Johnny Clay (Sterling Hayden), despois de pasar cinco anos na cadea, decide dar o último golpe da súa vida: levar a recadación dun hipódromo, uns dous millóns de dólares. Selecciona meticulosamente os cinco homes que serán os seus colaboradores, e planea a estratexia do asalto cunha precisión insospeitada.
Na operación acompáñano o policía corrupto Randy Kennan (Ted De Corsia), Mike O'Reilly (Joe Sawyer), un home que necesita imperiosamente os cartos para curar a súa muller doente, George Peatty (Elisha Cook Jr.), un tipo pouco consistente que ve por todos lados pretendentes da súa atractiva muller Sherry (Marie Windsor), e Nikki Arane (Timothy Carey), un asasino profesional que debe disparar no hipódromo ao cabalo Relámpago Vermello, favorito para a sétima carreira.
Nese momento, grazas á confusión creada, a banda desvalixa a caixa forte onde están os cartos. Nikki morre polos disparos dun vixilante do aparcadoiro. Á parte diso o plan sae segundo o previsto, pero cando Johnny ten que levar os cartos ao grupo, a policía entra no local e ten lugar un cruzamento de disparos, polo que se dirixe ao aeroporto coa súa moza para dirixirse a Boston. Alí vense obrigados a facturar a maleta, e cando é transportada ao avión cae do vehículo, ábrese e os billetes comezan a voar. Canto están a escapar, son detidos pola policía.
A película ten varios puntos en común con A xungla do asfalto (John Huston, 1950), tamén protagonizada por Sterling Hayden. Nela planéase igualmente un "atraco perfecto", que tamén é frustrado de xeito absurdo para compracer a censura e que os "malos" sexan castigados.
A película utiliza un sistema narrativo non lineal, e desde os distintos puntos de vista de todos os protagonistas.