Julián Grimau
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Julián Grimau García 18 de febreiro de 1911 Madrid, España |
Morte | 20 de abril de 1963 (52 anos) Madrid, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | Cemiterio Civil de Madrid 40°25′21″N 3°38′10″O / 40.422444, -3.636044 |
Actividade | |
Ocupación | político |
Período de actividade | 1937 - |
Partido político | Partido Comunista de España |
Julián Grimau García, nado en Madrid o 18 de febreiro de 1911 e fusilado na mesma cidade o 20 de abril de 1963, foi un político español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Julián Grimau, dunha familia oriúnda de Segovia de oito irmáns, tivo que abandonar os seus estudos aos catorce anos para axudar ao mantemento da familia. Traballou en varias editoriais e chega a ser subxerente dunha delas na Coruña. Na cidade galega, Grimau asiste a conferencias e interésase pola problemática de Galicia. Chega a estudar o galego nunha gramática que lle presta un dirixente da organización autonomista galega ORGA, á que acabou pertencendo. De volta a Madrid, e proclamada a II República, afíliase ao Partido Republicano Federal. A partir do 18 de xullo de 1936 a historia da súa vida é practicamente a acta de acusación que o fiscal militar leu no consello de guerra.[1]
Na súa xuventude militou en Izquierda Republicana. Ó estalar a Guerra civil española, ingresou no Partido Comunista de España (PCE). Pasou a guerra en Barcelona, onde se adicou a labores policiais (o seu pai, Enrique Grimau, fora inspector de policía). Ó ser derrotado o bando republicano, exiliouse primeiro en Latinoamérica, en Cuba (onde coñeceu a José Gómez Gayoso)[2] para pasar, posteriormente, a Francia. Foi un dos dirixentes do PCE durante a época franquista. En 1954, durante o congreso do partido celebrado en Praga, foi elixido membro do seu comité central. A partir de 1959 faríase cargo da dirección do partido en España, onde tivo que residir clandestinamente ó longo de varios períodos.
A súa actividade fixo que fose unha das persoas máis buscadas pola policía española. Por iso, moitos investigadores preguntábanse polas razóns da súa misión en Madrid en 1962, que o levaría á morte, cando en palabras dos seus compañeiros de partido estaba excesivamente queimado (é dicir, que a policía lle seguía a pista de preto e era probábel a súa detención). É un episodio que nunca foi aclarado. Algúns antigos membros da directiva do PCE (o escritor Jorge Semprún entre eles) suxeriron que o secretario xeral, Santiago Carrillo, quixo apartalo do aparato de dirección en Francia provocando a súa detención en España.
O proceso de Grimau
[editar | editar a fonte]Grimau foi detido en novembro de 1962. A detención produciuse nun autocar no que viaxaban unicamente el e outros dous pasaxeiros, que resultaron ser axentes da Brigada Político-Social (policía política). Obviamente, fora delatado. Foi conducido á Dirección General de Seguridad, situada na Porta do Sol de Madrid, no edificio coñecido como Casa do Reloxo, que hoxe é a sede do goberno da Comunidade de Madrid. Alí caeu pola ventá dende un segundo piso a un vieiro choído, o que lle ocasionou graves lesións no cranio e nos pulsos. Grimau explicou este feito ó seu avogado declarando que nun momento dado da sesión da tortura á que foi sometido polos seus interrogadores, agarrárono e botárono pola ventá, esposado coas mans diante, razón pola cal fracturou a fronte e os pulsos. A policía política, por boca do ministro de Información Manuel Fraga Iribarne, declarou pola contra que Grimau recibira un trato exquisito e que nun momento do seu interrogatorio rubiu a unha cadeira, abriu a ventá e se tirou por ela de forma "inexplicábel" e por vontade propia. Pouco probábel xa que adoitábase esposar o reo á propia cadeira.
Fronte a tódalas previsións, Grimau non foi acusado pola súa militancia clandestina (o que lle valería unha condena no cárcere) senón pola súa actividade durante a guerra civil. Foi a derradeira persoa procesada e condenada en España como consecuencia da guerra. A razón é que, probabelmente, o réxime quixo dar unha lección á oposición nun momento no que existía unha tempada de alta conflitividade social e política.
Grimau foi acusado polo seu traballo como policía durante a guerra civil. Esa actividade, como tódalas exercidas polos membros da administración republicana durante a guerra, era cualificada de delito de rebelión militar. Aínda que o delito se conseguise probar, tecnicamente prescribira tralos 25 anos transcorridos. O tribunal debía probar entón que se trataba dun delito continuado.
