Juan Almeida Bosque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Juan Almeida Bosque
Juan Almeida Bosque.jpg
Nacemento17 de febreiro de 1927
 A Habana
Falecemento11 de setembro de 2009
 A Habana
CausaInfarto agudo de miocardio
NacionalidadeCuba
Alma máterUniversidade da Habana
Ocupaciónpolítico, compositor, militar e poeta
PremiosHeroe da República de Cuba e Premio Casa de las Américas
editar datos en Wikidata ]

Juan Almeida Bosque, nado na Habana o 17 de febreiro de 1927[1] e finado o 11 de setembro de 2009,[2] foi un político e compositor cubano.

Foi considerado a terceira figura máis importante do poder cubano tras Fidel Castro e o seu irmán Raúl Castro.[3] Membro da loita contra a ditadura de Fulgencio Batista, participou no asalto ao cuartel Moncada en 1953 e dun xeito destacado na loita revolucionaria despois do desembarco do Granma.

Despois do triunfo da Revolución o 1 de xaneiro de 1959, Almeida ocupou numerosos cargos de responsabilidade: membro do Buró Político do Comité Central do Partido Comunista desde a súa fundación en 1965, deputado da Asemblea Nacional e vicepresidente do Consello de Estado, desde a primeira lexislatura. Tamén foi comandante da Revolución e presidente da Asociación de Combatentes da Revolución Cubana.

Na súa faceta de compositor e escritor compuxo máis de 300 cancións e escribiu unha ducia de libros.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e xuventude[editar | editar a fonte]

Naceu na Habana nunha familia numerosa sendo o segundo de 12 irmáns.[5] Aos 11 anos deixou a escola e fíxose albanel.[6][7] Mentres estudaba Dereito na Universidade da Habana en 1952, fixo amizade co revolucionario Fidel Castro[3] e en marzo dese ano uniuse ao movemento anti-Batista. O 26 de xullo de 1953 participou xunto a Fidel, Raúl Castro, Abel Santamaría e outro cento de revolucionarios no asalto ao cuartel Moncada, en Santiago de Cuba.[7] A operación foi un fracaso: as forzas do ditador Fulgencio Batista repeleron o asalto e moitos dos atacantes foron abatidos, apresados ou torturados. Almeida foi un dos apresados e foi condenado a dez anos de cárcere. Foi internado no presidio Modelo, na Illa de Pinos.[7]

Expedición do Granma e Sierra Maestra[editar | editar a fonte]

Grazas á presión popular e ás aspiracións políticas de Batista para lexitimar o seu goberno en eleccións populares, en 1955 foi amnistiado xunto aos seus compañeiros. Pola imposibilidade de desenvolver a loita en Cuba, viaxou a México xunto co resto dos moncadistas. Neste exilio político preparouse no manexo de armas e partiu para Cuba no iate Granma en 1956 cun pequeno grupo de expedicionarios.[7] Ao chegar foron atacados polo exército en Alegría de Pío, onde moitos revolucionarios morreron e outros espalláronse. Unha vez que os superviventes dispersos se reuniron e subiron á Sierra Maestra ao mando de Fidel Castro, destacou na loita militar contra o exército, polo que o 27 de febreiro de 1958 foi ascendido a comandante do Exército Rebelde e pasou a dirixir a Columna Santiago de Cuba.

En marzo dese mesmo ano, dirixiu a III Fronte Oriental Dr. Mario Muñoz Monroy, que inicialmente adoptara o nome de III Fronte de Operacións en Sierra Maestra.

Goberno revolucionario[editar | editar a fonte]

Despois do triunfo da Revolución en 1959, ocupou cargos nas Forzas Armadas Revolucionarias (FAR). O 29 de marzo de 1962, Juan Almeida participou como vocal da Corte Revolucionaria presidida polo comandante Augusto Martínez Sánchez, que foi o encargado de procesar aos participantes na frustrada invasión de Baía de Cochinos o 17 de abril de 1961. Este tribunal estaba integrado tamén polos comandantes Guillermo García Frías, Sergio del Valle e Manuel Piñeiro.

Participou na fundación do Partido Comunista de Cuba e entrou a formar parte do seu Comité Central e do Buró Político en outubro de 1965.[7] Foi membro da Asemblea Nacional do Poder Popular dende a primeira lexislatura e vicepresidente do Consello de Estado de Cuba. Fo tamén presidente da dirección nacional da Asociación de Combatentes da Revolución Cubana (ACRC). A ACRC é a organización que rexe o traballo dos veteranos de guerra e dos militares de idade avanzada que se comprometen cos principios do Estado cubano.[5]

Morte[editar | editar a fonte]

O 11 de setembro de 2009 ás 23:30 horas, faleceu por unha parada cardiorrespiratoria aos 82 anos.[2][4] Os seus restos mortais foron enterrados no mausoleo da III Fronte Oriental, en Santiago, xunto con outros loitadores da Revolución cubana.[8]

Traxectoria artística[editar | editar a fonte]

O seu legado vai máis alá da loita revolucionaria, pois deixou tamén pegada na arte como escritor e como compositor musical. Compuxo máis de trescentas cancións, moitas delas durante o período guerrilleiro, das que fixeron varias producións discográficas, sendo editado o seu primeiro disco en 1959.[9] Algunhas das súas cancións máis populares son Dame un traguito, Esa mujer ou La Lupe, esta última con interpretacións de Amelita Frades e Silvio Rodríguez.[10]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

No 40 aniversario do seu ascenso a comandante do Exército Rebelde foi condecorado co título de Heroe da República de Cuba e coa Orde Máximo Gómez de primeiro grao.[5] En 2003, recibiu a Medalla Conmemorativa 50 Aniversario do 26 de Xullo.[11]

Obras[editar | editar a fonte]

  • Presidio
  • Exilio
  • Desembarco
  • La Sierra
  • Por las faldas del Turquino
  • Contra el Agua y el Viento, Premio Casa das Américas (1985)
  • La Única Ciudadana
  • El General en Jefe Máximo Gómez
  • ¡Atención! ¡Recuento!
  • La Sierra Maestra y más Allá
  • Algo nuevo en el desierto
  • La Aurora de los héroes

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Juan Almeida Bosque". telegraph.co.uk (en inglés). 18-9-2009. Consultado o 17-9-2019. 
  2. 2,0 2,1 "Fallece el vicepresidente cubano Juan Almeida Bosque". El País (en castelán). 12 de setembro de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 "Macho en la vida" (en castelán). 11 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 "Falleció el Comandante de la Revolución Juan Almeida Bosque". granma.cu (en castelán). (arquivado en WebArchive o 9-11-2018). 12-9-2009. Consultado o 17-9-2019. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Biografía de Juan Almeida Bosque". Granma (en castelán). 11 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  6. "Cuban revolutionary Almeida dies". BBC (en inglés). 12 de setembro de 2009. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 "Un héroe con música en el alma". Granma (en castelán). 10 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  8. "Sepultado Juan Almeida Bosque" (en castelán). 16 de setembro de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  9. "Juan Almeida: Revolución y Música" (en castelán). 11 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  10. "Juan Almeida, una vida musical" (en castelán). 12 de setembro de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  11. "Efemérides cubanas: La Historia el 26 de julio". tvcamaguey.co.cu (en castelán). (arquivado en WebArchive o 7-4-2014). 25-7-2013. Consultado o 17-9-2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]