Ficción detectivesca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O detective Sherlock Holmes examina as botas dun sospeitoso nunha ilustración para o relato de 1891 "The Boscombe Valley Mystery"

A ficción detectivesca ou ficción con detectives (en inglés detective fiction) é un subxénero da novela negra e da ficción de misterio e de suspense, en que un investigador, a miúdo un detective profesional ou afeccionado, integrante ou nos das forzas oficiais, investiga un determinado delito.

Historia[editar | editar a fonte]

Literatura antiga[editar | editar a fonte]

Algúns estudosos suxeriron que certos textos antigos teñen semellanzas co que máis tarde se coñeceu como ficción detectivesca ou literatura de misterio. No Antigo Testamento, a historia de Susana e os anciáns (Daniel 13,[1] na Biblia protestante, esta historia considérase entre os apócrifos[2]), está relatada por dúas testemuñas mentres Daniel os interroga. Julian Symons respondeu os escritores e investigadores que ven este tipo de pasaxes como un embrión de novela policial, argumentando que "os que buscan fragmentos e indicios deste xénero na Biblia ou nas obras de Heródoto, só buscan pezas dun crebacabezas sen unha visión de conxunto", e estas pezas desconexas non forman verdadeiras historias detectivescas.[3]

Non obstante, ese enfoque non é compartido por todos os estudosos.[4] Por exemplo, na obra Edipo rei (contra 430 a.C.) do dramaturgo grego Sófocles, o protagonista descobre a verdade sobre as súas orixes despois de interrogar varias testemuñas, e aínda que a investigación de Edipo basáse en métodos sobrenaturais ou máxicos, esta narrativa ten "todas as principais características e os elementos formais da novela detectivesca, incluíndo un misterio que rodea un asasinato, así como un círculo pechado de sospeitosos, e o descubrimento gradual dun pasado ocultado".[5]

No mundo árabe[editar | editar a fonte]

Un primeiro exemplo coñecido referente a unha historia de investigación detectivesca fue "As tres mazás", un conto narrado por Sherezade nas Mil e unha noites. Neste conto, un pescador descobre un caixón pesado e pechado no río Tigris e véndeo ao califa Harún al-Rashid, quen entón leva o caixón ao palacio. Ao abrilo atopa dentro o cadáver dunha moza cortado en pedazos. Harún ordena ao seu visir Ja'far ibn Yahya que solucione o crime e atope o asasino nos seguintes tres días, ameazándoo con executalo se falla na misión.[6] O suspenso xérase por múltiples cambios na liña argumental segundo a historia progresa.[7] Esta historia, polo seu esquema claro e simple, ben pode ser considerada un arquetipo das narracións de ficción detectivesca, a pesar de que non intervén ningún detective no sentido moderno do concepto.[8]

A principal diferenza entre Yafar en "As tres mazás" e os detectives de ficción que xurdiron máis adiante é que Yafar non ten ningún desexo real de resolver o caso. Esta antiga historia policial resolveuse cando o asasino confesou o crime.[9]

A ficción detectivesca na China[editar | editar a fonte]

As historias Gong An, literalmente:"rexistros de casos nun tribunal de dereito público", correspóndense co xénero literario de ficción chinesa policial máis antigo do que se ten noticia. O heroe destas historias adoita ser un xuíz tradicional ou funcionario similar, baseado en personaxes históricas como o xuíz Bao ou o xuíz Di. Aínda que estas personalidades históricas puideron vivir nun tempo anterior (dinastía Song ou Tang), a maior parte das narracións escribíronse durante as dinastías Ming ou Qing.

Estas historias diferéncianse das da tradición occidental en varios aspectos, como sinala van Gulik:

  • O detective é o maxistrado local, que polo xeral está implicado en varios casos simultaneamente.
  • O criminal é presentado no principio mesmo da historia, e o seu crime e motivos tamén son explicados con coidado e detalle, constituíndo unha novela negra invertida[10][11][12] máis que un crebacabezas; o interese radica na historia mesma, que pode servir de apoio didáctico ou para argumentacións ético-filosóficas, e non tanto no suspense xerado por unha presentación intelixente e rebuscada.
  • Nas historias usualmente preséntase algún elemento sobrenatural, con fantasmas que informan á xente sobre unha morte, e aínda acusando ou identificando o criminal que cometeu o delito, ou informando sobre certas circunstancias relativas aos feitos.
  • As narracións conteñen frecuentes digresións filosóficas e éticas así como textos completos de documentos oficiais, xerando unha historia longa e en certo sentido didáctica ou referencial.
  • Estes casos documentados presentan un gran número de personaxes, nalgúns capítulos centos, e todo descrito en canto ás relacións deles cos actores principais na historia.

