Johannes Cornelis Wienecke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJohannes Cornelis Wienecke

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento24 de marzo de 1872 Editar o valor em Wikidata
Heilbad Heiligenstadt (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte11 de agosto de 1945 Editar o valor em Wikidata (73 anos)
Apeldoorn, Países Baixos Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino dos Países Baixos Editar o valor em Wikidata
EducaciónAcademia Julian (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmedallista Editar o valor em Wikidata
Período de actividade(Con vida en: 1920 Editar o valor em Wikidata)
EmpregadorReal Casa da Moeda dos Países Baixos Editar o valor em Wikidata
Membro de

Johannes Cornelis Wienecke, nado o 24 de marzo de 1872 en Heiligenstadt, Turinxia, e finado o 8 de novembro de 1945 en Apeldoorn, Güeldres, foi un medallista e deseñador de moeda neerlandés.[1][2][3][4]

Desde 1900 traballou como gravador de cuños na Real Casa da Moeda, en Utrecht.[2][5]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Wienecke pasou os seus primeiros anos en Oosterbeek, Güeldres, e logo do falecemento do seu pai, George Julius (1821-1884), marchou a Ámsterdam coa súa nai, Sietske Abrahamsz (1842-1912).[6][4]

Estudou Artes Aplicadas na Escola de Artes e Oficios Quellinus, en Ámsterdam (1888-1891), e Belas Artes na Academia Real de Belas Artes de Antuerpen (1891-1894) e na Academia de Belas Artes de Bruxelas (1894-1895).[1][2]

Posteriormente marchou a París, onde continuou os seus estudos artísticos nas academias Colarossi e Julian, e na Academia de Belas artes de París.[2] Tamén se formou co escultor Denys Puech.[1]

En 1898 foi o vencedor dun concurso cunha plaqueta en baixorrelevo coa que a cidade de Ámsterdam honrou a raíña Guillermina na súa coroación. A partir dese momento dedicouse á produción de traballos de relevancia menor. En París descubriu a súa atracción pola moeda e a medalla na súa visita ao Musée du Luxemburg en 1899 e alí formouse co medallista Henri Auguste Jules Patey, gravador principal da Monnaie de Paris.[1][3][4]

10 floríns de 1912, moeda deseñada por Johannes Cornelis Wienecke. O busto da raíña Guillermina, coñecido como "manto de armiño" estivo vixente nas emisións de moeda neerlandesa de 1910 a 1925.[7]

Esa aprendizaxe serviulle para ingresar na Real Casa da Moeda de Utrecht en 1900 como gravador de cuños axudante.[1] En 1909, accedeu ao posto como titular e tamén á xefatura do Departamento de Fabricación de Cuños e Medallas.[3][4]

En 1920, o Ministerio de Facenda decidiu eliminar o seu posto na Real Casa da Moeda, polo que Wienecke se viu obrigado a deixar a institución logo de dúas décadas de dedicación. A partir dese momento comezou a desenvolver o seu labor en varias empresas e foi socio da compañía Gerritsen & Van Kempen, con sede en Utrecht, na que permaneceu ata 1941. Nela deseñou placas e medallas, como a que celebraba a voda da princesa Xuliana e o príncipe Bernardo, entre outras moitas.[4]

Johannes Cornelis Wienecke casou con Caroline Peeters, con quen tivo un fillo, Eduard Wienecke.[6] Morreu en Apeldoorn aos 73 anos, e está soterrado no cemiterio Heidehof, en Ugchelen.[8]

Obra[editar | editar a fonte]

Na ceca de Utrecht encargouse do deseño de varias series de moedas circulantes nos Países Baixos, entre elas a coñecida como "manto de armiño" (1910-1925) e a de "cabelo recollido" (1921-1945). O cuarto retrato da raína Guillermina I que se amosa nos anversos das moedas desta última serie, é un dos seus traballos máis recoñecidos. Os deseños de Wienecke non só se aplicaron ás moedas circulantes nos países Baixos, senón tamén ás emisións de territorios neerlandeses como Curaçao, Suriname ou as Indias Orientais.[3][9]

As placas fiscais para bicicletas, fichas de medidores do gas e outros obxectos metálicos cotiáns cuñados na Real Casa da Moeda, tamén foron deseñados por el.[9]

Outra obra singular de Wienecke foi o deseño, en 1922, do logotipo do extinto Tribunal Permanente de Xustiza Internacional da Haia, que continúa vixente no Tribunal Internacional de Xustiza.[10]

En 1928 encargouse do deseño das medallas de participación nos Xogos Olímpicos celebrados en Ámsterdam.[11]

Galería de obras[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dalgunha das obras máis representativas de Johannes Cornelis Wienecke:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Wienecke, Johann Cornelius". Grove Art Online.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Johannes Cornelis Wienecke". RKD. Netherlands Institute for Art History.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Wienecke, Johannes Cornelis, (1872-1945)". Encyclopedie van Munten en Papiergeld.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "J. C. Wienecke, ontwerper". Online Museum De Bilt. 27 de xuño de 2020.
  5. Scheen, P. (1981).
  6. 6,0 6,1 "Johannes Cornelis Wienecke". Geni.com
  7. "10 Gulden - Wilhelmina". Numista.
  8. "Johannes Cornelis Wienecke". www.bekendedodenederlanders.com
  9. 9,0 9,1 "Multatuli en de penningkunst". Teylers Museum.
  10. Resnik, J.; Curtis, D. E. (2011). Representing Justice: Invention, Controversy, and Rights in City-states and Democratic Courtrooms. Yale University Press. Páxina 284. ISBN 9780300110968
  11. "Olympic Games 1928 Amsterdam. Participation Medal". Olympic Games Museum.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pelsdonk, M-A. et al. (2017). Johannes Cornelis Wienecke 1872 - 1945 medailleur en stempelsnijder. Stichting Nederlandse Penningkabinetten. ISBN 978-9492771018.
  • Scheen, P. (1981). "Wienecke, Johannes Cornelis". En Lexicon Nederlandse beeldende kunstenaars, 1750-1880. Scheen, A Haia. Páxina 582.
  • Snabilié, C. (1901). "J.C. Wiecke". En Elsevier's Geïllustreerd Maandschrift. Vol XI. XXI (xaneiro-xuño). Páxinas 3-11.
  • Tourneur, V. (1912). Johannes Cornelis Wienecke, Médailleur et graveur de la Monnaie royale d’Utrecht. Leroux, París.
  • Zwierzina, W. K. F. (1926). "De medailleur J.C. Wienecke". En Op de hoogte. Outubro. Páxinas 254-257.