidas, e tamén número 1 na CMJ Core Chart. Tamén é 2004 Deerhoof recibiu o Editor’s Choice Award da revista 7X7 Magazine, e foi votada “Mellor banda local de rock” polos lectores de SF Weekly.[9] En 2006 Milk Man foi adaptado como un balet infantil.[11]
O seguinte lanzamento de Deerhoof foi o primeiro en ser cantado en xaponés, a lingua nativa de Matsuzaki.[2] O mini-álbum de 2005 Green Cosmos combina un son orquestral con música dance de varias épocas. A portada foi creada a partir de cartas de tarot deseñadas polo director de vídeos musicais Dawn Garcia.
Deerhoof pasou varios meses en en 2005 nun espazo de ensaio alugado en Oakland, compoñendo e gravando diariamente como unha banda completa. Cando o resultado foi publicado ese outono, o álbum dobre The Runners Four presentaba a cada membro do grupo turnándose nas voces, cantando letras locuaces nas cales reaparecen arcas e cápsulas do tempo, como se se prevese que esa sería a derradeira gravación desa formación. Os roles instrumentais cambiaron para Matsuzaki (agora na guitarra) e Cohen (no baixo). A portada era de Trevor Shimizu, que tamén dirixiría os vídeos musicais de "Jagged Fruit" e "Criminals of the Dream" en álbums posteriores.
En 2006 Danielson publicou o aclamado Ships, que contaba con Deerhoof como banda de apoio en moitos dos seus temas.[12] Posteriormente nese ano, tras unha extensiva xira mundial que rematou en Coachella, Deerhoof compuxo e interpretou ao vivo unha banda sonora para a peza mestra de animación de Harry Smith Heaven and Earth Magic no San Francisco International Film Festival.[13] Esta sería a derradeira actividade de Cohen con Deerhoof. A separación moi amigable e, para conmemorar a Cohen, a banda publicou un EP gratuíto na súa páxina web.[2]
Reconfiguración
[editar | editar a fonte]Matsuzaki, Saunier e Dieterich comezaron unha nova gravación como trío. Ignorando o seu son no escenario e os seus roles, cada un deles colaborou con percusión, guitarra, baixo, teclados e produción. A pesar de ser gravado principalmente na habitación de Dieterich e de ser mesturado no ordenador da banda en hoteis durante as súas xiras con Radiohead, The Flaming Lips e Beck,[2] Friend Opportunity ten un son pulido e cinemático. Algún material era da banda sonora de Heaven and Earth Magic, outro era completamente orquestral (sen baterías ou guitarras), e unha canción ("Matchbook Seeks Maniac") foi creada especificamente para os créditos finais dunha película. As 12 portadas intercambiables do álbum foron creadas polo artista británico David Shrigley. O traballo foi louvado por Pitchfork e Rolling Stone,[14] e foi nomeado a un PLUG Award por Ric Ocasek.
Durante a xira mundial posterior ao lanzamento de Friend Opportunity, Deerhoof foi convidado por David Bowie para tocar no Highline Festival de Nova York. A banda tamén realizou concertos con Gnarls Barkley, The Roots, Beirut e Bloc Party. En colaboración con Ed Shearmur crearon a banda sonora para a comedia romántica de Justin Theroux Dedication.[1]
En xaneiro de 2008 Deerhoof converteuse novamente nun cuarteto ao entrar o guitarrista de The Flying Luttenbachers/Gorge Trio/XBXRX Ed Rodriguez. Ese verán Deerhoof publicou a canción "Fresh Born" en liña como unha partitura, anticipando experimentos semellantes de Beck e Blur durante varios anos. Os seguidores gravaron e subiron as súas propias versións da canción nunha páxina especial, antes de que calquera persoa puidese escoitar a propia versión de Deerhoof.[15]
Despois do Friend Opportunity, o Offend Maggie, editado en outubro de 2008, foi un cambio brusco cara un disco purista de rock con guitarras gravado ao vivo no estudio, resaltado pola descarada referencia ao tema de Free "All Right Now" no comezo de "The Tears and Music of Love". O son cru e nú enmascaraba elementos compositivos sofisticados, que levou a que varias cancións se convertesen en material para arranxos de jazz e clásicos realizados por outros artistas. Offend Maggie foi aclamado polos críticos de VH1, NPR, Entertainment Weekly, Alternative Press, yahoo.com, The Guardian e Mojo.[16] A portada foi realizada polo artista xaponés Tomoo Gokita.