Robert van Gulik[13] escolleu traducir "Di Gong An" porque presentaba certas características máis achegadas á tradición occidental, o que probablemente xeraría narrativas máis amigables co lector non chinés.

Un feito salientable é que certo número das historias orixinais Gong An, pode que se perdesen ou se destruísen no período da inquisición literaria chinesa, ou durante as sucesivas guerras. Polo tanto, só puideron acharse un pequeno número dos correspondentes volumes, algúns deles incompletos, e frecuentemente rescatados das librarías de segunda man de Toquio.

Establecemento da ficción detectivesca no mundo occidental[editar | editar a fonte]

Un dos exemplos máis temperáns de ficción detectivesca bastante ben definida é Zadig,[14] de Voltaire (1748).[15][16][17]

Das Fräulein von Scuderi, unha historia curta de 1819 escrita por Ernst Theodor Amadeus Hoffmann, en que Mlle Scudery establece a inocencia do sospeitoso favorito da policía no asasinato dun xoieiro, ás veces tamén se cita como un antecedente e como unha referencia que inspirou a Edgar Allan Poe cando escribiu Os crimes da rúa Morgue.[18]

William Evans Burton nos anos 1850-1860

Como outra posible influencia sobre Poe en relación á ficción detectivesca tamén se suxeriu "The Secret Cell", conto publicado en setembro de 1837 e escrito por William Evans Burton, onde se presenta un policía londiniense que resolve o misterio do secuestro dunha rapaza. O detective creado por Burton confía en métodos prácticos (tenacidade e constancia, coñecemento da hampa, eficacia da vixilancia discreta, procura sistemática de indicios por descoido esquecidos polo delincuente) moito máis que no brillante poder dedutivo e de observación de quen rodea a investigación. Esta posibilidade de que Poe se inspirase nalgún sentido neste conto está avalada pola circunstancia de que o propio Poe traballou para Burton en 1839.[19]

Non obstante, polo xeral os estudosos e os críticos literarios opinan que a verdadeiras ficción detectivesca comezou no mundo de lingua inglesa en 1841 coa publicación do citado Os crimes da rúa Morgue,[20] onde se presenta o primeiro detective ficticio cun perfil ben definido, excéntrico, lóxico, brillante e con boa cultura xeral, C. Auguste Dupin; con el, Edgar Allan Poe[21][21] inventou unha fórmula para a trama que despois foi reiterada por moitos outros escritores con grande éxito.[22] Posteriormente, Poe continuou a escribir contos en que interviña a personaxe de Auguste Dupin: O misterio de Marie Rogêt[23] en 1843 e A carta roubada[24] en 1845.

Poe referiuse a estas historias como "Contos de raciocinio".[25][26] Nese tipo de narracións, a preocupación primaria do argumento céntrase en descubrir a verdade, e o medio habitual de obtela en xeral é un proceso complexo e misterioso que combina intuición, lóxica, astucia e inferencia perspicaz: "As primeiras historias policíacas orientáronse a seguir o investigador-protagonista dende a primeira escena ata a última, construíndo unha trama crible e realista, tanto dende o punto de vista práctico como en materia emocional e humana"[22][27]

O misterio de Marie Rogêt[23] (1842-1843) é particularmente interesante porque presenta unha descrición apenas novelada, sustentada na teoría de Poe relativa ao que realmente ocorreu na verdadeira vida de Mary Rogers.

