Junta de Siete Villas
A Junta de Siete Villas é unha Junta ou Merindad de Cantabria, na que se integran os municipios de Bareyo, Arnuero, Noja, Meruelo, Argoños, Escalante e Santoña.[1]
Século XVI
[editar | editar a fonte]No século XVI a Merindad de Trasmiera estaba constituída como unha das entidades xurisdicionais que conformaban o compleo mosaico económico, administrativo e xurisdicional que presentaba Cantabria. Trasmiera sobresaíu na Idade Moderna como berce de numerosos mestres canteiros activos nas distintas empresas civís e relixiosas que entón se acometen na Coroa española. Trátase dun fenómeno significativo tanto en termos cualitativos pola importancia da obra desenvolida, como cuantitativos polo elevado número de artífices e de obras nas que interveñen.[2]
Os mestres canteiros transmieráns en Galicia
[editar | editar a fonte]Nos últimos anos tense investigando a actividade destes mestres nas distintas rexións xeográficas, aínda que é manifesto que a actividade desenvolvida en Galicia foi obxecto de escasos estudos. Entre estes, destacan as achegas de A. Goy Diz,[3] e J. M. Muñoz Jiménez. Por outra parte foron obxecto de estudo en achegas que os mencionan, conxuntamente con outros mestres, como é o caso do Diccionario de Artistas que florecieron en Galicia durante los siglos XVI y XVII de Pablo Pérez Costanti, así como en obras cuxo obxecto foi o estudo de determinados monumentos e empresas construtivas, entre eles, o estudo de Xosé Filgueira Valverde sobre a Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra, de J. M. Azcárate sobre o Hospital Real de Santiago de Compostela ou a tamén imprescindíbel, e monumental, obra Historia da Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela, de Antonio López Ferreiro.[4]
Así mesmo estes mestres foron estudados en obras cuxo obxecto era a análise de épocas ou períodos histórico-artísticos, entre as cales destaca o estudio de Antonio Bonet Correa sobre arquitectura en Galicia durante o século XVII.[5]
O vinculo que se produce en Cantabria, e concretamente nas rexións comprendidas na extensión de Trasmiera, coa cantaría na Idade Moderna, responde a un conxunto de factores de distinta natureza e que foi estudado desde o punto de vista social, económico, xeográfico e cultural. Un dos aspectos máis evidentes da súa actividade é a itinerancia. O fluxo de mestres canteiros do norte peninsular, principalmente vascos e montañeses, cara ao resto da península na Idade Moderna, é un fenómeno coñecido e foi estudado e valorado desde diferentes enfoques e perspectivas, tema en torno ao cal Mª. C. González Echegaray profundizou no seu estudo "Salida de la Tierra".[6] O desprazamento dos mestres canteiros de Trasmiera alcanzou un sorprendente grao de dispersión. Despregan a súa actividade non só na península, senón noutras zonas como as Canarias e América. Centrándonos en Galicia, interviron nun conxunto moi extenso e notábel de edificacións, con frecuencia en colaboración con outros mestres. Así, un feito moi significativo do panorama histórico-artístico en Galicia no século XVI é que se detecta unha importante confluencia de artífices de distintos ámbitos e procedencias. Galicia comeza este século cun período de regresión, como prolongación da crise baixomedieval. No século XV Galicia vive, en palabras de López Ferreiro, unha situación "triste e deplorábel". Circunstancia que sen dúbida afectaría desde finais do século XV ao propio desenvolvemento artístico do reino, xerando probabelmente un esgotamento dos centros artísticos locais,[7] coa conseguinte converxencia de mestres de distintas procedencias que traballaban na maior parte das obras que tiveron lugar nese período e cuxa intervención vese incrementada ao longo do século XVI. Dita confluencia vai xerando un trasvase importante de estilos e influencias artísticas. Neste "crisol artístico" é fundamental o apoio de mecenas; é o caso de certas familias da nobreza que durante o reinado dos Reis Católicos encontran na cultura e a distinción intelectual unha forma de afirmar o seu poder e prestixio, o que os leva a adoptar o papel de protectores das artes. Grazas a proxectos como a fundación do Hospital Real de Santiago de Compostela ou os llevados a cabo por Alonso I de Fonseca, en poucas décadas xerarase un dinamismo artístico, no que serán fundamentalmente dous os focos clave Santiago e Ourense, núcleos sobre os cales se asentan os piares do que será o "Renacemento galego".[8]
