Saltar ao contido

Juan López Suárez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJuan López Suárez
Biografía
Nacemento1884 Editar o valor en Wikidata
Vilacaíz, España Editar o valor en Wikidata
Morte12 de agosto de 1970 Editar o valor en Wikidata (85/86 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico Editar o valor en Wikidata
Premios

BNE: XX1677290 BUSC: lopez-suarez-juan-1884-1970

Juan López Suárez, máis coñecido como Xan de Forcados, nado no lugar de Forcados (parroquia de Vilacaíz, concello do Saviñao) en 1884 e finado en Madrid o 12 de agosto de 1970[1], foi un médico e filántropo galego, impulsor en Galicia de iniciativas científicas, culturais, económicas e sociais.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

López Suárez estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e en Madrid para logo marchar como investigador bioquímico a outros centros de Europa e América. Á súa volta a Galicia implicouse de cheo no pulo de numerosas iniciativas sociais e culturais. Pero tamén científicas, como a Misión Biolóxica de Galicia que fundou co fin de renovar a agricultura galega mediante a introdución de modernas técnicas de cultivo e de cría de gando. En 1916 adquiriu o Pazo de Arxeriz no Saviñao, onde máis adiante, no ano 1922, fundaría a industria láctea Arxeriz, iniciativa pioneira en Galicia da que logo xurdiría o grupo LARSA.

No eido máis propiamente académico, Xan de Forcados destacou pola súa grande implicación na Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, impulsada en 1907 dentro do proxecto da Institución Libre de Enseñanza por José Castillejo, quen por outra banda era o seu cuñado. Grazas a ela, e co esforzo concreto do mecenas do Saviñao, recoñecidas personalidades da vida cultural e intelectual galega (Cruz Gallástegui Unamuno, Isidro Parga Pondal, Domingo García-Sabell, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Castelao, entre outros) puideron realizar estadías no estranxeiro cunha bolsa da que era unha das principais entidades da vida cultural española e que o alzamento militar truncou e reprimiu no 36. Foi entón, na guerra civil, cando Xan de Forcados axudou a moitos represaliados polo réxime franquista.

No referente á cultura, López Suárez promoveu o estudo da riqueza patrimonial da Terra de Lemos. Do seu mecenado dá fe a publicación Los Castros de la Tierra de Saviñao de Florentino López Cuevillas e Antón Fraguas, así como o estudo da mámoa de Abuíme e a necrópole da Moura, a publicación de Cuevillas e Pura Lorenzana. Cabe destacar o seu decidido papel na defensa da muralla de Lugo, fronte a quen promovían a súa demolición (en dúas ocasións: o alcalde Ángel López Pérez, baixo a ditadura de Primo de Rivera, e as autoridades municipais da II República); tamén da integridade arquitectónica da Praza da Compañía de Monforte.

Home preocupado pola situación de Galicia, entre as súas prioridades figuraban a alfabetización da poboación rural, a súa alimentación e a mellora da calidade de vida dos labregos. O seu forte carácter filantrópico fixo que do seu propio patrimonio sufragase moitas obras de mellora e acción cultural na súa terra, a Comarca de Lemos, pola que sentía verdadeira paixón.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con Mariana Castillejo Duarte.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]