Pola súa parte, Émile Gaboriau foi un pionero do xénero da ficción detectivesca en Francia. En Monsieur Lecoq (1868) por exemplo, a personaxe principal é experto en disfraces, unha característica con frecuencia importante para os detectives.[28] Considérase que a obra de Émile Gaboriau[29] contén o primeiro exemplo dun detective que examina minuciosamente a escena do crime, para descubrir pistas alí.[30]

A idade de ouro[editar | editar a fonte]

O período comprendido entre a primeira e a segunda guerra mundial (1920 e 1930) denomínase xeralmente a Idade de Ouro da ficción detectivesca.[31] Durante este período xurdiron unha serie de escritores moi populares, incluídos principalmente británicos pero tamén un notable subconxunto de escritores estadounidenses e neozelandeses. As escritoras constituían unha parte importante de notables escritores da Idade de Ouro. As británicas Agatha Christie, Dorothy L. Sayers, Josephine Tey e Margery Allingham e a neozelandesa Ngaio Marsh foron especialmente famosas desta época.[31]

Durante a Idade de Ouro estandarizáronse varias convencións sobre o xénero de detectives e, en 1929, algunhas delas foron codificadas polo sacerdote católico inglés e autor de relatos de detectives Ronald Knox no seu "Decálogo" de regras para a ficción detectivesca. Unha das súas regras era evitar elementos sobrenaturais para que o foco permanecese no propio misterio.[31] Knox sostivo que unha historia de detectives "debe ter como principal interese desvelar un misterio; un misterio con elementos que se presentan claramente ao lector nunha fase inicial do proceso e cunha natureza tal que esperte a curiosidade e que se satisfai ao final".[32] Outra convención común nas historias de detectives da Idade de Ouro implicaba un forasteiro (ás veces un investigador asalariado ou un oficial de policía, pero a miúdo un afeccionado superdotado) que investigaba un asasinato cometido nun ambiente pechado por un dos número limitado de sospeitosos.

O subxénero máis estendido da novela policial foi o whodunit (abreviatura de "quen o fixo?"). Neste subxénero pódese exercer un grande enxeño na narración do crime, normalmente un homicidio, e a investigación posterior. Este obxectivo era ocultar a identidade do criminal ao lector ata o final do libro, cando se revelan o método e o culpable. Segundo os eruditos Carole Kismaric e Marvin Heiferman, "a época dourada da ficción detectivesca comezou con detectives afeccionados de clase alta que usmaban os asasinos que axexaban nos xardíns de rosas, polos camiños campestres e nas pintorescas aldeas. Moitas convencións do xénero de ficción detectivesca evolucionaron nesta época, xa que numerosos escritores, dende animadores populistas ata respectados poetas, tentaron facer historias de misterio coas súas propias mans".[33]

John Dickson Carr (que tamén escribiu como Carter Dickson) empregou o enfoque "crebacabezas" na súa literatura, caracterizada por incluír un complexo crebacabezas para que o lector intentase desentrañalo. Creou tramas enxeñosas e aparentemente imposibles e foi considerado o mestre do "misterio da habitación pechada". Dúas das obras máis famosas de Carr son The Case of Constant Suicides (1941) e The Hollow Man (1935).[34] Outro autor, Cecil Street, que tamén asinou como John Rhode, escribiu sobre un detective, o doutor Priestley, especializado en elaborados dispositivos técnicos. Nos Estados Unidos, Rex Stout e Ellery Queen, xunto con outros, adoptaron e estenderon o subxénero whodunit. A énfase nas regras formais durante a Idade de Ouro produciu grandes obras, aínda que cunha forma moi estandarizada. As novelas máis exitosas desta época incluían "unha trama orixinal e emocionante; distinción na escrita, un sentido vivo do lugar, un heroe memorable e convincente e a capacidade de atraer o lector ao seu mundo reconfortante e altamente individual".[31]

Crítica moderna[editar | editar a fonte]

Preservación do segredo[editar | editar a fonte]

Aínda que non o pretendan, os publicistas, os críticos, os estudosos ou os afeccionados ás veces dan detalles ou partes da trama e, en ocasións, como no caso da novela I, the Jury, de Mickey Spillane, mesmo a solución. Despois dos créditos do filme de Billy Wilder[Testemuña de cargo (filme)|Testemuña de cargo]], pídese ao público que non falen con ninguén sobre a trama para que os futuros espectadores tamén poidan gozar plenamente da resolución do misterio.