En abril de 2010 Deerhoof comisionou o festival belga de música Sonic City, invitando a un ecléctico conxunto de artistas europeos como The Go! Team, Paolo Pandolfo oua banda belga de punk The Kids. En abril e xullo dese mesmo ano Deerhoof e Xiu Xiu uníronse para interpretar o álbum de Joy Division Unknown Pleasures no Donaufestival en Austria, e no Brooklyn's Williamsburg Waterfront.
Experimentación de formatos
[editar | editar a fonte]Partindo de "I Did Crimes For You", durante este tempo continuaron gravándose nun local de ensaio alugado en Oakland. As influencias musicais dos Beach Boys, o novo romanticismo, a tropicalia e a serie Congotronics chegaron ao Deerhoof vs. Evil de 2011. A banda publicou o álbum tema a tema a través de diferentes medios de comunicación en liña, cun mapa completo e a programación dispoñible no seu propio sitio web.[17] O álbum foi aclamado pola crítica, entre outras publicacións por Entertainment Weekly, MOJO e Paste.[18][19] O deseño de Matt Goldman foi a segunda portada de álbum de Deerhoof que presentaba unha nube en forma de cogomelo. Shugo Tokumaru fixo unha remestura de "Behold a Marvel in the Darkness".[20] Deerhoof iniciou inmediatamente unha serie de discos de 7" na que vocalistas convidados (incluíndo Jeff Tweedy de Wilco, Kevin Barnes de Of Montreal, o cantautor David Bazan, e o rapeiro Busdriver entre outros) cantaban novas letras sobre unha instrumental dunha canción de Deerhoof vs. Evil da súa elección.
Deerhoof foi a portada da revista The Wire en xaneiro de 2011.[21] Contribuíron ao recompilatorio benéfico de Polyvinyl Japan 3.11.11, para axudar cos danos causados polo terremoto e o tsunami de Sendai no mes de marzo.[22] Durante o verán de 2011, Deerhoof estivo de xira nun supergrupo internacional xunto a Konono N°1, Juana Molina, Kasai Allstars e outros, chamado Congotronics Vs. Rockers. O seu repertorio no escenario incluía a canción de Deerhoof "Super Duper Rescue Heads" de Deerhoof Vs. Evil.[23]
En abril de 2012 Deerhoof colaborou con Questlove, Reggie Watts, Sasha Grey e outros nun concerto conceptual chamado Shuffle Culture na Brooklyn Academy of Music.[24] Ese mesmo mes publicouse un libro de ficción xuvenil, Rules to Rock By, de Josh Farrar; trata dunha nena de 12 anos que se inspira en Deerhoof para formar a súa propia banda. A versión de Deerhoof de "Hitchhike" de LiLiPUT aparece na banda sonora do libro.[25] En xuño de 2012, nunha actuación de Deerhoof no Millennium Park de Chicago, o conxunto de música clásica contemporánea Dal Niente interpretou o arranxo de Marcos Balter de "Eaguru Guru" de Deerhoof.[26] No mesmo mes, Deerhoof e The Flaming Lips actuaron xuntos interpretando cancións de King Crimson, Canned Heat e Deerhoof.[27]
En 2012 Deerhoof tamén comezou a gravar na casa o seu seguinte disco, Breakup Song. A banda dixo que o álbum era unha resposta á tradición das cancións de ruptura, que consideraban que incluían demasiadas cancións tristes e moi poucas inspiradoras. Despois dunha longa sesión de mestura final no apartamento de Saunier, Matsuzaki fixo a foto da portada dun camión do lixo a primeiras horas da mañá.[28] O disco foi lanzado por Polyvinyl Records, e Joyful Noise Recordings tamén o lanzou en formato "flexi-book", o que permitía ao oínte pasar dunha canción a outra coma se cada pista fose unha páxina dun libro de contos.[29] O heroe de Deerhoof, Simeon de Silver Apples, fixo unha remestura de "Mario's Flaming Whiskers III".[30] Unha rara entrevista con toda a banda co antigo xornalista da MTV John Norris apareceu na revista Interview de outono de 2012, revelando algúns dos métodos de traballo de Deerhoof e a química do grupo.[31]
