Saltar ao contido

Juana Doña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJuana Doña Jiménez
Biografía
Nacemento17 de decembro de 1918 (no certificado de defunción consta como nada o 27 de decembro de 1918)
Madrid, España
Morte18 de outubro de 2003
Barcelona, España
País de nacionalidadeespañola
Q89547790sindicalista, feminista, política
Actividade
Ocupaciónescritora
Partido políticoPartido Comunista de los Pueblos de España
Partido Comunista de España
Organización Revolucionaria de los Trabajadores Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1017515

Juana Doña Jiménez, nada en Madrid o 17 de decembro de 1918 e finada en Barcelona o 18 de outubro de 2003, foi unha dirixente comunista, feminista, sindicalista e escritora española.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Con só 14 anos afiliouse á Xuventude Comunista en xaneiro de 1933. En setembro dese ano foi detida por primeira vez mentres actúa de piquete na folga xeral de Madrid. Foi nomeada primeiro secretaria feminina do Sector Sur e logo secretaria feminina do Comité Central das Mocidades Comunistas. Posteriormente ingresou na Unión de Mulleres Antifascistas.

En 1936 marchou vivir con Eugenio Mesón, dirixente das Juventudes Socialistas Unificadas, quen sería o seu compañeiro até que foi fusilado en 1941.

Ao comezo da Guerra Civil, Juana colaborou en labores de retagarda. En xaneiro de 1937 naceu Lina, a súa primeira filla. Púxolle dito nome en memoria da súa amiga Lina Ódena, militante comunista e miliciana, quen se suicidou en 1936 para evitar caer en mans das forzas falanxistas. A nena morreu de meninxite aos 7 meses, cando estaba en Valencia coa súa avoa. En febreiro de 1938 naceu Alexis, o seu segundo fillo. No entanto, Juana seguiu a compaxinar os seus labores no Comité Provincial da Unión de Mulleres Antifascistas.

Tras o golpe de Casado, o seu marido Eugenio foi detido e encarcerado no mosteiro de Sant Miquel dels Reis, en Valencia. Juana marchou a Alacant co seu fillo e a súa irmá para tentaren saír do país. Porén, foron apresados e trasladados ao campo de concentración dos Almendros. A finais de maio de 1939 foron trasladados a Madrid nun tren de mercadorías con outras presas nunha viaxe de 7 días. Durante o traxecto presencian como varios nenos falecen no interior do tren e as nais han de deixar os cadáveres na plataforma de Valencia.

Xa en Madrid entrou en contacto coa organización clandestina do PCE. Permaneceu agochada en varias casas de camaradas e en xuño de 1939 foi visitar o seu marido ao cárcere de Yeserías con documentación falsificada. O 5 de decembro de 1939 foi detida xunto á súa nai e irmá, acusadas de pertenceren á reorganización do PCE e de estaren implicadas no asasinato do Comandante Gabaldón. Dito feito ocasionou unha terríbel represión que acabou cos fusilamentos, entre outros, das mozas coñecidas como As Trece Rosas.[1] Juana foi levada a Gobernación e torturada con correntes eléctricas. O 24 de decembro ingresou no cárcere de Ventas, onde foi torturada. A súa nai, Paca Jiménez, e a súa irmá, saíron en liberdade tras seren torturadas con correntes nos oídos e nunha bañeira con auga.

No cárcere, Juana deu aulas a mulleres analfabetas e recibiu leccións de presas que foran mestras republicanas. O 28 de maio de 1941 saíu en liberdade. O 3 de xullo o seu marido foi fusilado con outros compañeiros nas tapias do cemiterio do Este.

Juana púxose a traballar servindo e vendendo pan no madrileño mercado de San Miguel. En 1944 volveu á loita clandestina como membro da guerrilla urbana madrileña, dentro da Agrupación Madrid. Realizou varias viaxes a Valdemanco, onde uns compañeiros presos que traballaban nun destacamento penal conseguíronlle sacos de dinamita que ela leva a Madrid nun coche de liña. Dirixiu os atentados contra a Brigada Político-Social e a embaixada arxentina, que conseguen gran relevancia sen causar feridos.