Púxose de relevo tradicionalmente a Santiago como o foco máis activo de Galicia. Aínda que o fenómeno da Peregrinación entrara en decadencia, era un elemento importante do enlace entre Europa e o occidente peninsular. O Arcebispado de Santiago nese momento era o terceiro en importancia da Coron de Castela, por detrás de Toledo e Sevilla. A importancia de Santiago de Compostela estaba determinada ademais por un aspecto fundamental, directamente relacionado coa cultura escrita, especificamente impresa. Santiago era a única cidade de Galicia con imprentas estábeis e universidade, co que iso implica.[9]
Destacan nas primeiras décadas do século XVI a presenza en Galicia dos mestres Diego Gil, Juan de los Cuetos e Diego de los Prados. Na segunda etapa constitúe un punto de referencia o ano 1538 en que Rodrigo Gil de Hontañón asume a dirección das obras na Catedral de Santiago de Compostela. Encóntranse tamén nesta etapa os mestres Juan de Herrera de Gajano e Juan Ruiz de Pámanes, entre outros. Na terceira etapa sobresaen algúns dos mestres que F. Marías Franco definiu como hontañonianos, entre eles Gaspar de Arce "o Vello", Gonzalo de la Bárcena, Bartolomé de la Torre e Juan de la Sierra "o Vello", entre outros.[10][11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Trasmiera. Universidad de Cantabria.
- ↑ Casado Soto, J. L. (1986): Historia general de Cantabria. Siglos XVI y XVII. Tomo V. Santander: Ediciones Tantín. ISBN 978-84-8636-044-3.
- ↑ Goy Diz, Ana (1992). "Los trasmeranos en Galicia: la familia de los Arce". Juan de Herrera y su influencia: actas del simposio, Camargo, 14-17 julio 1992. p. 149.
- ↑ Dúo Ramila 2011.
- ↑ Bonet Correa, A. (1984): La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Madrid: Consejo Superior de nvestigaciones Científicas, p. 98.
- ↑ González Echegaray, Mª. C. (1979): Salida de la tierra. Cantabria a través de su historia. La crisis del siglo XVI. Santander.
- ↑ Goy Diz, A. (2000): "La arquitectura en la primera mitad del siglo XVI en Galicia. Entre la tradición y la modernidad", en El Reino de Galicia en la época del emperador Carlos V. Santiago de Compostela, p. 692.
- ↑ María Dolores Vila Jato e Xosé Manuel García Iglesias (1993): Galicia na época do Renacemento, Arte. Galicia, Tomo XII. A Coruña: Hércules de Ediciones. ISBN 84-8724-421-1.
- ↑ Rey Castelao, O. (2003): "La cultura y sus expresiones en la ciudad clerical y universitaria", en E. Portela Silva, coord. Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Concello / Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela / Universidade de Santiago de Compostela, ISBN 84-9750-137-3.
- ↑ Marías Franco, F. 1991): "La arquitectura del clasicismo en Galicia", en García Iglesias, J. M., coord. Galicia no Tempo. Conferencias y otros estudios. Santiago de Compostela, pp. 169-182.
- ↑ Goy Diz, A. (2006): "El arte en tiempos de Miguel de Cervantes: apreciaciones sobre la arquitectura gallega", en Tapiz humanista: actas del I Curso de Primavera, IV Centenario del Quijote, pp. 277-334.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dúo Ramila, Diana (2011). "Espacio, Tiempo y Forma Serie VII, Historia del Arte, Tomo 24.". En UNED. Maestros canteros de Trasmiera en Galicia (siglo XVI). pp. 81–100. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2016. Consultado o 17 de decembro de 2021.