Jim Thompson
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) James Myers Thompson 27 de setembro de 1906 Anadarko, Estados Unidos de América |
Morte | 7 de abril de 1977 (70 anos) Hollywood, Estados Unidos de América |
Causa da morte | ictus |
Actividade | |
Campo de traballo | Actividade literaria, suspense, television screenwriting (en) , detective literature (en) e thriller (en) |
Ocupación | escritor, sindicalista, actor de cinema, novelista, guionista, guionista de televisión |
Período de actividade | 1929 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Ficción detectivesca |
Obra | |
Obras destacables
| |
James Myers Thompson, nado en Anadarko (Oklahoma) o 27 de setembro de 1906 e finado nos Ánxeles (California) o 7 de abril de 1977, foi un escritor e guionista estadounidense, coñecido polas súas novelas negras de estilo pulp.
Malia que publicou máis de 30 novelas, a maioría en publicacións menores entre finais da década de 1940 e mediados de 1950, acadou sona despois de varias críticas positivas de Anthony Boucher no New York Times. O seu recoñecemento, con todo, non chegaría até que a finais da década de 1980 as súas obras foron reeditadas na colección Black Lizard. As súas obras máis famosas son O asasino que hai en min, Savage Night, A Hell of a Woman e Pob. 1280. Algunhas delas foron levadas ao cine, como The Getaway ou The Grifters.
A súa obra é, en certa medida, autobiográfica, ou polo menos baseada nas súas vivencias.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O pai de Jim era sheriff do condado de Caddo. Tras saír derrotado nas eleccións lexislativas do estado de Oklahoma en 1906, a familia marchou a Texas. Jim comezou a escribir xa de novo, chegando a publicar relatos sendo aínda adolescente. Tiña unha boa formación literaria, pero non estaba atraído pola educación regulada. Traballaba de noite de bedel e ía á escola de día, e despois pasou a traballar no Hotel Texas. Alí axiña se adaptou ás necesidades dos hóspedes, sendo frecuente que lles conseguise heroína e cánnabis. Así, lograba cobrar uns 300 $ á semana, lonxe da súa paga oficial de 15 dólares mensuais.
Adoitaba beber e fumar, e aos 19 anos sufriu un colapso nervioso. En 1926 comezou a traballar para unha petroleira. Despois fíxoo de forma autónoma xunto co seu pai, pero tras fracasar regresou a Fort Worth para seguir estudando e escribir profesionalmente. En 1929 matriculouse nun programa da University of Nebraska, pero en 1931 foi expulsado. O 16 de setembro dese ano casou en Marysville (Kansas) con Alberta Hesse, coa que tivo tres fillos.
Escribiu durante varios anos relatos para revistas sobre crimes reais. En ocasións as historias estaban baseadas en feitos reais, redactados de novo en primeira persoa. Nesa época escribía tamén para outras revistas como freelance.
A comezos da década de 1930 liderou o Proxecto Federal de Escritores de Oklahoma (Oklahoma Federal Writers Project), un dos programas do New Deal durante a Gran Depresión. Baixo a súa dirección traballaron autores como Louis L'Amour. En 1935 Thompson uniuse ao Partido Comunista, deixándoo en 1938.
Nos comezos da segunda guerra mundial traballou nunha factoría aeronáutica, ao tempo que era investigado polo FBI pola súa anterior militancia comunista. En 1942 escribiu a súa primeira novela, de corte semi-autobiográfico, Now And On Earth. O feito de que o escrito mantivese a temática de violencia e crime provocou que non tivese unha boa acollida, e malia as boas críticas, non acadou grandes vendas. A súa segunda novela, Heed The Thunder (1946), fala dunha familia violenta de Nebraska, baseada no seu propio clan.
Pasouse á novela de ficción con Nothing More Than Murder. Traballou para Lion Books, unha editorial pequena liderada por Arnold Hano, que ofrecía absoluta liberdade ao escritor. Con todo, Thompson alternou traballos para o Los Angeles Mirror en 1949.
Na década de 1950 madurou como escritor. En 1952 publicou O asasino que hai en min, a súa obra máis coñecida e valorada, levada ao cinema en 1976 e 2010 (dirixida por Michael Winterbottom). Entre 1953 e 1954 publicou 5 novelas, sendo considerada Savage Night (1953) unha das mellores.
En 1955 mudouse a Hollywood, onde Stanley Kubrick o contratou para adaptar a novela de Lionel White Clean Break, que daría lugar a Atraco perfecto. Aínda que Thompson escribiu a maior parte do guión, nos créditos só aparece referenciado como pequeno colaborador, o mesmo que pasaría con Paths of Glorye Lunatic at Large.
Thompson quedou en California o resto da súa vida. Dado que as súas novelas non acadaban moita popularidade, era común que traballase noutros eidos da literatura. Fixo programas de televisión e telefilmes.
Apareceu na película Adeus, boneca, como o xuíz Baxter Wilson Grayle. Morreu enfermo aos 71 anos.
Obra
[editar | editar a fonte]- Now and on Earth (1942)
- Heed the Thunder (1946)
- Nothing More Than Murder (1949)
- O asasino que hai en min (The Killer Inside Me, 1952)
- Cropper's Cabin (1952)
- Recoil (1953)
- The Alcoholics (1953)
- Savage Night (1953)
- Bad Boy (1953)
- The Criminal (1953)
- The Golden Gizmo (1954)
- Roughneck (1954)
- A Swell-Looking Babe (1954)
- A Hell of a Woman (1954)
- The Nothing Man (1954)
- After Dark, My Sweet (1955)
- The Kill-Off (1957)
- Wild Town (1957)
- The Getaway (1959)
- The Transgressors (1961)
- Os caloteiros (The Grifters, 1963)
- Pob. 1280 (Pop. 1280, 1964)
- Texas By the Tail (1965)
- South of Heaven (1967)
- Child of Rage (1972)
- King Blood (1973)
- Fireworks: The Lost Writings of Jim Thompson (1988)
- The Rip-Off (1989)