Plausibilidade e coincidencia[editar | editar a fonte]

Para as series en que participan detectives afeccionados, os seus encontros frecuentes con delitos a miúdo proban os límites da verosimilitude. A personaxe de Miss Marple, por exemplo, investigou uns dous asasinatos ao ano; De Andrea describiu a cidade natal de Marple, a tranquila e pequena aldea de St. Mary Mead, como "un concurso de depravación humana que só rivaliza con Sodoma e Gomorra".[35] Do mesmo xeito, a heroína televisiva Jessica Fletcher de Murder, She Wrote encontrábase con cadáveres onde queira que fose, pero sobre todo na súa pequena cidade natal, Cabot Cove, Maine; The New York Times estimou que, ao final dos doce anos que durou a serie, case o 2 % dos residentes da cidade morreran.[36] A serie de televisión Monk burlábase con frecuencia desta inverosímil frecuencia. A personaxe principal, Adrian Monk, era acusado frecuentemente de ser un "amuleto da mala sorte" e un "imán para o asasinato" como resultado da frecuencia coa que ocorría un asasinato nas súas inmediacións.[37]

Do mesmo xeito Kogoro Mori da serie manga Detective Conan obtivo ese tipo de reputación pouco afagadora. Aínda que Mori é realmente un investigador privado coa súa propia axencia, a policía nunca o consulta intencionadamente senón que tropeza coa escena do crime.

O papel e a lexitimidade da coincidencia foi frecuentemente o tema de acalorados argumentos desde que Ronald A. Knox afirmou categoricamente que "ningún accidente debe axudar ao detective" (Mandamento no 6 do seu "Decálogo").[38]

Efectos da tecnoloxía[editar | editar a fonte]

O progreso tecnolóxico tamén fixo que moitas tramas resulten inverosímiles e anticuadas. Por exemplo, o predominio de teléfonos móbiles, buscapersoas e PDA alterou significativamente as situacións previamente perigosas en que tradicionalmente se podían atopar os investigadores.[39]

Unha táctica que evita a cuestión da tecnoloxía é o xénero dos detectives históricos. Como a interconexión global fai que o suspense lexítimo sexa máis difícil de acadar, varios escritores como Elizabeth Peters, P. C. Doherty, Steven Saylor e Lindsey Davis evitaron a fabricación de tramas intricadas para crear tensións e pola contra optaron por situar as súas personaxes nalgún período anterior. Tal estratexia obriga ao protagonista a confiar en medios de investigación máis inventivos, ao carecer das ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para os detectives modernos.