En concreto, a Grimau imputábanselle torturas e asasinatos nunha "cheka" (centro de detención político) de Barcelona. Dita imputación, aínda que non foi demostrada no xuízo, fíxoselle tamén dende sectores anarquistas, que o acusan de ser un prominente membro do Servicio de Información Militar (SIM) e de dirixir a represión contra os trotskistas acusados do asasinato do axente do SIM, Leon Narwicz, en 1938. Non parece, porén, que existan probas documentais diso. Ademais, as devanditas fontes sitúan a actividade de Grimau en Madrid, e non en Barcelona.
Grimau foi procesado por un tribunal militar. Case non existían en España militares con formación xurídica, polo que bastaba con que fose avogado o relator ou fiscal, encargado de asesorar os presidentes do tribunal. No caso do xuízo a Grimau, exerceu de fiscal un habitual dos xuízos políticos, Manuel Fernández Martín, que en realidade nunca estudara Dereito e desenvolvía o cargo, coma moitas outras persoas na época, grazas a que podía declarar que os seus títulos "queimáranse durante a guerra" (foi desenmascarado un ano máis tarde, tras décadas de exercicio, e condenado ó cárcere). O defensor era a única persoa con formación xurídica da sala: o tenente avogado Alejandro Rebollo (que sería deputado anos despois), a quen a defensa de Grimau lle custaría o posto.
O xuízo celebrouse nos xulgados militares de Madrid o xoves 18 de abril de 1963, coa sala ateigada de xornalistas. Para Rebollo, o xuízo era nulo de pleno dereito (de acordo incluso coas leis políticas da época e aínda sen saber que o relator era un impostor). Os delitos de torturas non foron probados: as testemuñas da acusación declararon que coñecían os crimes do acusado a través de rumores ou relatos de terceiros que non podían comprobarse. Só estaba probado que, efectivamente, foi policía.
O delito continuado de rebelión era improbábel dado que Grimau pasara máis de 20 anos fóra de España trala fin da guerra e non existían indicios da súa presenza clandestina no país durante ese tempo. O fiscal cortou en numerosas ocasións as declaracións do acusado e do propio avogado defensor, a quen non lle tiveron en conta a súa alegación. Tras pouco máis de cinco horas de xuízo, sen deliberación, ditouse como estaba previsto a condena a morte.
En realidade, o xuízo por "rebelión militar", no que se aplicaba a Lei de Responsabilidades Políticas de 1938, facía previsíbel a sentenza. Este tipo de xuízos sumarísimos en aplicación dunha lei creada especificamente para aniquilar os republicanos non se producía dende os anos inmediatamente posteriores á guerra. No seu período de apoxeo, acababan invariabelmente cunha sentenza de morte, tanto que, a miúdo os bedeis do tribunal permitíanse facer sen reparos unha broma macabra que se fixo famosa: "que pase a viúva do acusado". O fiscal Fernández Martín actuaba con frecuenza nestes xuízos e a súa afección á pena de morte era tamén famosa.
Por outra banda, o Consello de Ministros do 1 de abril daquel ano 1963 aprobara a creación do Tribunal de Orden Público, que pretendía deixar definitivamente a lexislación represiva aprobada no marco da guerra civil. A Grimau corresponderíalle ser xulgado por ese tribunal, que non ditaría pena de morte senón de prisión. Por isto, para asegurarse de que Grimau fora executado, Franco dispuxo que a entrada en vigor da lei se atrasase ata despois do fusilamento.
A presión internacional
[editar | editar a fonte]Precisamente polo inusitado do procedemento, eco dunha guerra que por outro lado o franquismo parecía querer enterrar (comezaban a prepararse os actos dos "vinte e cinco anos de paz"), e porque se esperaba o peor, dende o anuncio dos cargos contra Grimau desatouse unha reacción internacional de protesta e presión sen precedentes en ningún aspecto relacionado con España.
A prensa internacional fixou a súa atención sobre o caso Grimau e producíronse manifestacións multitudinarias en varias capitais europeas e latinoamericanas. Nalgúns portos, os estibadores negábanse a descargar os barcos españois, e máis de 800.000 telegramas chegaron a Madrid pedindo a paralización do que consideraban un xuízo-farsa. A presión non pareceu afectar ó Caudillo, que na súa liña habitual atribuíuna a unha "conspiración masónica-esquerdista coa clase política". Manuel Fraga, en calidade de ministro de Información e Turismo, comezou unha intensa campaña dirixida á prensa internacional atribuíndo a Grimau os maiores crimes.
Trala lectura da sentenza, só cabía a posibilidade de que Franco conmutase a pena por outra de cárcere. Numerosos xefes de Estado puxéronse en comunicación con el para facerlle esta petición, entre eles o papa Xoán XXIII e o líder soviético Nikita Khrushchev, o que tampouco tiña precedentes: era a primeira vez que un dirixente soviético se dirixía oficialmente ó réxime franquista.