En 1947 foi detida xunto á súa nai e levada á Dirección Xeral de Seguridade, onde de novo foi torturada e obrigada a presenciar a morte dun compañeiro. En maio de 1947 foi xulgada e condenada a pena de morte. O PCE iniciou unha campaña internacional para tentar salvar a súa vida e a doutros compañeiros con igual condena. Evita Perón, de viaxe en España e por petición do fillo de Juana, intercedeu en favor dela e conseguiu que a pena fose conmutada por 30 anos de prisión.[2] Os seus compañeiros de xuízo foron fusilados o 28 de agosto no cemiterio de Carabanchel.

Juana ingresou no cárcere de Ventas e pasou tamén polos penais de Málaga, Segovia, Guadalaxara e Alcalá de Henares durante os 14 anos que pasa en prisión. Participou en folgas de fame nos de Málaga e Segovia. En Guadalaxara mostrouse crítica coa condena de expulsión do partido e separación de calquera actividade conxunta aplicada a dúas compañeiras comunistas por seren supostamente lesbianas.

En 1961 saíu en liberdade e marchou para Francia. Alí entrou en contacto co PCE exterior e comezou unha nova etapa vencellada ao movemento feminista. Anos despois fundou o Movemento pola Liberación e Igualdade da Muller.

En 1973 acudiu ao I Congreso do Partido Comunista de España (marxista-leninista) xunto co seu fillo Alexis. Participaron desde a mesa presidencial do mesmo, malia non quedar claro a súa pertenza ao partido. Porén, o PCE (m-l) asegurou que Juana militou no partido entre 1965 e 1976. Ademais, dirixiu desde París a Unión Popular de Mulleres (UPM), organización pertencente ao FRAP (Frente Revolucionario Antifascista y Patriota).

Durante o período coñecido como Transición, inmediatamente posterior ao franquismo, foi candidata ao Senado polo PCE. Posteriormente integrouse na Organización Revolucionaria de Traballadores e participou no nacemento do Partido Comunista dos Pobos de España en 1984. Escribiu varios libros, entre eles, Mujer, Desde la noche y la niebla, Gente de abajo e Querido Eugenio. Continuou a súa actividade política como membro de Comisións Obreiras e do Comité Central do PCE e colaboradora de Mundo Obrero. En 1998 recibiu o premio Comadre de Oro, outorgado pola Tertulia Feminista Les Comadres, en recoñecemento á súa traxectoria feminista.

Faleceu o 18 de outubro de 2003 en Barcelona, aos 84 anos.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

O 29 de maio de 2018 o Concello de Madrid rendeulle homenaxe co gallo do cambio de nome da rúa Batalla de Belchite polo da escritora no distrito de Arganzuela. Neste mesmo distrito tamén leva o seu nome un dos centros municipais «Espacio de Igualdad».[3][4]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ramos Mesonero, Alicia (1 de novembro de 2011). Memoria De Las Presas De Franco (en castelán) (1ª ed.). Huerga Y Fierro Editores. ISBN 9788483749555. 
  1. Fernández García, David (30 de xullo de 2014). "Isaac Gabaldón". LOVE Talavera (en castelán) (Talavera de la Reina). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2016. Consultado o 31 de agosto de 2022. 
  2. Pisani, Silvia (4 de agosto de 2002). "La comunista que salvó Eva Perón". La Nación (en castelán) (Madrid). Consultado o 31 de agosto de 2022. 
  3. Rafael, Patricia (29 de maio de 2018). "Juana Doña, feminista comunista encarcelada por el franquismo, ya tiene su calle en Madrid". elDiario.es (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2018. 
  4. "Espacio de Igualdad Juana Doña. Arganzuela". Ayuntamiento de Madrid (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2018. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]