Pola contra, algunha ficción detectivesca abraza a tecnoloxía informática en rede e trata sobre ciberdelincuencia, como a serie de novelas Daemon de Daniel Suarez.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Libro de Daniel
  2. Círculos Teológicos, Biblia: Libros que no están en las Biblias Protestantes'
  3. John Scaggs, Crime Fiction (The New Critical Idiom), (2005), Routledge, p. 8, ISBN 978-0415318259.
  4. Opinións de estudosos
  5. John Scaggs, Crime Fiction (The New Critical Idiom) (2005) Routledge, pp. 9-11, ISBN 978-0415318259.
  6. David Pinault, Story-Telling Techniques in the Arabian Nights, (1992), Brill Publishers, pp. 86–91, ISBN 90-04-09530-6.
  7. David Pinault, Story-Telling Techniques in the Arabian Nights, (1992), Brill Publishers, pp. 93, 95, 97, ISBN 90-04-09530-6.
  8. David Pinault, Story-Telling Techniques in the Arabian Nights, (1992), Brill Publishers, p. 91, ISBN 90-04-09530-6.
  9. David Pinault, Story-Telling Techniques in the Arabian Nights, (1992), Brill Publishers, pp. 91–2, ISBN 90-04-09530-6.
  10. José F Colmeiro; La novela policíaca española: teoría e historia crítica; Editorial Anthropos, (1994), ISBN 84-7658-447-4.
  11. "Geografía de la novela negra en 2012", El País Cultura, 31 de xaneiro de 2012
  12. La ciencia y la novela policiaca Arquivado 28 de decembro de 2012 en Wayback Machine., (1988)
  13. Robert van Gulik
  14. La destinada (historia oriental)[Ligazón morta]
  15. Kenneth Silverman (1991), Edgar A. Poe: Mournful and Never-ending Remembrance, (Paperback ed.), Nova York, Harper Perennial, pp. 171, ISBN 0-06-092331-8
  16. A historia dinamarquesa Præsten i Vejlbye (en inglés The Rector of Veilbye, en galego O reitor de Vejlbye) escrita por Steen Steensen Blicher e publicada en 1829, e a novela norueguesa Mordet på Maskinbygger Rolfsen (en inglés The Murder of Engine Maker Rolfsen[Ligazón morta], en galego O asasinato do fabricante de motores Rolfsen) escrita por Maurits Hansen e publicado en 1839, son tamén outras creacións literarias de suspense policial.
  17. Maurits Hansen (1794–1842).
  18. Christopher Booker, The Seven Basic Plots, Continuum (2004), p. 507
  19. Michael Sims, The Dead Witness: a connoisseur’s collection of Victorian detective stories, Bloomsbury (2011), pp. 2-3. Burton escribiu a historia para a súa propia publicación en Filadelfia, Gentleman’s Magazine, que baixo un diferente propietario foi algo máis tarde a revista en que Poe publicou Os crimes da rúa Morgue; pero ademais, durante uns meses en 1839, Poe traballou para Burton como o seu editor, e polo tanto é razoable pensar que neses meses ou un pouco máis tarde puidese ler a historia ou polo menos ter unha referencia dela.
  20. Los crímenes de la rue Morgue
  21. 21,0 21,1 Edgar Allan Poe
  22. 22,0 22,1 Carole Kismaric, Marvin Heiferman, The Mysterious Case of Nancy Drew & The Hardy Boys, Nova York: Simon & Shuster (1998), p. 56, ISBN 0-684-84689-6.
  23. 23,0 23,1 El misterio de Marie Rogêt
  24. La carta sustraída
  25. Contos de raciocinio
  26. Kenneth Silverman, Edgar A. Poe: Mournful and Never-ending Remembrance, Paperback ed., Nova York: Harper Perennial (1991), p. 171, ISBN 0-06-092331-8.
  27. Orixinal en inglés: "Early detective stories tended to follow an investigating protagonist from the first scene to the last, making the unraveling a practical rather than emotional matter"
  28. R. Bonnoit, Émile Gaboriau ou la Naissance du Roman Policier, Librairie Philosophique J Vrin, París (1985), p. 198.
  29. Émile Gaboriau
  30. T. Gunning, Lynx-Eyed Detectives and Shadow Bandits: Visuality and Eclipse in French Detective Stories, Yale French Studies 108, (2005), p.75.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 "P.D. James: Who killed the golden age of crime? | The Spectator". The Spectator (en inglés). 2013-12-14. Consultado o 2018-03-29. 
  32. Bernthal, J. C. (2016). Queering Agatha Christie: Revisiting the Golden Age of Detective Fiction (en inglés). Springer. pp. 1–24. ISBN 978-3-319-33533-9. 
  33. Kismaric, Carole and Heiferman, Marvin. The Mysterious Case of Nancy Drew & The Hardy Boys. Nova York: Simon & Schuster, 1998. p. 56. ISBN 0-684-84689-6
  34. McKinty, Adrian (2014-01-29). "The top 10 locked-room mysteries". the Guardian (en inglés). Consultado o 2018-03-29. 
  35. Richard L. Floyd, The butler did it: A passion for mystery novels, The Monday Evening Club, 28 de febreiro de 2009.
  36. Barron, James (1996-04-14). "Whodunit? That Under-40 Crowd". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2018-03-29. 
  37. "The butler did it: A passion for mystery novels". mondayeveningclub.blogspot.ca (en inglés). 2009-02-28. Consultado o 2018-03-22. 
  38. "Father Knox's Decalogue: The Ten Rules of (Golden Age) Detective Fiction". www.thrillingdetective.com. Consultado o 2018-03-22. 
  39. "Stav Sherez: crime fiction and technology – Dead Good". Dead Good (en inglés). 2017-01-29. Consultado o 2018-03-22. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Julian Symons, Bloody Murder: From the Detective Story to the Crime Novel — A History ISBN 0-571-09465-1
  • Stacy Gillis and Philippa Gates (Editors), The Devil Himself: Villainy in Detective Fiction and Film, Greenwood, 2001. ISBN 0-313-31655-4
  • Pinaki Roy, The Manichean Investigators: A Postcolonial and Cultural Rereading of the Sherlock Holmes and Byomkesh Bakshi Stories, Sarup and Sons, New Delhi ISBN 978-81-7625-849-4
  • Jean Swanson e Dean James, Killer Books, Berkley Prime Crime edition 1998, Penguin Putnam Inc. Nova York ISBN 0-425-16218-4.
  • Witschi, NS (2002), Traces of Gold: California's Natural Resources and the Claim to Realism in Western American Literature, Tuscaloosa: University of Alabama.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]