Saltar ao contido

O asasino que hai en min

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O asasino que hai en min
Título orixinalThe Killer Inside Me
Autor/aJim Thompson
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela negra
Editorial Fawcett Publicationss
Galicia Rinoceronte Editora
Data de pub. 1952
Galicia 2012
TraduciónEva Almazán
editar datos en Wikidata ]

O asasino que hai en min[1] é unha novela negra en lingua inglesa do escritori estadounidense Jim Thompson, publicada en 1952 por Fawcett Publications[2] co título orixinal de The Killer Inside Me. Na introdución da antoloxía Crime Novels: American Noir of the 1950s aparece descrita como "unha das novelas de crime máis apaixonantes e intransixentes xamais escritas"[3][4] Foi traducida ao galego por Eva Almazán e publicada en 2012 por Rinoceronte Editora.

Lou Ford é un oficial do shériff nunha pequena cidade de Texas. Ford parece ser un policía habitual da cidade pequena, cunha vida anódina. Mais por baixo desa fachada é un astuto sociópata e depravado, con gustos sexuais sádicos. Malia ter unha relación estable coa profesora Amy Stanton, amiga da infancia, leva unha relación sadomasoquista coa prostituta Joyce Lakeland. Ford describe esta relación como "desbloquear a doenza" que o afecta desde adolescente, cando abusou sexualmente dunha nena, un crime polo cal o seu irmán máis novo adoptivo Mike foi culpado para evitar que Lou fose a prisión. Logo de pasar polo cárcere, Mike faleceu nun accidente laboral traballando para o magnate local da construción, Chester Conway, e Lou sospeita que Mike foi asasinado por non querer cumprir coas directrices do seu patrón.

Para vingarse de Chester Conway, Lou e Joyce fan chantaxe a Elmer Conway, o fillo do construtor, para evitar que se saiba que este tamén mantén unha relación coa prostituta. Porén, Lou dálle unha tunda a Joyce e dispara a Mike, simulando que se mataron entre eles. O avogado Howard Hendricks sospeita de Lou tras velo preto do lugar do crime, e o shériff Bob Maples comeza a investigar. Deteñen a Johnnie Pappas, un rapaz amigo de Lou que traballaba nunha estación de servizo, e a quen Lou dera un billete marcado de 20 dólares que á súa vez a el lle dera Elmer como pagamento da chantaxe. Para evitar que Johnnie Pappas o incrimine, Lou mátao e simula que o rapaz se suicidou nos calabozos da comisaría, abafado pola culpa. Porén, o avogado, o shériff e o o deputado Jeff Plummer seguen desconfiando. Lou e Amy, a súa moza, fan plans para escaparen da cidade e casar a escondidas, xa que por mor da moral imperante aínda non puideran facer pública a súa relación.

Un vagabundo que anteriormente fora ferido por Lou intenta facerlle chantaxe, dicíndolle que escoitou unha conversa que o incrimina. Cita o vagabundo na súa casa na noite en que ten pensado marchar con Amy, pero de novo simula un crime: de varios golpes deixa a Amy ferida de morte, e comeza a perseguir o vagabundo pola cidade acusándoo de violador. Plummer mata o vagabundo na persecución, e Lou é sedado e levado ao hospital. Plummer e Hendricks visitan a Lou no hospital, agora xa convencidos de que foi el o autor dos asasinatos, e dinlle a Lou que o shériff Bob Maples se suicidara, convencido da culpa de Lou. Móstranlle unha carta que Amy escribira e que tiña intención de darlle durante a súa fuga, na que sutilmente lle pide que lle aclare se está metido nalgunha lea. Lou nega que a carta sexa incriminatoria, pero Plummer e Hendricks ingrésano nun psiquiátrico, onde o torturan sen éxito obrigándoo a escoitar a voz de Johnnie e a ver imaxes de Amy.

Finalmente o avogado de Lou libérao, se ben non pode sacar a Lou da cidade. Lou acepta o seu destino e reflexiona sobre o seu pasado, chegando á conclusión de que o seu odio e a súa violencia, especialmente cara ás mulleres, se deberon a un incidente da infancia no que a súa antiga ama de chaves abusou del para vingarse do pai de Lou, médico con quen ela estaba infelizmente involucrada nunha relación sadomasoquista. Este incidente levouno a abusar das mulleres, o que levou á súa demencia precoz. Sabendo que o seu destino está marcado, Lou organiza o seu final. Enche a súa casa con alcohol e candeas, sabendo que vai ser visitado. Plummer e Hendricks chegan á vivenda cun equipo de policía e mais con Joyce, quen non falecera, se ben está gravemente ferida e irrecoñecible. Joyce asegúralle a Lou que non o delatou, e el afirma o seu afecto por ela antes de apuñalala. A policía dispara contra Lou e mátao, pero os disparos provocan unha grande explosión na casa.

Narración

[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en primeira persoa. A trama está ambientada en Central City, unha vila ficticia de Texas, en 1952.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

A obra foi levada ao cinema dúas veces. The Killer Inside Me, dirixida en 1976 por Burt Kennedy con Stacy Keach como Lou Ford e Tisha Sterling como Amy Stanton, e The Killer Inside Me, dirixida en 2010 por Michael Winterbottom con Casey Affleck e Jessica Alba.[5]

  1. O asasino que hai en min. Traducido por Eva Almazán (1ª ed.). Cangas: Rinoceronte Editora. 2012 – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  2. David Geffner (Novembro–decembro 2009). "Soul of a Writer". Humanities (en inglés). 
  3. "Crime Novels: American Noir of the 1950s". The Library of America. 
  4. Crime Novels: American Noir of the 1950s, Literary Classics of the United States, Inc. 1997. Nova York: The Library of America. ISBN 1-883011-49-3
  5. "The Killer Inside Me". IFC Films. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2015. Consultado o 15 de abril de 2020.