No mes de outubro Deerhoof publicou un sinxelo, "Sexy, but Sparkly", producido polo coprodutor do álbum de Public Enemy Fear of a Black Planet Chris Shaw, sendo a primeira vez que a banda traballaba cun produtor.[32] Foi gravado como parte da serie de curtametraxes documentais Masters From Their Day, que narra os esforzos dunha banda e un produtor musical mentres intentan gravar e mesturar un novo sinxelo nun só día.[33] A canción apareceu posteriormente no cuarto sinxelo compartido da serie LAMC, na que un artista coñecido escolleu a un menos coñecido (Deerhoof escolleu Half Waif) para facer o seu debut gravado, indo os beneficios para a American Civil Liberties Union.[34]
O duodécimo álbum de Deerhoof, La Isla Bonita, de 2014, foi autogravado en directo no soto do guitarrista Ed Rodriguez durante unha "festa de pixamas dunha semana discutindo sobre se intentar soar como Joan Jett ou Janet Jackson". As gravacións estaban pensadas como demos para ser regravadas co ex xornalista musical e batería de Mr. Dream, Nick Sylvester, pero á banda gustáronlle tanto as versións cruas que as conservaron e gravaron as voces con Sylvester. As letras estaban fortemente influenciada polo libro 24/7 do profesor de Columbia Jonathan Crary.[35] A portada do álbum é de Sara Cwynar. O vídeo de "Exit Only" presentaba a Michael Shannon interpretando dous papeis, cun cameo de Rodriguez.[36] The Guardian, na súa transmisión exclusiva de La Isla Bonita, recompilou testemuños sobre Deerhoof de varios músicos e artistas notables, incluíndo Jonny Greenwood de Radiohead, Henry Rollins, Graham Coxon de Blur, Adam Green, Brian Chase de Yeah Yeah Yeahs e David Shrigley.[37] O álbum recibiu grandes eloxios de NPR, A.V. Club, Alternative Press e The Wire,[38] e foi revisado por Merril Garbus, de Tune-Yards, para Talkhouse.[39]
20 aniversario
[editar | editar a fonte]Discografía
[editar | editar a fonte]| Álbum | Ano | Selo |
|---|---|---|
| The Man, the King, the Girl | 1997 | Kill Rock Stars |
| Holdypaws | 1999 | Kill Rock Stars |
| Halfbird | 2001 | Menlo Park |
| Reveille | 2002 | Kill Rock Stars / 5 Rue Christine |
| Apple O' | 2003 | Kill Rock Stars / 5 Rue Christine |
| Milk Man | 2004 | Kill Rock Stars / ATP Recordings / 5 Rue Christine |
| The Runners Four | 2005 | Kill Rock Stars / ATP Recordings / Children of Hoof |
| Friend Opportunity | 2007 | Kill Rock Stars / ATP Recordings / 5 Rue Christine |
| Offend Maggie | 2008 | Kill Rock Stars |
| Deerhoof vs. Evil | 2011 | Polyvinyl / Joyful Noise / ATP Recordings / Flying Nun / P-Vine |
| Breakup Song | 2012 | Polyvinyl |
| La Isla Bonita | 2014 | Polyvinyl |
| The Magic | 2016 | Polyvinyl |
| Mountain Moves | 2017 | Joyful Noise |
| Future Teenage Cave Artists | 2020 | Joyful Noise |
| Love-Lore | 2020 | Joyful Noise |
| Actually, You Can | 2021 | Joyful Noise |
| Miracle-Level | 2023 | Joyful Noise |
| Noble and Godlike in Ruin | 2025 | Joyful Noise |
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 "Deerhoof | Biography & History". AllMusic (en inglés). Consultado o 2019-02-25.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 Haruriunyan, Ruzan (2007-09-19). "Walker Art Center Presents Art-Rock Trio Deerhoof". HULIQ (en inglés). Consultado o 2019-02-25.
- ↑ Pitchfork (2013-02-09). "Deerhoof - Interview: On Forming The Band - Juan's Basement". Consultado o 2025-05-07.
- ↑ Pilchak, Angela (January 2005). "Deerhoof". Contemporary Musicians: Profiles of the People in Music. Farmington Hills, MI: Gale. 50: 23
- ↑ Peters, Alexa (2016-11-30). "Smartists: Deerhoof’s Satomi Matsuzaki". Medium (en inglés). Consultado o 2023-10-22.
- ↑ Chonin, Neva (2000-04-16). "Art Explosion Evicted". SFGATE (en inglés). Consultado o 2025-05-07.
- ↑ "Top 50 Albums of 2002 - Page 4". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-02-25.
- ↑ "The Party Panda Loves Me". web.archive.org. 2003-03-24. Archived from the original on 24 de marzo de 2003. Consultado o 2019-02-26.
- 1 2 3 "Press I Deerhoof I The Runners Four". web.archive.org. Archived from the original on 09 de xaneiro de 2016. Consultado o 2019-02-26.
- ↑ "Nervous Cop, by Nervous Cop". Nervous Cop. Consultado o 2019-02-27.