Dentro de España, algunhas personalidades próximas ó réxime pediron tamén clemencia. O Consello de Ministros, formado por 17 persoas, reuniuse o 19 de abril. Durou dez horas, aínda que ó parecer só Fernando María Castiella, titular de Exteriores, manifestou a súa oposición á execución da sentenza, alarmado pola presión internacional e as consecuencias que podía ter na política exterior española. A súa oposición foi, porén, máis ben tímida, xa que Franco finalmente esixiu unha votación e a decisión de asinar a sentenza tomouse por unanimidade.
Pasamento de Grimau
[editar | editar a fonte]Julián Grimau, namentres, pasaba no cuartel militar do barrio de Campamento as súas horas de capela, é dicir, as previas á execución da pena, en compaña do seu avogado, de acordo coas ordenanzas militares. Cara ás cinco da madrugada do 20 de abril, trasladóuselle nunha furgoneta ó campo de tiro do cuartel, onde debía executarse o fusilamento. En principio, correspondía á Garda Civil formar o pelotón, pero os seus mandos negáronse a facelo. O capitán xeneral de Madrid evitou tamén que o pelotón estivese integrado por militares de carreira, que era a segunda opción.
Parece ser que foi o propio Franco quen deu a orde de que os executores de Grimau fosen soldados de reemprazamento, e así se fixo. Novos, aterrados e sen experienza de tiro, segundo as testemuñas, dispararon a Grimau 27 balas sen lograr acabar coa súa vida. Foi o tenente que mandaba o pelotón quen houbo de rematar a Grimau de dous tiros na cabeza. Segundo confesou máis tarde á familia do falecido, este acto perseguiulle durante toda a súa vida, ata o punto de que acabou os seus días nun psiquiátrico. Julián Grimau foi enterrado no cemiterio civil de Madrid.
Rehabilitación de Grimau
[editar | editar a fonte]Coa chegada da democracia, a partir de 1975, abríase teoricamente a posibilidade de revisa-lo caso Grimau e o doutras vítimas da ditadura. Con todo, os acordos coñecidos como Pactos da Moncloa supuxeron “de facto” unha Lei de Punto Final e do silencio, da que o PCE foi, curiosamente (porque era quen máis sufrira a represión) o maior valedor.
En termos xerais, procurábase esquecer os aspectos máis escuros do réxime anterior e soterrar definitivamente a memoria da República e a guerra. Nos anos 80, segundo testemuñas de militantes do PCE e de familiares de Grimau, o Concello de Madrid, entón dirixido por Enrique Tierno Galván, do Partido Socialista Obrero Español, propuxo extraoficialmente rebautizar a avenida do Mediterráneo como avenida de Julián Grimau (existen rúas e edificios públicos co nome de Grimau en numerosas cidades fóra de España). O PCE negouse, mostrando así a súa vontade de soterrar o asunto.
Dende mediados dos anos 90, porén, a consolidación da democracia e o tempo transcorrido dende a guerra, ademais do pasamento da maioría dos seus actores (o que facía menos conflitiva calquera referencia á mesma), foi propiciando que se comezase a reivindicar no ámbito parlamentario a memoria e reparación dos represaliados.
Boa parte das iniciativas neste sentido procedían de Izquierda Unida, coalición que integra a un PCE, xa sen a súa antiga dirección e coas bases que a apoiaban moi minguadas. O 15 de abril de 2002 Izquierda Unida presentou unha Proposición no de Ley sobre la rehabilitación pública y democrática de la figura de Julián Grimau, que recibiu os votos en prol de tódolos partidos con representación parlamentaria excepto o Partido Popular, que gobernaba con maioría absoluta.
O PP tiña unha razón dobre para oporse e así o expresou: por principio, é contrario a toda iniciativa política sobre da guerra e as súas consecuenzas ou o franquismo. En segundo lugar, prevía que o debate sobre Grimau tiña moitas posibilidades de converterse ademais nun xuízo público ó ministro que defendeu en tódolos medios de comunicación o seu fusilamento, Manuel Fraga, fundador do Partido Popular e daquela presidente da Xunta de Galicia.
En maio de 2005, Izquierda Unida presentou unha iniciativa similar na Asemblea de Madrid (parlamento da comunidade autónoma), para que dita asemblea instase ó goberno a rehabilitar a figura de Julián Grimau. Esta iniciativa si contou co apoio do PP, que contaba coa maioría absoluta na cámara.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ José Antonio Novais (22 de xaneiro de 1978). "Julián Grimau, el último muerto de la guerra civil". El País (en castelán).
- ↑ Salgado, Daniel (24 de febreiro de 2023). "Gómez Gayoso, el comunista gallego fusilado en el 48 cuyo hijo preparó la operación del Che en Bolivia". eldiario.es (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2024.