- ↑ "Deerhoof's Milk Man ballet - North Haven Community School - North Haven, Maine". web.archive.org. 2008-03-24. Archived from the original on 24 de marzo de 2008. Consultado o 2019-02-27.
- ↑ "Deerhoof, Sufjan to Appear On New Danielson Record". Stereogum. 2005-11-08. Consultado o 2019-03-04.
- ↑ "49th San Francisco International Film Festival Music/Film Programming Spans Diverse Genres - San Francisco Film Society". web.archive.org. 2011-07-16. Archived from the original on 16 de xullo de 2011. Consultado o 2019-03-04.
- ↑ "Friend Opportunity by Deerhoof" (en inglés). Consultado o 2019-03-05.
- ↑ "CASH Music: Deerhoof". web.archive.org. 2011-07-25. Archived from the original on 25 de xullo de 2011. Consultado o 2019-03-11.
- ↑ "Offend Maggie by Deerhoof" (en inglés). Consultado o 2019-03-14.
- ↑ "Deerhoof vs. Evil - Global Album Leak". web.archive.org. 2011-01-28. Archived from the original on 28 de xaneiro de 2011. Consultado o 2024-10-21.
- ↑ "Deerhoof: Deerhoof vs. Evil". Paste. Consultado o 21 de outubro de 2024.
- ↑ "Deerhoof vs. Evil". Album of the Year. Consultado o 21 de outubro de 2021.
- ↑ "Deerhoof - Behold a Marvel in the Darkness (Shugo Tokumaru remix) - Ghostarchive". ghostarchive.org. Consultado o 2025-05-07.
- ↑ "Deerhoof exclusive - The Wire". The Wire Magazine - Adventures In Modern Music (en inglés). Consultado o 2025-05-07.
- ↑ Fitzmaurice, Larry (2011-07-12). "Of Montreal, St. Vincent, Deerhoof, Love Is All Contribute to Polyvinyl Japan Benefit Compilation". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-05-07.
- ↑ "Deerhoof: "Congotronics Vs. Rockers" Tour". JamBase (en inglés). Consultado o 2025-05-07.
- ↑ "Questlove's 'Shuffle Culture' at the Brooklyn Academy of Music". Rolling Stone. 2012-05-23. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2012. Consultado o 2025-05-14.
- ↑ Dombal, Ryan (2010-04-12). "Listen: Deerhoof Cover LiLiPUT for Young Adult Book Soundtrack". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-05-14.
- ↑ "Ensemble Dal Niente - "Eaguru Guru" (Deerhoof cover)". www.youtube.com. Consultado o 2025-05-14.
- ↑ "The Flaming Lips and Deerhoof "21st Century Schizoid Man" (King Crimson) Lawrence, KS 6/22/12". 2012-07-03. Consultado o 2025-05-14.
- ↑ "Progress Report: Deerhoof". Stereogum (en inglés). 2012-08-09. Consultado o 2025-05-15.
- ↑ "News :: Deerhoof release "Flexi Book" via Joyful Noise! -". web.archive.org. 2013-10-03. Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2013. Consultado o 2025-05-15.
- ↑ "Mario's Flaming Dessert (Remix by Simeon Silver Apples)" (en inglés). Consultado o 2025-05-15.
- ↑ "Deerhoof Does Parties". Interview Magazine (en inglés). 2012-09-05. Consultado o 2025-05-15.
- ↑ Minsker, Evan. "Deerhoof: "Sexy, But Sparkly"". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-10-08.
- ↑ "Deerhoof with Chris Shaw – Episode 6 - Masters From Their Day". Masters From Their Day (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2014. Consultado o 2025-10-08.
- ↑ "LAMC No. 4: Deerhoof / Half Waif". Famous Class (en inglés). Consultado o 2025-10-08.
- ↑ Bagish, Corinne (2015-03-12). "Deerhoof on two decades of weirdness and a brand new video". Mashable (en inglés). Consultado o 2025-12-07.
- ↑ "Deerhoof - Exit Only [OFFICIAL MUSIC VIDEO]". 2014-11-11. Consultado o 2025-12-07.
- ↑ "Deerhoof – La Isla Bonita: Exclusive album stream". The Guardian (en inglés). 2014-10-27. ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-07.
- ↑ "La Isla Bonita by Deerhoof" (en inglés). Consultado o 2025-12-07.
- ↑ "Merrill Garbus (Tune-Yards) Talks Deerhoof's La Isla Bonita". Talkhouse (en inglés). Consultado o 2025-12-07.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial Arquivado 25 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.